Entrevista a Carlos Vales Porto
Colexiado Nº 9.841
Licenciado en Educación Física con maestría en Salvamento Acuático e Socorrismo xa aventuraba nos seus inicios que o seu camiño ía a estar ligado á súa ocupación actual como Coordinador de socorrismo en praias e como Coordinador de diferentes programas do Plan Saúde, ambos no Concello de Vigo dende o 2008.
Ambas coordinacións xuntan o seu interese pola seguridade e a saúde da poboación como Educador Físico Deportivo
Bo día Carlos, moitas grazas por ofrecerte a colaborar coas entrevistas do COLEF Galicia.
– Cando comezaches a estudar o deporte todavía non era tan popular, ¿qué foi o que che levou a estudar Ciencias da Actividade Física e do Deporte?
Lembro que cando estaba en EXB xa tiña claro que quería “facer INEF” como se chamaba antes. O motivo principal entendo que era a enorme atracción que sentía pola actividade física, e nunca esquecerei a primeira clase de Iudo no pabillón das Travesas en Vigo con TAN SÓ CATRO ANIÑOS. Achaco completamente “a culpa” desa inquebrantable atracción pola actividade física, a meu pai e miña nai, porque non pode ser casualidade que os tres irmáns sexamos licenciados en educación física.
– Estas semanas estivemos difundindo as mellores contribucións profesionais para que a xente puidese practicar na casa con seguridade, ¿de onde nace o programa levado a cabo polo Concello de Vigo SINTOMEBEN?
Nace orixinalmente do programa “Concellos Saudables” coordinado entre o Goberno Bipartito da Xunta de Galicia en 2008 e un número considerable de Concellos. Vigo apostou dende o primeiro intre por este programa con importantes recursos propios, e cando as colaboracións económicas externas finalizaron, éste Concello mantivo o programa ata a actualidade, superando a crise do 2008 e “capeando o temporal” do Covid-19, o que indica claramente a forte aposta polo programa.
– Semella que o exercicio físico on-line deixou de ser un descoñecido, pero cando se trata de planificalo para a cidadanía falamos dunha cuestión complexa. ¿Qué cuestións son básicas para realizar con calidade e seguridade as actividades físicas e deportivas dun Concello como o de Vigo?
Este Concello ten un compromiso moi forte coa súa cidadanía, e coñecer a súa realidade é un dos puntos fortes. Neste caso pensamos moito o xeito de identificar os obxectivos reais que precisaban os/as vigueses/as na etapa de confinamento. Medimos con moito coidado o número de sesións semanáis e o descanso que precisan, as cargas coas que facer os exercicios, repeticións, recuperacións, e de xeito moi destacable o tipo de exercicio. Descartamos moitísimo traballo porque non podía haber un profesional dando pautas directas ao carón de cada usuario/a na súa casa. Incidimos moito en consellos encamiñados a evitar a aparición de molestias e lesións, dadas as características estándares dos espazos que todos/as temos en casa. Somos conscientes de que esta situación é temporal, é extraordinaria, non é a desexada por todos os profesionais. Unha vez remate esta situación todos os compañeiros e compañeiras deben poder atender “en directo” aos seus usuarios/as nos centros deportivos que contan cos medios óptimos para aportar a maior calidade asistencial posible.
– Lamentablemente non paran de aparecer persoas sen preparación que se dirixen á poboación sen ningún tipo de escrúpulo, e tamén atopamos algunha administración pública que prefire mirar para outro lado nas convocatorias. ¿Cal é a túa reacción/opinión ao escoitar que para coordinar e realizar as actividades en concellos no fai falla contar con educadores/as físico deportivos/as?
Ninguén con sentido común poría a súa saúde en mans dunha persoa que non fose un facultativo especializado, pero no caso da actividade física queda moito camiño para facer entender este principio á poboación en xeral. Hai moitos factores que poden ter influido, como unha regulación tardía, o impacto de deportes tan populares como o futbol, o pouco número de horas docentes de actividade física nos centros educativos, a promoción en medios de comunicación de consellos de deportistas profesionais como se fosen educadores cualificados, a influencia das novas tecnoloxías catapultando a persoas mediáticas sen a capacitación axeitada, e un longuísimo etcétera. Persoalmente son partidario de acudir SEMPRE a un/a profesional de cada sector cando se precise, porque son consciente do esforzó que conleva, e afortunadamente traballo para unha administración que ten moi claro estes principios.
– Por imperativo a sociedade vai mudar nos seus hábitos e conductas, o que conleva cambios desde todos os ámbitos científicos e técnicos. Dende o teu punto de vista ¿que consideras que deben ter en conta todos/as estudantes que rematan os seus estudos en Ciencias da Actividade Física e do Deporte ante esta nova normalidade?
Que cimenten a súa profesión na evidencia científica, pero que constrúan a súa carreira sen perder de vista nin un segundo a REALIDADE do seu entorno, dos seus usuarios/as e da súa especialidade. Ambos criterios deben ir ligados de por vida según o meu punto de vista.
– Na xestión das actividades deportivas os Concellos teñen un importante reto por diante, ¿como cres que o deberían plantexar no futuro próximo tendo en conta que esta é un factor de protección ante moitas enfermedades como está demostrado científicamente?
Ao meu ver os Concellos deben conseguir un maior nivel de competencias na aplicación de medidas clave aos cidadáns, re-estructurando con maior operatividade as súas áreas (xuventude, deportes, sanidade, educación, etc).
Non é doado para unha administración local planificar un programa coordinado de actividade física con esas “delimitacións clásicas” temáticas que afectan a cada departamento, e menos aínda cando cada unha delas ten un nivel diferente de competencia executable polo propio Concello, e con criterios externos doutras administracións que normalmente non se poden cambiar ou que incluso entran en conficto directo.
Nestes intres estase a falar moito de “pactos de Estado”, “programacións comúns”, en relación á economía, pero son partidario de que a prevención da saúde, na que podemos enmarcar tamén o noso sector, debería estar blindada polas administracións polo ben de todos e todas, e abordada dende un punto de vista interdisciplinar e innovador. Éste é un momento crucial para conseguilo, porque co motivo do confinamento, toda a poboación chegou a comprender a importancia real da actividade física no mantemento da súa saúde.
Finalmente quero rematar esta oportunidade para agradecer ao Colef a destacada labor que fai na defensa da profesión, e animar a todos os compañeiros e compañeiras na busca constante de novos e ilusionantes métodos de mellorar a saúde dos cidadáns a través da actividade física, porque como dixo Andy Atalman e adaptou Gerson Beltrán “Non podemos utilizar os vellos mapas para explorar un novo mundo”.