Seleccionar página

Entrevista a CRISTIAN ABELAIRAS GÓMEZ

Colexiado número 52072  

Traballo: Investigador e axudante doutor na Universidade de Santiago de Compostela

“Considero que os plans de estudo de CCAFDE deben tornar cara á saúde. Mentres nos teñan afastados dese ámbito, o servizo nunca será o ficiente que podería ser, porque nós temos formación en canto á natureza do exercicio físico que outros profesionais non teñen

“Na grande cantidade de afogamentos en España inflúe a falta de prevención; habería que introducir na escola clases de dominio do medio acuático, o que, con outras medidas, favorecería unha maior concienciación da sociedade e ata unha maior posibilidade de rescatar a unha vítima que estea afogando” 

” A regulación da nosa profesión é algo que precisamos como o comer” 

Investigador e docente universitario vocacional, Cristian Abelairas xa ten recoñecida a súa traxectoria con prestixiosos galardóns. Nesta conversa fálanos do seu traballo investigador no campo dos rescates acuáticos e da importancia de orientar a profesión cara á saúde, entre outros moitos temas.

A túa traxectoria profesional desenvólvese fundamentalmente no ámbito da formación e da investigación. Como é que te decantaches por estes campos?

Pois a verdade é que empecei a me interesar pola docencia na Universidade (o que inclúe tamén a investigación) en terceiro de carreira. Sempre me custou saber que dirección tomar, de feito fixen primeiro curso de Empresariais na Universidade de Oviedo, pero a partir do terceiro ano dos estudos de Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (CAFD) decidín tomar esta vía. As razóns? Moi curiosas e particulares. Nun primeiro momento comecei os mencionados estudos para ser profesor de Educación Física (EF) nun instituto, pero xa tras o paso de ecuador da carreira imaxinábame dando clase ao meu propio curso de cando eu estudaba a Secundaria e… aterrorizábame! Como a docencia me gustaba e en Primaria non podía dar clase sen Maxisterio, empecei a investigar sobre o que había que facer para dar clase na Universidade. Imaxinábame alí e gustábame a idea, polo que a partires dese ano enfoquei toda a miña carreira en base as premisas necesarias para dar clase na Universidade: asistencia a congresos, publicacións, doutoramento…

En cuarto de carreira, o meu traballo de fin de grao fixo que a decisión tomada o ano anterior fose máis forte. Fixen un traballo de investigación moi sinxelo sobre metodoloxía do ensino en socorrismo acuático e encantoume o proceso.

Ti que nalgunha ocasión impartiches mestrados sobre temas concretos, botas en falta algún contido específico na formación do grao en CCAFD? Que razóns principais son as que consideras que fan necesaria unha formación continuada no ámbito da actividade física e o deporte?

O tema central desta pregunta podería supoñer unha única entrevista. Persoalmente, considero que a orientación dos plans de estudo de CAAFDE debe tornar cara a saúde. Nos primeiros anos da titulación, os plans de estudos tiñan unha orientación clara a nivel de rendemento e docencia. As famosas mestrías (encantábanme) facían que o alumnado saíra da carreira cun gran coñecemento sobre determinados deportes, o que ao final facilitaba a consecución do título de adestrador. Có cambio de Licenciatura a Grao, as mestrías foron, en moitas universidades, as grandes prexudicadas. Un exemplo claro foi a da Coruña. Aínda que hai en universidades nas que se continúan a impartir, como na Universidade de Granada (co nome de Especialización Deportiva), non é o máis común.

Por outro lado temos o Mestrado Universitario en Educación Secundaria, que é obrigatorio se queres opositar aos corpos docentes de ensino secundario. A miña experiencia dime que os Graduados en CCAFDE chegan ao Mestrado cun coñecemento moi superior ao de outras áreas porque ao longo da carreira estudan moitas materias relacionadas coa pedagoxía, didáctica e psicoloxía. Polo tanto, na miña opinión, debería reducirse a cantidade de horas de docencia destinada a estas materias, xa que a persoa que queira opositar vai ter que facer o Mestrado. E o digo eu, que son profesor de didáctica! Pero temos que mirar polo interese da nosa situación e profesión, non polo noso propio. Pero é soamente a miña opinión.

