Seleccionar página

A xestión deportiva municipal galega leva anos incorporando educadores físico deportivos especialistas, e hoxe queremos achegarnos máis ao seu día a día. Nado en 1977, Manuel Calo Canosa rematou a Licenciatura en Educación Física no 2003, e actualmente traballa para o Concello de Cee, desde onde nos atendeu.

[CG] Bo día Manuel, e moitas grazas por atender ás conversas do COLEF Galicia. Cóntanos un pouco a que te adicas actualmente e cal foi a túa traxectoria profesional.

[MC] A miña traxectoria profesional está vinculada á xestión deportiva no ámbito municipal, concretamente no Servizo de Deportes do Concello de Cee (A Coruña). No 2020, cumprín xa os vinte anos desenvolvendo este traballo.

As tarefas do meu día a día xiran a carón da función administrativo-deportiva municipal: elaboración do plan deportivo municipal anual, xestión horaria das ii.dd.mm., tramitación de subvencións, supervisión e control de contratos, confección do orzamento anual do servizo, apoio e asesoramento ao tecido deportivo local, organización de eventos e programas deportivos puntuais,…

[CG] En todo o tempo desde que remataches os estudos, na túa opinión cales foron os aspectos que máis fixeron mudar a xestión deportiva municipal.

[MC] Dende logo, ao meu xuízo, a cualificación e a profesionalización do persoal responsable das áreas de deportes nos concellos, foi un dos puntos inflexión.

Nos concellos galegos, predominantemente de pequeno e mediano tamaño, cincunstancias como a organización de campionatos e probas físico-deportivas, as cesións das instalacións, a posta en marcha de escolas, a creación de clubs,… precisan do rigor no cumprimento da normativa existente onde as perceptivas autorizacións ás diferentes administración públicas, a seguranza (tanto dos participantes coma do público), a prevención de riscos, o ámbito hixiénico-sanitario, etc. son aspectos que fai vinte anos os concellos, ao non contar con persoal especializado nesta área, non se tiñan en conta.

Por outra banda a realidade socio-política, fai que nas administracións públicas os modelos de xestión tendan maioritariamente á externalización de servizos, exisindo deste xeito un maior control e seguimento provocando a necesidade da presenza de persoal público que exerza dita labor, ademais ser parte fundamental na elaboración das licitacións, entre outras.

[CG] Que se lle pide a un xestor deportivo municipal que fai dúas décadas era impensable?<A que se enfrontan as novas xeracións que se decidan por este perfil profesional?

[MC] Pois seguindo o hilo da anterior resposta, e focalizándose no eido local, un xestor deportivo municipal ten que contar con coñecementos en multitude de materias: atención ao cidadán, lexislación, contabilidade, informática, marketing, redes sociais, etc.

É evidente que a titulación universitaria (e mesmo a formación profesional) hoxe por sí soa non é suficiente, é preciso especializarse para así xerar a necesidade da nosa “existencia” profesional dentro da engranaxe local.

[CG] Durante o confinamento de 2020 desde o voso Servizo de Deportes do Concello sairon interesantes iniciativas para que a poboación se mantivera activa. Cóntanos algo da súa organización e a receptividade por parte dos vecinos.

[MC] Nesta situación tan convulsa provocada pola crise sanitaria da COVID-19, puxemos en marcha dúas iniciativas que tiñamos pendentes pero, pola atención das necesidades do día a día, non se plantexaran ata este momento.

1ª Iniciativa: “RECOMENDACIÓNS: ACTIVIDADE FÍSICA E SAÚDE CONFINAMENTO COVID-19 CONCELLO DE CEE 2020”

O proxecto comezou o 26 de marzo e rematou o 5 de maio de 2020.

A finalidade perseguida era que servira de axuda-guía a todos os veciños que estabamos confinados, practicantes e non practicantes de actividade física.

Para elo contamos coa colaboración de profesionais da vila, no ámbito da actividade física e da saúde, concretamente dous licenciados en CC. da Actividade Física e do Deporte, un podólogo especializado, e baixo a coordinación do técnico do Servizo de Deportes Municipal.

