Seleccionar páxina

En Santiago de Compostela a 12 de maio de 2026

En datas recentes a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional fixo público o borrador das instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente para o curso 2026/27, que vai ser tratado na Mesa Sectorial de mañá, mércores 13 de maio de 2026.

Nese borrador recóllense diversas coordinacións de programas educativos aos que se lles asigna carga horaria específica nos IES. Lamentablemente, a coordinación do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables quedou excluída desa asignación de carga horaria específica.

O COLEF Galicia presentou unha alegación formal solicitando:

  • A inclusión da coordinación do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables no réxime de asignacións horarias vinculadas ao desempeño de funcións de coordinación, programas e responsabilidades organizativas nos IES
  • A definición de sesións lectivas e complementarias específicas para garantir que o profesorado poida desenvolver estas funcións dentro da súa xornada laboral.
  • O recoñecemento da colaboración na execución do Plan, imprescindible para a súa implantación real nos centros.

Así mesmo, tamén contactamos coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial para que valoren a oportunidade de presentar propostas sobre este asunto.