Seleccionar páxina

Celebrada a Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria o pasado sábado, aprobáronse todos os puntos do día, tanto as actas de asambleas anteriores coma o orzamentos, cotas e plan anual, así como a modificación dos Estatutos do colexio.
O Presidente, Henrique Xoán Rodríguez quixo agradecer aos/ás presentes e a toda a colexiación a participación e o traballo que sempre, están a realizar, que son un exemplo do bo facer profesional e un verdadeiro valor social. Animou a seguir traballando do mesmo xeito e a trasladar ao Colexio todas aquelas ideas e propostas que poidan ser beneficiosas para os profesionais colexiados e a sociedade en xeral.

O remate da Asemblea fíxose entrega do Premio Consejo COLEF 2026 a D. Fernando Fernández Allende, un referente para o colectivo deportivo galego situándose como un profesional que enriqueceu de maneira trasversal á comunidade deportiva e educativa de Galicia, cuxa traxectoria reflicte máis de catro décadas de dedicación sostida á Educación Física e Deportiva. O seu perfil combina tres dimensións especialmente relevantes para este premio: docencia, desenvolvemento do baloncesto base e contribución ao tecido deportivo galego e estatal.

D. Fernando Fernández Allende estivo acompañado de familiares e amigos que fixeron máis grande se cabe a súa traxectoria tanto persoal como profesional.

Como docente exerceu en EGB, BUP, Secundaria e Bacharelato e, posteriormente, como profesorado do INEF de Galicia, adscrito á Universidade da Coruña. Durante estes anos, acompañou a moitos estudantes fomentando a participación, a adquisición de hábitos saudables e a vivencia positiva do movemento. A súa capacidade para integrar valores, benestar e aprendizaxe motriz foi destacada por COLEF Galicia como unha das bases do seu impacto profesional.

No ámbito deportivo, a súa especialización en baloncesto —acreditada por decenas de cursos, publicacións técnicas e responsabilidades no ámbito federativo— tradúcese nunha contribución decisiva ao desenvolvemento do baloncesto base, a tecnificación e a formación de adestradores e adestradoras. A súa actividade como docente da Escola Nacional de Adestradores, como técnico en clubs e seleccións, e como responsable de programas de formación e perfeccionamento configura unha influencia que transcende xeracións.

Finalmente, a súa participación en estruturas deportivas, federativas e municipais, así como en actividades de formación continua, sitúano como un profesional que enriqueceu de forma transversal a comunidade deportiva e educativa de Galicia.

Agradecementos a Deputación de Lugo polo espazo cedido para a realización das Asembleas e o Acto de entrega do Premio Consejo COLEF 2026.

PARABÉNS FERNANDO!!

ACCEDE AO VÍDEO DA SÚA TRAXECTORIA