COLEF Galicia amosa a súa preocupación pola irresponsabilidade de difundir técnicas e métodos de exercicio físico sen evidencia científica nin capacitación profesional
En Santiago, a 14 de novembro de 2025
O COLEF Galicia manifesta a súa profunda preocupación pola crecente difusión en medios de comunicación e redes sociais de técnicas, métodos e programas supostamente vinculados á mellora da saúde e ao rendemento físico sen base científica contrastada nin respaldo profesional legalmente recoñecido.
O exercicio físico e o deporte constitúen un ámbito sensible que debe ser tratado con rigor e responsabilidade. A súa aplicación inadecuada pode derivar en problemas de saúde, lesións ou riscos evitables, especialmente cando a información se presenta como “eficaz” ou “innovadora” sen avaliación nin aval profesional.
“A sociedade debe poder confiar en que as recomendacións que recibe en materia de exercicio físico e actividade física teñen unha base sólida e están realizadas por profesionais cualificados e legalmente habilitados. A saúde da cidadanía non pode estar suxeita á improvisación nin á desinformación”, sinalan dende COLEF Galicia.
Dende a nosa entidade queremos lembrar que para exercer a profesión de Educador/a Físico Deportivo é preciso contar con titulación universitaria oficial en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e colexiación profesional, o que garante a formación, a responsabilidade e a ética no exercicio profesional.
Por este motivo, instamos aos medios de comunicación, institucións e empresas a:
- Contrastar sempre a información relacionada coa actividade física, o exercicio físico e o deporte con fontes solventes e profesionais habilitados.
- Evitar dar voz ou difusión a métodos sen aval científico nin supervisión técnica cualificada.
- Apostar por mensaxes baseadas na evidencia e no coñecemento académico e profesional contrastado.
Así mesmo, animamos á cidadanía a asegurarse de que os servizos deportivos ou programas de exercicio que recibe están dirixidos por profesionais cualificados, colexiados e recoñecidos legalmente, como garantía de seguridade, saúde e calidade.
O COLEF Galicia mantén o seu compromiso de seguir colaborando con institucións públicas e privadas, medios de comunicación e profesionais do sector, para promover unha cultura de actividade física segura, responsable e baseada na evidencia científica.
