Entrevista a IVÁN CLAVEL SAN EMETERIO
Colexiado número 52.434
Xerente da FUNDACIÓN DEPORTE GALEGO en Santiago de Compostela
Bo día Iván, moitas grazas por ofrecerte a colaborar coas entrevistas do COLEF Galicia.
–Xunto con outros compañeiros, vostede axudou a crear o COLEF La Rioja. ¿Por que é importante contar hoxe en día cun colexio autonómico para as/os educadoras/es físico-deportivas?
Penso nos meus compañeiros de estudos. É importante que nos axudemos no exercicio da nosa profesión, ter un punto de referencia para o asesoramento, protección, formación, promoción, etc. Cada autonomía ten as súas características en canto a todo o mencionado, e como La Rioja non tiña Colef, un grupo de amigos dimos os primeiros pasos.
-Tendo en conta a realidade actual no eido da actividade física e no deporte no que aparecen “gurús” de dubidosa formación que aseguran milagres á poboación, ¿como se pode dar a coñecer mellor a figura do educador/a físico-deportivo/a?
Penso que xa non hai tantos gurús como hai anos e que os usuarios teñen máis coñecemento sobre o que é o exercicio tamén. Todo iso axuda a que o propio mercado faga unha selección natural e que os bos profesionais sexan recoñecidos. Son estes profesionais os que se teñen que identificar como educadores físico-deportivos para que pouco a pouco cale entre a xente: clientes, outros profesionais,….
O colexio ten que darlle argumentos e respaldo a estes profesionais e promocionalos ante as organizacións e institucións principalmente. Hai que ter paciencia, hai dez anos éramos os de a ximnasia e agora formamos grupos interdisciplinares cos profesionais sanitarios.
-Como noutros sectores, no eido da educación física e o deporte atopamos situacións nas que as garantías do servizo non son as máis axeitadas. Neste senso, ¿que terían que mellorar os centros deportivos no referente á organización e cualificación do seu persoal?
Na miña opinión hai que asociar correctamente o servizo á titulación necesaria. Hai que ter en conta que un centro deportivo é tamén un centro de ocio. O tipo de actividade e o tipo de público condiciona o profesional que debe impartir a actividade ou servizo, e a súa vez isto debería corresponder co seu salario. O licenciado/graduado é unha garantía para algúns servizos, pero non é necesario para todo tipo de servizos dun centro deportivo, hai máis profesionais.
En canto á organización, penso que un licenciado/graduado con experiencia podería ser a mellor opción para a dirección técnica, porque coñece o público e o produto e saberá pór os medios e persoas máis adecuadas para o servizo.
–Para o coidado da poboación precisamos de profesionais cualificados e especialistas. ¿Que importancia teñen os educadores físico-deportivos nas políticas de promoción da vida saudable en Galicia?
A práctica de exercicio é fundamental para ter unha vida saudable, e os educadores físico-deportivos son especialistas na súa planificación e execución, polo que teñen un papel destacado. Porén as políticas de promoción da vida saudable implican traballar en diferentes eidos e niveis, que esixen a colaboración multidisciplinar.
– Imos cara un mundo máis interactivo a todolos niveis. Como educador físico-deportivo especializado en xestión deportiva, ¿considera que é preciso traballar interdisciplinarmente para alcanzar mellores resultados?
Pódese ver nas miñas respostas anteriores. É imprescindible, sobre todo cando se fala de intervencións no ámbito social. Non só é o meu pensamento, se non que a evidencia científica así o demostra con traballos sobre a eficacia dos programas de inicio e mantemento da práctica de actividade física por exemplo.
–As Administracións Públicas son una importante referencia no fomento da vida saudable en calquer momento da vida. ¿Como se enfoca a Fundación Deporte Galego á poboación de diferentes idades?
Todos os anos facemos actuacións puntuais en diferentes ámbitos e grupos de idade baixo o paraugas do Plan Galicia Saudable. Pero o traballo máis importante para nós, é nas idades temperás, no ámbito educativo. A colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional é extraordinaria, facilitando a implantación dos proxectos de vida activa e deportiva a través do Plan Proxecta. Estes proxectos pretenden converter o centro educativo nun centro promotor de estilos de vida activa. A propia OMS destacou a plataforma DAFIS (unha das ferramentas destes proxectos) como exemplo de boas prácticas na promoción de actividade física na idade escolar (https://dafis.xunta.es).