Seleccionar páxina

En Santiago, a 14 de outubro de 2025

Recentemente foi aprobada a Ley 3/2025, de 23 de julio, de Presupuestos Generales de la Comunidad Autónoma de la Región de Murcia para el ejercicio 2025, que incorpora unha dedución autonómica no IRPF destinada a fomentar a saúde e o benestar da cidadanía a través do exercicio físico e da práctica deportiva. Convértese así na terceira comunidade autónoma en recoñecer a educación física e deportiva como un dereito merecedor de apoio fiscal, logo do camiño iniciado por La Rioja (2023) e a Comunitat Valenciana (2025).

Dende a corporación colexial celebramos os avances destas comunidades, que supoñen unha clara posta en valor da educación física e deportiva. Os beneficios individuais que esta resporta, demostrados pola abondosa evidencia científica existente -máis saúde e calidade de vida-, tradúcense tamén en beneficios colectivos nos ámbitos sanitario (eficiencia do sistema), económico (aforro no gasto) e social (benestar e cohesión).

A Declaración Política sobre Enfermidades Non Transmisibles e Saúde Mental -aprobada pola Asemblea Xeral da ONU- identifica explicitamente a inactividade física e os estilos de vida sedentarios como factores de risco modificables. O texto compromete aos estados a promover a actividade física, aumentar os espazos públicos activos, fomentar o deporte e a recreación, e reducir o sedentarismo. Ademais, inclúe a obriga de promover a actividade física, incluída a educación física e o deporte, en programas escolares e comunitarios.

En Galicia véñense dando pequenos pasos dende hai máis de 15 anos, con diversos proxectos e programas postos en marcha polos sucesivos gobernos da Xunta: Concellos Saudables (2008), Galicia Saudable (2010), Concellos Activos (2018) ou Adestra a túa saúde (2024). Sen embargo, as estatísticas sitúannos á cola na práctica deportiva por habitante (Anuario de Estadísticas Deportivas 2025), o que urxe canto antes o asentamento definitivo dun Plan Xeral de Promoción da Práctica de Exercicio Físico Saudable e Deporte que abranga a toda a cidadanía galega.

A dirección técnica dos diferentes proxectos por parte de Educadoras/es Físico Deportivas/os (EFD), como profesionais cualificados que aseguran unha práctica segura e saudable, foi un eixo fundamental nos citados programas e debe selo tamén nese ansiado futuro plan xeral. Non haberá outro xeito de garantir o seu obxectivo principal -mellorar a saúde da poboación galega- cun enfoque científico, pedagóxico e de calidade.

Por todo o anterior, dende o COLEF Galicia facemos un chamamento á Xunta de Galicia para que implante e desenvolva as medidas de promoción e fomento propostas, en cumprimento do mandato recollido no artigo 43.3 da Constitución, incentivando así á cidadanía a investir tempo e recursos no coidado da súa formación e saúde a través de servizos de educación física e deportiva.