Elaboráronse un total de doce vídeos, difundidos nas rr.ss. do concello todos os martes e venres, coas seguintes temáticas: “os nosos maiores”, “os máis pequenos da casa”, “practicantes habituais de actividade física e deporte”, “mantemento dos pés en forma”, “axuda ás lesiósn dos pés”, “actividade física nas redes sociais” e “volta á práctica da actividade física na desescalada”.

A media de visualizacións dos vídeos colgados nas redes sociais nas doce entregas, superaron ás mil.

2ª Iniciativa: “PROGRAMA CAMIÑOS ACTIVOS NO CONCELLO DE CEE 2020”

Este programa foi presentado a mediados de mes de decembro2020, adquirindo se cabe maior sentido, polos continuos peches perimetrais sufridos nos concellos.

Estos “camiños activos” son percorridos polas rúas, estradas e camiños da nosa vila para facer ben andando, correndo ou en bicicleta. Pódense adaptar libremente, acortando ou aumentando, en función dos intereses, da idade e do estado físico das persoas.

Están concibidos cunha visión integradora de actividade física, natureza, cultura e turismo, e coa finalidade principal de promover a práctica do exercicio físico de forma regular e saudable entre a nosa veciñanza.

Para cada un dos sete camiños presentados elaborouse un tríptico informativo no que se detalla: descrición do percorrido, recomendacións, distancia, punto de saída-chegada, dificultade, esforzo, tempo de realización, calorías, perfil, mapa, puntos de interese, código qr para smartphone (enlazado coa plataforma wikiloc).

[CG] Estas semanas están sendo moi complicadas para moitos sectores, pero seguro que nos podes compartir a túa opinión sobre como afecta a xestión da actividade física e o deporte durante esta crise sanitaria á saúde das persoas, se o desexas desde o punto de vista municipal. Non sodes de estar moi quedos. Que outros proxectos tedes en marcha?

[MC] O noso concello, cun numeroso e dinámico tecido deportivo, decidiu conxuntamente deter por completo as súas actividades, ao non contar coas condicións necesarias para garantir unha práctica deportiva normal e segura.

De igual xeito, o programa de actividades físico-deportivas municipais para o curso 2020-2021 tamén foi suspendido, tendo que parar licitacións de prestación de servizos que xa estaban en marcha e pendendes de adxudicación.

Este feito supuso que cerca dun milleiro de practicantes de disciplinas deportivas como o atletismo, baloncesto, fútbol, fútbol sala, taekwondo, baile deportivo, patinaxe, kick boxing… en Cee e comarca, neste intre estean a esperar ansiosos ao seu restablecemento.

Nun primeiro momento, e respectando as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias, dende o servizo de deportes quixemos facilitar a práctica físico-deportiva dos veciños. Neste senso, no comezo da desescalada púxose á disposición dos usuarios con cita previa a pista de atletismo do estadio municipal de fútbol, tamén o complexo deportivo da piscina municipal abriu as súas portas gradualmente (iniciouse exclusivamente co adestramento persoal con cita previa e, máis adiante, o resto de actividades segundo a normativa o foi permitindo).

No verán, puxemos en marcha un programa de turismo activo e natureza ao aire libre no que participaron máis de setenta rapaces da vila, sendo especialmente coidadosos coa normativa vixente nese momento (grupos de 10 persoas máximo). Outros eventos e actividades deportivos propios deste periodo estival na vila, foron suspendidos: día da bicicleta, día do deporte na rúa, carreira pedestre, campus de verán, torneos e campionatos, etc.

Persoalmente, penso que as administracións públicas están na obriga de “arrimar o ombreiro” ao sector deportivo privado (con e sen ánimo de lucro) para que poda sobrevivir. É imposible que as empresas e os clubes poidan adaptarse á incerteza continua que supoñen as medidas que se están a adoptar en cada momento e que son requiridas pola situación sanitaria.

De todos os xeitos, esperemos que segundo avance o 2021 podamos voltar, o antes posible, á normalidade.

[CG] Un pracer como sempre Manuel. De novo moitas grazas.