Entrevista a MARCO ANTONIO LAMELA LOUZÁN
Colexiado número 13769
Lugar de traballo: MOTRICIDAD LABORAL SL. COMPLEXO DEPORTIVO ACEA DE AMA (CULLEREDO-A CORUÑA)
“Neste momento as empresas estanse a interesar por fomentar hábitos de vida saudables e por mellorar as condicións de traballo en canto á saúde dos traballadores,”
“Partimos da elaboración dun Perfil de Competencia Motriz Laboral (PCML), que recolle todas as condicións motoras para un bo desenvolvemento do posto de traballo”
“Existen multitude de opcións, polo que calquera empresa, á marxe do seu tamaño, pode tomar algunha medida que sen dúbida pode ter unha repercusión positiva na saúde dos seus traballadores e traballadoras”
Como se moven, ou non se moven, os/as traballadores das empresas no seu lugar de traballo é importante para as empresas, porque a saúde dos seus empregados/as fainos, á marxe doutras importantes consideracións relacionadas co benestar no posto de traballo, máis produtivos. Marco Lamela puxo en marcha con outro titulado en Ciencias da Actividade Física a empresa Motricidad Laboral, SL, que se ocupa, precisamente destas cuestións.
-Sodes dous titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte os que estades á fronte de Motricidad Laboral SL. Como xurdiu a idea de crear esta empresa e cal é a traxectoria desde a súa creación?
En realidade a empresa está conformada por dous titulados en Ciencias da Actividade Física que aportamos a idea inicial de “Motricidade Laboral” (fundamentación e metodoloxía) e coa experiencia da súa aplicación en diferentes contornos de traballo. Por outra banda contamos coa importante participación dun grupo de profesionais cunha grande experiencia na xestión de espazos e servizos deportivos.
A idea partiu do contacto e conversas con profesionais do ámbito da seguridade e prevención no ámbito laboral. Percibimos unha clara posibilidade de aplicar os procedementos de análise do movemento empregados no ámbito deportivo. Despois de revisar as medidas e procedementos empregados no ámbito da prevención (ergonomía fundamentalmente) deseñamos unha metodoloxía propia de aplicación para complementar as accións que xa se estaban a aplicar. Desenvolvemos un marco teórico e deseñamos a metodoloxía e instrumentos para a súa aplicación.
No ano 2012 fixemos a nosa primeira intervención no sector naval (instalación eléctrica en buque). Posteriormente levamos a cabo dúas intervencións noutros sectores diferentes, e diante da boa acollida nos tres casos, e xa tendo máis desenvolvidos os procedementos, decidimos constituirnos como empresa. Na actualidade, ainda que estamos a traballar con algunha empresa, consideramos que estamos nunha fase de difusión dos nosos servizos na que é moi importante concienciar ás empresas e traballadores da necesidade destas intervencións para mellorar a saúde das persoas e da empresa.
-Cal é o papel que xoga a vosa empresa para axudar ao resto a mellorar as condicións de saúde dos seus traballadores desde o punto de vista do movemento? Cales son as ferramentas que se empregan?
Entre as diferentes aportacións destacamos como punto clave ou de partida para calquera outra medida, realizar unha análise das necesidades motrices do posto de traballo. Analizar as accións motrices presentes no traballo establecendo os patróns óptimos de movemento así como as capacidades necesarias para o seu desenvolvemento. Podemos obter así o que denominamos Perfil de Competencia Motriz Laboral (PCML) que recolle todas as condicións motoras para un bo desenvolvemento do posto de traballo. Aquí facemos especial fincapé, aínda tendo en conta que as capacidades físicas son importantes e aportan o soporte para o movemento, nos patróns de movemento específicos das habilidades motrices laborais así coma nos patróns de movemento xerais que subxacen nas mesmas. En definitiva o obxectivo, tendo en conta esto, é “moverse mellor”. Tamén propoñemos a valoración do que denominamos “competencia motriz laboral” dos traballadores entendida como a dispoñibilidade de recursos motores por parte do traballador para executar as diferentes accións do xeito máis correcto posible, tal e como se define no PCML e, polo tanto, contribuíndo a prevención de lesións e doenzas asociadas á actividade laboral.
