Entrevista a ANDRÉS MANUEL DÍAZ DÍAZ
Colexiado número 57122
Lugar de traballo: GRUPO ENTRENAMIENTO Y SALUD (GEYSA)
“A falta de regulación nos prexudica laboralmente, pero considero que hai algo aínda máis importante, garantir a seguridade e saúde dos usuarios das actividades físicas e deportivas”
“Os deportes minoritarios seguen con problemas de instalacións e de patrocinios, dependendo das axudas públicas”
“O deporte é unha das formas máis propicias para educar en valores como o esforzo, respecto, solidariedade… e de potenciar a sensibilidade e empatía hacia as distintas realidades sociais”
O atleta coruñés Andrés Díaz mantén aínda o récord de Europa de 1.500 metros en pista, ten detrás un exitoso palmarés como deportista de elite e hoxe segue no mundo do deporte aínda que noutras facetas. Forma parte de Geysa (Grupo Entrenamiento y Salud), un equipo multidisciplinar que ten como clientes, sobre todo, a deportistas de competición aficionados; ofrece conferencias en diferentes foros e colabora con moitas causas solidarias. Ademais, defende firmemente o compromiso coa profesión. Disto e moitas cousas máis falamos nesta conversa.
-Deportista de elite e profesional do adestramento deportivo. Como tomaches a decisión de estudar Ciencias do Deporte e continuar a túa vida profesional vinculado á estes temas?
Sempre practiquei deporte, primeiro inculcáronmo na miña familia e despois o meu adestrador. No momento no que se creou o INEF Galicia vin a oportunidade para me formar no que me apaixona o que é o deporte.
Despois de cursar dous anos, deixei aparcados os estudos para centrarme na miña carreira deportiva; o ano da miña retirada retomei a carreira consciente de que se quería seguir adicándome ao deporte era necesaria, ademáis da experiencia de todos eses anos, unha formación académica.
-Como atleta tes unha traxectoria moi importante, e a túa marca de 1.500 metros en sala continúa sen ser superada. Que foi o mellor e o peor da túa carreira deportiva?
A nivel de resultados deportivos o récord de Europa, a medalla no Campionato do Mundo ou o Diploma Olímpico foron momentos de gran recompensa, pero en xeral o mellor son a cantidade de experiencias enriquecedoras tanto no adestramento como na competición e momentos difíciles de atopar noutros contornos.
O peor, o momento da retirada; asumir o final desa etapa tan intensa e ilusionante e a dificultade de reorganizar a esfera de motivacións.
-Melloraron os medios e recursos para os deportistas profesionais nestes últimos anos?
Hai un gran avance nas tecnoloxías e moitos máis profesionais traballando no deporte. Pero os deportes minoritarios seguen con problemas de instalacións e de patrocinios, dependendo das axudas públicas.
-Como é agora o teu ritmo de adestramento?
Tres ou catro días á semana, traballo cardiovascular, de forza, mobilidade e flexibilidade.
-En Grupo Entrenamiento y Salud (Geysa) sodes un equipo multidisciplinar -xunto aos profesionais do exercicio físico hai un cardiólogo- que ofrece adestramento personalizado, valoracións funcionáis, rehabilitación e mesmo pautas para que as empresas sexan máis saudables. Cal é a área na que hai máis demanda e que perfil de clientes tedes?
Geysa é un grupo de profesionais unidos por unha mesma filosofía de traballo; aínda estamos dando os primeiros pasos, o prefil de cliente co que traballamos hoxe en día é o deportista de competición aficionado.
-Cara a onde teñen que evolucionar os centros de adestramento deportivo?
A tendencia é hacia os centros de adestramento integral, con equipos multidisciplinares que buscan mellorar o rendemento persoal do cliente integrando profesionais con distintas especialidades no ámbito da preparación física, e incorporando ademais outras áreas como poden ser a fisioterapia ou a nutrición.
Variedade de servizos para poder personalizar e adaptar a oferta ás necesidades do cliente.
-Que opinas do intrusismo que afecta ás profesións do deporte e que medidas consideras que se poderían adoptar para loitar contra el?
Ademais de todas as accións que xa se están a realizar creo que conviría unha campaña de información e educación ao cidadán para que teña criterio suficiente á hora de escoller un servizo, xa que é o principal prexudicado, poñendo en risco a súa saúde.
-Ti es colexiado, e dentro de Geysa tamén o é Javier Roibal. Cales son as razóns fundamentais polas que recomendarías entrar no COLEF?
Primeiro por compromiso coa profesión, e por tódolos servizos que recibimos desde o COLEf, aportándonos información, formación continua, cobertura da responsabilidade civil e asesoramento.
-Cal é o principal problema que atopas na falta dunha regulación das profesións do deporte?
É evidente que esta situación nos prexudica laboralmente, pero considero que hai algo aínda máis importante, garantir a seguridade e saúde dos usuarios das actividades físicas e deportivas.
Outra consecuencia é a falta de consideración dos profesionais da actividade física como profesionais da saúde, xunto aos fisioterapeutas e outros do mesmo ámbito.
-Formas parte tamén da Asociación Galega de Xestores Deportivos. Polo que se ve es un convencido de que a unión fai a forza.
Coñecín Agaxede grazas a Eduardo Blanco, a quen é imposible dicir que non se che pide colaboración, xa que predica co exemplo do seu compromiso.
A mayoría dos avances e melloras no ámbito profesional ou social se conseguen coas reivindicacións e loita dos colectivos.
-Tamén colaboras habitualmente en actividades solidarias como é a carreira contra o cáncer que se celebrará o vindeiro 3 de xuño na Coruña. Cres que os eventos deportivos son unha boa forma de contribuír a visibilizar determinadas problemáticas sociais?
O deporte é unha das formas máis propicias para educar en valores como o esforzo, respecto, solidariedade… e de potenciar a sensibilidade e empatía hacia as distintas realidades sociais.