Considero que a saúde é o presente e o futuro da nosa profesión (sen esquecer a docencia, rendemento e xestión) e o ámbito máis transversal. As cifras de sedentarismo e obesidade continúan a ser alarmantes, e nós temos que adoptar un rol de liderado xunto con outros colectivos.

En canto á formación continuada, penso que xa non soamente no noso ámbito, senón que en calquera é fundamental. A ciencia de todas as ramas avanza cada vez máis rápido polos mellores recursos que existen e os mellores profesionais; o coñecemento aumenta e nós temos que seguir o ritmo de avance do coñecemento para poder ofrecer o mellor a toda esa xente que depende de nós: na pista, no campo, na aula… onde sexa. De feito, é necesario que tamén aumente a cantidade de xente que estea por diante do coñecemento, é dicir, investigando para continuar a facer que o noso ámbito de traballo mellore máis e máis.

Desde o ano pasado estás a traballar nun estudo en Portsmouth sobre o rescate en inundacións en condicións simuladas. Cóntanos un pouco como xurdiu esta iniciativa, quen participa no estudo e que conclusións se poden obter nun tema no que hai poucas publicacións.

Levaba moito tempo tentando facer unha estadía de investigación no estranxeiro, pero debido aos diferentes contratos que tiven foime imposible. Finalmente, coa consecución dunha praza de axudante doutor na Universidade de Compostela, conseguín arranxar. Quería marchar a un país de Europa e pedinlle consello a un investigador holandés que foi tribunal na miña tese de doutoramento. Deume o nome e direccións de catro investigadores de Inglaterra, Dinamarca, Austria e Alemaña, e facendo balance de vantaxes e desvantaxes, considerei como primeira opción o investigador de Inglaterra, da Universidade de Portsmouth. A súa liña de investigación non é exactamente igual cá miña, pero si que consideraba que poderíamos atopar un punto común. O profesor Mike Tipton e un investigador especializado nas respostas fisiolóxicas e psicolóxicas en ambientes extremos e na selección, preparación e protección daquelas persoas que traballan ou están expostas a estas condicións. Contactei con el (a verdade sen moita esperanza), e ao día seguinte xa tiña a súa resposta convidándome a ir (pero deixando claro que alí non tiñan financiación para min) e xa cunha posible idea despois de estudiar a miña liña de investigación: demandas fisiolóxicas e perfil térmico dun rescate simulado en inundacións.

É un tema do que non hai absolutamente nada escrito nin investigado, polo que tivemos que empezar de cero e facer toda a metodoloxía no laboratorio da Universidade. Foi incrible ver como, sen haber absolutamente nada escrito, o profesor Tipton facía un primeiro esquema da metodoloxía a seguir tendo en conta absolutamente cada detalle. Alí contan cun laboratorio no que poden modificar a temperatura ambiente, humidade e simular radiación solar entre outras cousas. Ademais, teñen unha pequena piscina na que se pode regular a velocidade de corrente de auga así como a temperatura.

Por tanto, deseñáronse dúas situacións a superar polos participantes con diferentes correntes e temperaturas de auga, ambiente, humidade, radiación solar, vento, chuvia… No ambiente máis frío, a auga estaba a 7ºC e a temperatura ambiente a 4ºC. Os participantes portaban en todo momento os equipos de protección individual propios de rescatadores en inundacións. Fixéronse medicións de todo tipo a nivel térmico, metabólico, probas de destreza, forza…

Aínda estamos en plena fase de redacción de todo o proceso, pero parece ser que a condición de frío supón unha incapacidade para realizar tarefas de destreza, reduce a forza… mentres que a situación máis cálida supoñía un gran estrés metabólico e térmico que, en determinadas situacións, podería poñer en risco a vida do rescatador.

As catástrofes relacionadas co clima, entre elas as inundacións, están á orde do día. Está o persoal que se enfronta a estas situacións debidamente cualificado? Que se podería facer para mellorar a resposta nestes casos?

A miña escasa experiencia neste ámbito concreto dime que o persoal si que está ben cualificado. Pero penso que hai moita marxe de mellora pola pouca investigación existente ao respecto. No caso da intervención de determinados corpos ante as emerxencias, adóptanse medidas ou indumentarias extrapoladas doutros corpos de intervención ou simplemente “porque sempre se fixo así”. Coñecer as demandas fisiolóxicas deste tipo de intervencións pode contribuír a mellorar os adestramentos dos rescatadores, establecer mellores estratexias de rescate en función da climatoloxía ou do tempo que o rescatador estime que poida estar a facer o rescate, ou a mellorar os equipos de protección individual en función, por exemplo, da época do ano na que se produza a inundación.

