Seleccionar páxina

ANTEPROXECTO DE LEI DE EDUCACIÓN DIXITAL DE GALICIA

ACHEGAS DO COLEXIO OFICIAL DE LICENCIADOS EN EDUCACIÓN FÍSICA E EN CIENCIAS DA ACTIVIDADE FÍSICA E DO DEPORTE DE GALICIA (COLEF GALICIA)

EXPOSICIÓN

O punto 5 do artigo 33, referido á gravación de probas de avaliación, establece o seguinte:

Artigo 33. Gravación das sesións educativas e docencia virtual

5. Así mesmo, poderán gravarse determinadas probas ou actividades de carácter avaliativo, tales como exposicións orais, interpretacións musicais ou artísticas, prácticas de laboratorio ou similares, cando non exista outro medio eficaz para rexistrar o resultado da actividade do alumnado, cos seguintes requisitos:

a) Estas gravacións realizaranse unicamente cos fins de avaliación e eventual revisión das cualificacións.

b) O acceso ao contido destas gravacións estará restrinxido ao profesorado responsable da avaliación, ao propio alumnado interesado, no seu caso, á inspección educativa , e en ningún caso se difundirán nin serán empregadas fóra do ámbito académico estritamente necesario para os fins mencionados.

c) O alumnado deberá ser informado previa e adecuadamente de que a proba ou actividade vai ser gravada con fins de avaliación.

Non se inclúen entre esas probas de avaliación que poidan ser gravadas as referidas á competencia motriz, como poden ser as probas de habilidades motoras ou de actividades artístico-expresivas. Neste tipo de actividades, propias da área de Educación Física, son necesarias as gravacións dalgunhas probas de avaliación da competencia motriz do alumnado, xa que implican a participación conxunta e simultánea de varios alumnos/as. Para que se poida realizar unha valoración obxectiva da realización de accións motrices do alumnado, faise necesario poder observar con detalle a execución da cada alumno/a, e iso non é posible se non hai gravación naquelas probas de avaliación que implican a participación conxunta e simultánea de varios alumnos/as.

Ademais de poder obter unhas gravacións que permitan realizar unha valoración obxectiva das probas mencionadas anteriormente, como parte do proceso de cualificación do alumnado, tamén son importantes as gravacións da execución das diferentes habilidades motoras ou actividades artístico- expresivas como actuacións que forman parte da avaliación das aprendizaxes das alumnas e dos alumnos con carácter formativo.

Nos decretos que establecen o currículo da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia inclúense varios criterios de avaliación referidos a situacións motrices con actuación conxunta e simultánea de varios alumnos/as.