A partir deste estudo xa podemos deseñar multitude de intervencións: cursos de formación, talleres de carácter práctico, programa de reeducación e acondicionamento físico, proposta de actividades de carácter máis xeral tendo en conta o análise interno realizado,…
-Que percepción hai no mundo empresarial en xeral sobre a importancia de se converter en empresas saudables? Vaise avanzando nesta materia? Hai algún tipo de negocios que sexan máis receptivos a esta idea?
Neste momento estamos a vivir un despertar neste sentido. As empresas estanse a interesar por fomentar hábitos de vida saudables e por mellorar as condicións de traballo en canto á saúde dos traballadores. Se ata hai pouco poderíamos dicir que se estaba na fase da seguridade, agora a prevención está cada vez máis presente na maioría das empresas. Evidentemente todo isto está condicionado tamén polo tipo de empresa.
Os negocios ou empresas máis receptivas son as de tamaño medio ou grande, loxicamente porque a incidencia en problemas deste tipo é maior e dispoñen de máis recursos para adicar a este tipo de medidas. Iso non quere dicir que en empresas máis pequenas non se podan propoñer medidas que sexan asumibles en función dos seus recursos.
-Que é peor para un traballador, estar sometido á realización de esforzos físicos no seu posto de traballo ou pasar moito tempo sentado?
As repercusións son diferentes e depende tamén da súa actividade fóra do horario laboral. Sen ter en conta este último factor se o traballador sometido a esforzos físicos (á marxe dos casos extremos) ten a capacidade de realizalos de maneira axeitada (movementos correctos) vai supoñer alomenos unha cantidade de actividade física diaria. Estar sentado xa é por si mesmo un factor de risco de diferentes enfermidades, polo que a realización de AF fóra do horario laboral sería máis necesaria. Polo tanto, en traballos sedentarios, ademais de hixiene postural e interrupcións da posición sedente, é necesaria a actividade física fóra do horario laboral. En traballos con esforzo físico, dependendo do tipo de traballo, necesita máis dunha formación para excutar ben o seu traballo, e inclír posiblemente un traballo extra de compensación.
-Facer unha inversión nun plan para mellorar as condicións de saúde dos traballadores seguro que compensa, polo menos a longo prazo, pero é moi caro aplicar as medidas necesarias?
Existen multitude de estudos que amosan a compensación a medio e longo prazo. Pero as compensacións neste tipo de plans hai que miralas, máis que en termos económicos, na mellora da saúde ou calidade de vida das persoas. Neste sentido os beneficios na calidade de vida son practicamente inmediatos. En canto a se é moi caro, existen multitude de opcións, polo que calquera empresa pode tomar alguna medida que sen dúbida pode ter unha repercusión positiva na saúde dos seus traballadores e traballadoras.
-Que experiencia tedes cos traballadores/as que xa teñen ferramentas relacionadas coa motricidade laboral? Que é o que máis aprecian?
O que máis aprecian os traballadores é que realmente estase a facer unha análise do seu posto de traballo in situ, coa súa participación, tratando de aportar medidas específicas para a súa mellora. Nas formacións e talleres agradecen a especificidade dos contidos e actividades e que se demostra unha preocupación pola súa saúde.
-Todas as empresas poden ter estes plans, aínda que teñan moi pouco espazo físico?
Un plan de mellora da motricidade do posto ou de promoción da actividade física non precisa necesariamente de espazos específicos. Existen intervencións no propio posto de traballo e outras poden ser desenvolvidas en instalacións externas. No suposto de habilitar algún espazo pódese tratar de espazos relativamente sinxelos sen demasiado investimento.