 Tamén tes participado en traballos de investigación sobre afogamentos. Os últimos datos publicados constatan que, no caso concreto de Galicia, a comunidade está nos primeiros postos de vítimas mortais por este motivo e que, ademais, medran con respecto a anos anteriores. Que é o que está a fallar e que medidas se poden tomar?

De feito o tema principal da miña investigación é o socorrismo acuático. O problema principal que existe é a prevención. Diferentes estudos mostran, por exemplo, que a meirande parte dos afogamentos suceden en lugares sen presenza de vixilancia, e é incrible o número de afogamentos en piscinas de carácter privado. En xeral en España, a cantidade de recursos destinados a servizos de socorrismo diminuíu en dous sentidos: menos socorristas, e tempadas de verán máis curtas. Consecuencia, máis afogamentos. Se a isto lle sumamos a falta de coñecemento na sociedade sobre este ámbito (non precisas máis dun minuto para afogar) e as distraccións (o uso de teléfonos móbiles) e imprudencias, pois é normal que o número de afogamentos aumente. Cada vez son máis os vídeos que corren polas redes sobre adultos con faltas de supervisión dos máis pequenos, xente que non fai caso ás indicacións dos socorristas e demais conductas imprudentes.

Por tanto, o que está a fallar basicamente é a prevención. A inclusión deste tipo de contidos na escola, por medio de clases de dominio do medio acuático entre outras medidas, favorecería unha maior concienciación da sociedade e incluso unha maior posibilidade de rescatar a unha vítima que se estea afogando. Hai moita xente que morre tamén intentando rescatar a outros por razóns como non saber analizar a situación e non dominar o medio acuático. Un estudo realizado por investigadores holandeses rexistrou unha alta taxa de éxito en rescates realizados por xente non socorrista (a diferencia doutros estudos), atribuíndo como razón que en Holanda existe unha gran cultura acuática e que case o 100% das persoas aprende a nadar desde pequenas.

Moitos concellos pequenos vense incapaces de cubrir os servizos de socorrismo nas praias, por motivos económicos e por falta de persoal formado, co conseguinte perigo. Como se podería corrixir esta situación?

A pesar do meu primeiro ano de Empresariais, de economía entendo máis ben pouco. Habería que analizar a situación de cada concello, e tamén a situación de cada praia. Entendo perfectamente que non todas as praias poidan ter servizo de socorrismo en Galicia. Porén moitas veces ves contradicións no sentido de que afirman non ter cartos para servizo de socorrismo, pero o orzamento destinado á celebración das festas patronais é desorbitado. E eu son fan incondicional da festa galega! Pero insisto, habería que analizar moi ben cada parte. O problema dos cartos é que nunca todo o mundo vai estar de acordo, e no mundo do socorrismo o que nos atopamos é que hai moita cultura de “bueno, non vai pasar nada”, pero non pasa nada ata que pasa, e despois é nese intre cando nos lamentamos e nos preguntamos de por que non hai servizo de socorrismo, por que co sol que fai en setembro remata a tempada o 31 de agosto… En definitiva, prevención.

Algo moi imporante tamén é que a persoa no Concello que leve todo o relacionado có servizo de socorrismo estea familiarizada có ámbito.

O pasado ano fuches premiado como Xove Investigador no Consello Europeo de Resucitación celebrado en Friburgo. En que consistiu o traballo que che valeu este recoñecemento?

Todos os anos, o Consello Europeo de Resucitación (CER) celebra un congreso nalgunha cidade de Europa (en 2014 tocou Bilbao). Así mesmo, no congreso celébrase a Ian Jacobs e Petter Steen Young Investigators Competition. Nela, investigadores menores de 35 anos deben enviar un resumo de 300 palabras cos aspectos máis relevantes do seu currículo. Existen dúas modalidades: unha para persoal de medicina e enfermaría (Ian Jacobs) e outra para persoal non sanitario (Petter Steen). O ano pasado, en Friburgo, seleccionáronnos a dous investigadores españoles para a final. Nos Ian Jacobs awards seleccionaban a catro finalistas, entre os que se atopaba a entón residente de Cardioloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago Violeta González-Salvado, xunto cun investigador italiano, outro alemán e unha investigadora belga. Pola contra, no Petter Steen seleccionaban dous finalistas entre os que me atopaba eu e un investigador procedente de Australia. Os seis finalistas tivemos que facer unha exposición de 10 minutos sobre a nosa traxectoria investigadora con outros 20 minutos de preguntas ante un tribunal composto por catro persoas de renome no ámbito da reanimación cardiopulmonar.

