En Santiago, a 27 de decembro de 2023
COMUNICADO DO COLEXIO OFICIAL DE LICENCIADOS EN EDUCACIÓN FÍSICA E CIENCIAS DA ACTIVIDADE FÍSICA E DO DEPORTE DE GALICIA (COLEF GALICIA) EN RELACIÓN AO BONO DEPORTE DA XUNTA DE GALICIA
Unha vez publicada a ORDE do 5 de decembro de 2023 (DOG 11.12.2023) mediante a que se establecen as bases reguladoras, se convocan e se abre o prazo de adhesión de establecementos comerciais, entidades deportivas e prestadores de servizos deportivos ás axudas correspondentes ao Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar a través do Bono deporte da Xunta de Galicia (120 € por cada menor de entre 6 e 16 anos, federado ou inscrito no programa Xogade); o COLEF Galicia desexa facer públicas as seguintes consideracións sobre o mesmo:
- O BONO DEPORTE NON PROMOCIONA A PRÁCTICA DEPORTIVA
O Bono deporte vai dirixido a un segmento da poboación moi reducido que xa está a practicar deporte e, polo tanto, exclúe a todas as persoas menores que non están inscritas en competicións, así como ao resto da poboación en xeral, onde se atopan os colectivos con niveis máis baixos de práctica e deberían incidir prioritariamente as iniciativas de promoción da actividade física e deportiva.
Así, a Carta Europea do Deporte (2021) especifica, no seu artigo 12 sobre o fomento da participación, que a práctica do deporte debe ser promovida entre toda a poboación, xa sexa con fins de recreación, de saúde ou de mellora do rendemento, mediante a provisión de programas diversificados e persoal cualificado. Pola súa parte, a Carta Internacional da Educación Física, a Actividade Física e o Deporte (2015) enuncia no título do seu artigo 4 que os programas de educación física, actividade física e deporte deben suscitar unha participación ao longo de toda da vida.
Tampouco compartimos a premisa de que a actividade deportiva de competición supoña por si mesma a adquisición de hábitos de vida saudable. Para que isto sexa así, precisa da dirección de persoal coa cualificación axeitada que dea prioridade aos aspectos formativos do deporte, fronte á busca de resultados competitivos. Aínda que estiveramos errados, cabe subliñar tamén que dificilmente o Bono deporte pode incentivar o incremento das federacións ou das inscricións no programa Xogade cando as axudas son convocadas a piques de rematar o ano e as súas bases reguladoras establecen que, para beneficiarse delas, o identificador Xogade ou o número de licenza deportiva federada do menor deberá estar emitida durante 2023.
2. EXISTEN INICIATIVAS MÁIS AXEITADAS PARA A PROMOCIÓN DA PRÁCTICA DEPORTIVA
En países como Bélxica, Suecia, Finlandia, Irlanda ou Eslovenia incentívase a práctica deportiva con abonos directos na nóminas das persoas traballadoras, e outros beneficios tanto no IRPF como no Imposto de Sociedades. Alemaña sostén dende 2015 axudas fiscais cunha desgravación de ata 450€ por actividades de mantemento físico, Portugal permite deducir ata o 15% dos servizos deportivos recibidos e Italia atende a desgravación dos gastos de actividade física e deportiva entre os 5 e os 18 anos.
Recentemente no estado español, a Comunidade Valenciana aprobou a dedución no IRPF do 30% dos gastos orixinados pola práctica deportiva, mentres que en La Rioja chegan ata o 100 % no caso de persoas maiores de 65 anos ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
Consideramos que iniciativas como as anteriores son máis eficaces para a promoción da práctica deportiva entre toda a cidadanía, así como máis xustas con familias, persoas maiores e colectivos con necesidades especiais.
3. RECLAMAMOS A FISCALIZACIÓN EFICIENTE DO BONO DEPORTE EN BASE Á LEI DO DEPORTE DE GALICIA
As bases reguladoras especifican que, para poder adherirse ao programa Bono deporte, os/as prestadores/as de servizos deben reunir as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade. Pola súa banda, as entidades deportivas están especialmente obrigadas a cumprir a LEI 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia (LDG). En consecuencia, reclamamos a fiscalización eficaz do cumprimento do artigo 72 da LDG que establece que para a realización de servizos de ensino, dirección, xestión, adestramento, animación e calquera outro relacionado co deporte, os poderes públicos autonómicos esixirán a posesión do correspondente título oficial da familia das actividades físicas e deportivas.
Tamén vemos necesario que se comprobe que os establecementos finalmente adheridos a este programa cumpran as seguintes esixencias do artigo 83 da LDG:
- Presenza, asistencia e intervención nas instalacións de técnicos titulados
- Ofrecer información, en lugar visible e accesible ao público e ás persoas usuarias, sobre o nome e titulación respectiva das persoas que presten servizos profesionais nos niveis de dirección, ensinanza ou animación
4. REITERAMOS O NOSO OFRECEMENTO DE COLABORACIÓN Á XUNTA DE GALICIA
O Bono deporte non foi consultado nin presentado previamente ao COLEF Galicia, que está a disposición permanente das administracións públicas para exercer os seus fins e funcións estatutarias, ben sexa participando en órganos consultivos, colaborando no exercicio das súas competencias, ou asesorando en materia de Educación Física e Deportiva. Así llo temos transmitido aos diferentes departamentos da Xunta de Galicia en innumerables ocasións pero con escaso éxito.
Aproveitamos a ocasión para insistir neste ofrecemento de colaboración á Secretaría Xeral para o Deporte e á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, órganos responsables da xestión destas axudas, co obxecto de participar en futuros procesos de elaboración e/ou mellora de programas de promoción da práctica deportiva.