En Santiago de Compostela a 1 de xullo de 2026
O Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables, obrigatorio e coordinado polo profesorado de Educación Física, queda sen asignación horaria específica, supoñendo isto un menosprezo a un contido fundamental na educación transversal e ao colectivo profesional que o fai posíbel nos centros educativos, deixándoo no ámbito da voluntariedade.
En datas recentes a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional fixo pública a Resolución pola que se ditan as instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente para o curso 2026/27.
Dita Resolución recolle diversas coordinacións e programas aos que se lles asigna carga horaria específica nos IES e CPI. Porén, non incorpora a coordinación do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables, a pesar de que este é un plan obrigatorio en todas as etapas educativas non universitarias e a normativa vixente, aprobada pola Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades e publicada no DOG, establece que debe existir en cada centro.
Así mesmo, a normativa tamén dispón que o seu deseño, coordinación e supervisión debe recaer en profesorado con cualificación adecuada. Sen embargo, ao entender da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o profesorado encargado de elaborar, coordinar, supervisar e levar á práctica este plan debe asumir estas funcións fóra da súa xornada laboral. En consecuencia, esíxese un traballo especializado e unha responsabilidade institucional sen o correspondente recoñecemento horario.
A non asignación de carga horaria para a coordinación do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables supón, ademais unha desvalorización dun ámbito esencial para a saúde, o benestar e a adquisición de hábitos de vida saudables do alumnado, unha clara discriminación respecto doutras coordinacións que si contan con recoñecemento horario específico. Non existe ningunha razón pedagóxica nin organizativa que xustifique que unhas funcións sexan recoñecidas e outras, igualmente obrigatorias, dependan exclusivamente da boa vontade do profesorado.
No mes de maio, en canto se fixo público o borrador desta Resolución, o COLEF Galicia enviou á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, á Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa e á Dirección Xeral de Formación Profesional unha proposta de asignación de carga horaria para a coordinación do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables. Así mesmo, o borrador desta Resolución foi tratado en dúas Mesas Sectoriais do mes de maio, onde varios sindicatos presentaron propostas de asignación de carga horaria para a coordinación do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables.
Con todo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional non atendeu ningunha destas propostas, sen ofrecer ningunha explicación. Esta medida, a asignación de carga horaria para a coordinación do Plan de Actividades Físicas e Hábitos Saudables, é indispensable para asegurar que o plan non quede nun simple texto publicado no DOG, senón que se materialice en accións reais e efectivas no día a día dos centros educativos.
Lamentamos que unha vez máis a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional menosprece a importancia de Educación Físico-Deportiva na formación integral do alumnado e discrimine o profesorado especialista en Educación Física. Semella que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional considera que o profesorado especialista en Educación Física non é merecedor de que o seu traballo sexa valorado e tratado en igualdade que o profesorado das outras áreas e que debe realizar parte das súas función de forma voluntaria no seu tempo libre.
Esta decisión resulta especialmente preocupante nun contexto no que todas as evidencias científicas sinalan a necesidade de combater o sedentarismo, promover a actividade física e mellorar o benestar emocional da infancia e da adolescencia. A Consellería proclama a importancia destes obxectivos, pero négase a proporcionar os recursos mínimos para facelos realidade nos centros educativos.
O profesorado de Educación Física leva anos asumindo responsabilidades que exceden amplamente as súas obrigas lectivas, impulsando actividades complementarias, eventos deportivos, programas de promoción da saúde e iniciativas que enriquecen a vida dos centros. Esta implicación non pode seguir sendo utilizada pola Administración como substituto do recoñecemento institucional. Respectar o profesorado de Educación Física significa recoñecer o seu traballo, dotar de tempo as súas funcións e garantir as mesmas condicións que ao resto das especialidades docentes.
Quizais é o momento de que profesorado especialista en Educación Física reflexione se é adecuado seguir organizando e/ou participando en actividades complementarias e extraescolares cando a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional non recoñece o seu traballo.
