Rematou os seus estudos no ano 2019 na Universidade da Coruña, actualmente está cursando un máster en Discapacidade e Dependencia e dende hai dous meses forma parte da xunta directiva do COLEF Galicia como vogal despois de ser elexida en votación.
Bo día Lucía, moitas grazas por ofrecerte a colaborar coas entrevistas do COLEF Galicia.
-Case todo o mundo que elixe o a nosa profesión ten unha forte unión co movemento e a motricidade dende que ten uso de razón, ¿qué foi o que che levou a estudar Ciencias da Actividade Física e o Deporte?
No meu caso decidinme porque era do que máis me gustaba facer, foi vocacional. Nesta formación atopei englobadas todas as miñas preferencias. Ademais, sempre me gustou e practiquei todo tipo de actividade física, deporte. Non me supoñía un esforzo amargo enfrontar un traballo neste ámbito, pois sempre realizaba as labores moi feliz e encantada de afrontar retos, o que é un aspecto clave, pois cando estudas o que che gusta, sempre vas esixir calidade e sempre vas manter esperta a curiosidade para non deixar de formarte; no caso do ámbito laboral, desenrolar un traballo no que estás cómoda e que vas feliz a traballar, vai permitirche poñer todo o empeño e interese en tratar de superar cada limitación que atopes, tanto de formación e coñecementos como de outra causa. A motivación é clave para estar en continuo movemento en todos os sentidos, e isto tamén llo transmites ás persoas coas que traballas ofrecéndolle calidade nos adestramentos e servizos.
– Unha vez rematada a carreira, son moitas as saídas profesionais e os campos nos que aplicar os teus coñecementos, ¿cara onde che gustaría encamiñar ese futuro? ¿qué é o que buscas? ¿qué lle dirías aos alumnos/as que van a rematar os seus estudos?
Saídas hai moitas, si. O que non hai é un traballo digno e non hai un recoñecemento profesional, o que nos fai atopar con moitas trabas.
Eu sempre traballei mentres estudaba, dende o primeiro curso de carreira. O que non pode pasar é que traballe nos mesmos sitios, coas mesmas condicións a nivel curricular e salarial con un FP Superior (formación coa que empecei a traballar) que con un Grado (formación actual). O nivel de coñecementos cambia moito así como a profesionalidade e a atención que ofreces. Iso debe verse reflexado e valorado.
O meu futuro quero vinculado coa investigación. Teño moitas inquietudes e quero continuar aportando a sociedade o meu grao de area na mellora da calidade de vida grazas a práctica deportiva. A miña intención é matricularme nun doutoramento e seguir exprimindo ao máximo todos os espazos que cerco.
Ao alumnado que vai terminar diríalles primeiro que tomen conciencia do que son a nivel profesional e que se impliquen e se colexien para que poidamos seguir loitando pola nosa regulación profesional. Por outro lado, gustaríame dicirlles que abandonen o pensamento negativo co que botamos o pé fóra da facultade. É necesario pararse un instante e ser capaz de visualizar e organizar todos os coñecementos que adquirimos para poder aplicar estes con éxito ao espazo laboral e profesional no que nos atopemos. E por outro lado, pensar nese intre no beneficioso que é dármonos conta de que nos queda moito por aprender. É preciso seguir estudando para evitar o estancamento así como seguir adquirindo contidos para podérmonos diferenciar dos demais.
– Está claro que a túa implicación coa profesión é moi alta, ¿qué foi o que che levou a presentarte a vogalía do COLEF Galicia?
No meu caso, sempre estaba a falar con persoas vinculadas ao COLEF, preguntando, cuestionando, etc, e como son moi propensa a implicarme naqueles ámbitos que considero que precisan un cambio ou progresión, decidín presentarme a vogalía. Sempre considerei que cando nos lamentamos moito por aquelas cousas inxustas, é preciso actuar. Esta foi a mellor maneira de pasar a actuación.
E por suposto, sen ser menos importante, porque quería aportar outra voz feminina contribuíndo na loita feminista e poñendo o til sempre en prol da sororidade no deporte.
– ¿Qué che gustaría aportar ó COLEF e a toda a colexiación?
Unha voz de crítica construtiva e a ollada e loita feminista principalmente.
– Coma ti, un tercio do COLEF Galicia son mulleres. ¿Cómo valoras a situación da muller no eido profesional actualmente?
A situación actualmente aínda é de unha desigualdade tremenda. Séguense coñecendo situacións de discriminación de xénero na gran maioría dos deportes, salarial, invisibilidade nos medios de información, dos (non)contratos, escasas axudas, e un longo etcétera deixando ó deporte feminino como o gran esquecido. Son situacións que non mudarán nunca mentres non mude a visión daquelas persoas que aínda nos teñen á marxe. É preciso que a sociedade comprenda que o deporte non ten xénero. Por iso é necesario continuar poñendo a voz ben alta nestes aspectos pois aínda queda moito por facer.
– ¿Cál crees que é o papel da muller nestes tempos nos que están a mudar o hábitos relacionados coa actividade física e o deporte?
Estas deben continuar practicando aquelas actividades que lles gustan e facelo sen prexuízos. Iso contribuirá en facernos máis visíbeis e ao mesmo tempo contribuirá a que se abandone esa diferenciación de deportes para homes ou mulleres mellorando as situacións específicas da práctica feminina.
-Como acabamos de comentar, os tempos e os hábitos relacionados coa nosa profesión están a mudar, ¿Qué opinión/reacción che merece ver e escoitar o intrusismo que sufrimos tanto nas administracións públicas como no eido privado?
Reacción de indignación e opino que é outra das moitas inxustizas que se nos presenta. É preciso que se nos recoñeza, pois a sociedade ten que saber en mans de quen se pon. Nós debemos ser unha garantía e seguridade para aquelas persoas que depositan en nós a súa confianza. Nós, como Educadoras Físico – Deportivas temos un compromiso maior e debemos ser referentes e responsábeis co noso traballo.
Por outro lado, aquelas persoas que traballan no ámbito por reprodución ou con escasa ou ningunha formación supoñen un risco e prexudican a nosa profesión.
A regulación profesional é unha prioridade.