Na clausura do congreso daban o veredicto do tribunal. No Ian Jacobs gañou a investigadora belga, Cornelia Genbrugge, e no Petter Steen, por primeira vez desde que se celebra o congreso, deron o premio aos dous finalistas, ao australiano Ben Beck, que realiza traballos de carácter epidemiolóxico, e a min. A verdade é que non o podía crer. Cando estaba facendo o Mestrado en Investigación dicía que “cando publique en Resuscitation [revista oficial do (CER)] retírome!”, e finalmente conseguín, non so publicar algún estudo nesa revista, senón estar entre os galardoados no congreso.

Indo a temas máis xerais, como ves a situación actual da profesión e que opinas en particular de temas polos que están loitando os colexios profesionais como a obrigatoriedade de colexiación, a consecución dunha lexislación homoxénea ou o aumento das horas de Educación Física nos colexios?

Ao igual que a pregunta sobre a formación, esta tamén podería abarcar unha entrevista enteira. Aínda que os profesionais de CCAFDE fixeron, estamos facendo, e os que virán o farán, un gran esforzo por mellorar a nosa situación profesional en canto a nosa formación, encontrar o noso oco no ámbito laboral e concienciar á sociedade sobre a importancia do noso labor, non temos que esquecer que, polo menos en España, non deixamos de ser un gremio xove. Iso, por exemplo, fai que non gocemos dun corporativismo e unión como outros colectivos, custando aínda máis loitar polos nosos dereitos. Considero que a colexiación é fundamental e necesaria para poder loitar polo que nos corresponde. Eu imaxino a determinadas institucións ás que nos diriximos facendo peticións pensando na proporción de colexiados entre o total de egresados (das aproximadamente 50 facultades!) e case ríndose de nos: “Primeiro organizádevos ben, poñédeos dacordo, e despois volvedes”, imaxino na miña mente.

A regulación da nosa profesión é algo que precisamos como o comer. O que non pode ser é que os graduados estean a desempeñar funcións que, en principio, están destinadas a técnicos, e que estes últimos á súa vez se atopen coa competencia de xente con cursos de (des)formación non oficiais. Debemos definir moi ben cales deben ser as nosas competencias en todos os ámbitos nos que consideramos que deberiamos telas, e posteriormente loitar como sen non houbera mañá por elas. Eu son un fiel defensor de que deberiamos ter competencias no ámbito sanitario. Mentres nos teñan afastados dese ámbito, o servizo nunca será o eficiente que podería ser, porque nós temos formación en canto á natureza do exercicio físico que outros profesionais non teñen. Considero que a colaboración con fisioterapeutas, médicos, enfermeiros e psicólogos (entre outros) é fundamental, pero mentres esteamos fora, a atención nunca será plena.

En canto ás horas de EF nos colexios, é evidente que dúas horas son totalmente insuficientes. Ademais, considero que a transformación dos Maxisterios en Graos lle fixo un fraco favor aos futuros docente de EF en Primaria. Se te paras a analizar o currículo de EF comprobas que, tendo en conta as fases de desenvolvemento de nenos e nenas, é imposible levar a cabo todo o marcado de forma eficiente en dúas horas semanais. Ademais, temos o hándicap de que a materia de EF, aínda que cada vez menos, continúa a estar estigmatizada ao igual que a Educación Plástica e Musical. En dúas horas semanais non é posible, ademais de impartir os contidos psicomotores, concienciar de forma plena ao alumnado sobre a importancia do exercicio físico, dos problemas que supón o sedentarismo e moitos contidos actitudinais máis que debemos traballar. O problema real que temos é, como vamos a concienciar á xente sobre a importancia da EF e o exercicio, se os que lexislan e mandan non o están? Cada vez son máis os estudos que demostran que un estilo de vida activo da sociedade reduce a longo prazo o gasto a nivel sanitario, pero con dous días á semana, non se poden facer milagres.