Seleccionar página

Entrevista a JOSÉ RICARDO SOTO CARIDE 

Colexiado número 8704

Presidente do Club Esgrima Falcata HEMA de Vigo

“A cantidade de tratados atopados demostran que os sistemas de artes marciais europeas estaban polo menos igual de desenvolvidos que os orientais”

 “Co club quixen facer unha arte marcial integral, e que se poida levar aos fillos coa mesma naturalidade coa que os levan a nadar ou a unha clase de judo”

 “O que queremos que nos diferencie é o traballo de investigación”

José Ricardo Soto Caride é o presidente do club Falcata de Vigo, unha entidade centrada nas artes marciais históricas europeas -coñecidas polas súas siglas en inglés, HEMA- tanto desde o punto de vista deportivo como de investigación. É precisamente o seu empeño para dotar a estas disciplinas dun corpus científico, dunha metodoloxía didáctica acorde cos principios do desenvolvemento e o traballo de recuperación de vellos tratados sobre a súa práctica, o que distingue a este club doutros que naceron nos últimos anos. Ricardo é doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e membro do comité de expertos do Consejo COLEF na área de deporte competitivo e institucionalizado.

O Club Falcata ten tres ámbitos deiferencie é o traballo de investigación” actuación básicos: as actividades divulgativas-culturais e as exhibicións de esgrima artística, coas que participan en eventos tan importantes como a Reconquista de Vigo ou a Arribada de Baiona; a actividade científica -de estudo das fontes históricas e participación en congresos- e a educativa e de antropoloxía marcial -con talleres, clases e demostracións en universidades e institutos-.

-Como xurde o teu interese polas HEMA?

-A semente da recuperación das artes marciais históricas europeas naceu en Alemania hai uns 20 anos, e desde entón incorporouse moita xente en Europa, e mesmo cruzou o charco e chegou tamén a América. Cando nós fundamos o club, no ano 2010, había moi pouca cousa en Galicia. Nós intentamos crear unha metodoloxía, non que haxa unha caixa negra, onde a xente o que fai é pegarse sen ton nin son. Eu levo nas artes marciais desde os seis anos, e nas orientáis  isto está moi desenvolvido, ti sabes moi ben os pasos que tes que facer para conseguir que unha persoa sexa eficaz en combate. Nas artes marciais europeas utilízase moito a proba, ensaio e erro, cando non é necesario que sexa así porque o traballo de aprendizaxe motriz está moi estudado ao longo dos anos, desde o Imperio Romano. O que busquei co club foi tamén facer unha arte marcial integral, e que se poida levar aos fillos coa mesma naturalidade coa que os levan a nadar ou a unha clase de judo. Primeiro usamos armas de plástico para que os alumnos poidan practicar sen risco e máis adiante, cando son maiores, xa chega o momento en que poden coller unha arma de ferro.

-Como é o traballo de investigación nestas disciplinas?

-Pois comezou un pouco cor casualidade, co achado dun tratado antigo nunha biblioteca de Viena que describía un método de traballo moi elaborado. A partir de aí comezou a investigación e nós estamos tamén nese labor, buscando tratados, e a cantidade deles que se teñen atopado demostran que os sistemas de artes marciais europeas estaban polo menos igual de desenvolvidos que os orientais. Porque non estamos a falar de ducias, estamos a falar de centos de tratados. Xa temos presentado varios escritos á RAE para que se cambie a definición de arte marcial como sistema de loita do Estremo Oriente e se incorporen tamén as europeas.

-Tes participado en varios congresos…

-Si, nun Congreso Internacional de Educación Física presentei un relatorio sobre un tratado de 1467, dun alemán que se chama Hans Talhoffer, e tiven bastante “bronca” con xente do judo porque nese tratado saen todas e cada unha das técnicas que, na teoría, estableceu Jigoro Kano no 1882 cando creou o judo. Cincocentos anos antes xa se practicaban en Europa, este sistema é o ringen.

As artes marciais europeas abranguían todo tipo de modalidades, desde man baleira -sen armas- ata armas cortas (daga, coitelo), medias (espadas, broqueles, escudos) e largas (alabarda, lanzas partisanas). É  lóxico, porque no Oriente pegáronse durante moito tempo, pero en Europa é o que levamos feito en 3.000 anos de historia. Por propia selección natural había que crear un sistema e á xente habería que adestrala.

Hai, por exemplo, un relatorio que presentei da época romana que é bastante clarividente nese sentido, porque nun tratado de Flavio Vegecio, do ano 383 e pico despois de Cristo, descríbense 14 dos 18 principais principios que utilizamos hoxe os profesionais da Educación Física. Xa estaban aí, e contratábase un “doctore”, que eran os adestradores dos gladiadores, por cada cohorte romana para ensinar a manexar as espadas; non eran só uns individuos nunha formación, senón que se lles aprendían artes marciais de forma individual.

O que queremos que nos diferencie é, precisamente, o traballo de investigación. Hai un mes invitáronnos da Facultade de Historia da Universidade de Santiago a dar unha conferencia e así é como quero levar este asunto, non quero que se nos represente como uns “frikis” que se disfrazan, quero dotar dun corpus científico ao adestramento. Por exemplo, esta semana nas clases estamos facendo un traballo con pau dun tratado dun autor de 1550 ( Paulus Hector Mair), entón a xente ve que esa maneira de manexar o pau é diferente a como se manexa o pau galaico ou o canario, ten unhas características diferentes que se poden estudar e diferenciar claramente, igual que hai diferencias entre o karate e o judo ou o jiu-jitsu.

-Como se obtén a titulación para as HEMA?

-A esta titulación achegouse  xente, como era o meu caso, que viña doutras artes marciais, aínda que non tiña nada que ver. O noso club meteuse dentro da Federación Española de Esgrima e xa se está en conversas para que recoñezan as HEMA como unha disciplina máis, xunto coas que xa ten de espada, sabre e florete. Os campionatos nos que participamos están baixo o paraugas da federación, a nós interésanos esa vía. Por iso o meu compañeiro ( o mestre renacentista César Massó Sayans) e máis eu, sacamos a titulación de esgrima olímpica e somos instrutores desa modalidade. Outra vía para conseguir a titulación agora mesmo son as asociacións privadas, pero coa validez que teñen estas asociacións. Nós estamos na liña doutros clubs de España de non saír da federación; outras salas queren ter a súa propia federación, pero eso é absolutamente inviable, porque non podes facer unha federación dunha modalidade deportiva que xa existe.

-Como é o perfil de persoa que se achega ao club en canto a idades, sexo…?

-Seguramente por ter moi claro desde o principio os obxectivos que buscábamos no club ata agora sempre houbo máis mulleres que homes; esta temporada é a primeira na que temos fifty-fifty. E nas idades hai de todo, desde 14 ata 67 anos. De adulto pódese empezar a calquera idade, sempre e cando teñas claro que o teu interese é realizar este tipo de práctica como actividade deportiva e para te divertir. Se queres buscar unha perfección xa tes que estar en boa forma física e non ser moi maior. O noso obxectivo é que unha persoa de 50 anos poida dicir “vou empezar unha actividade física como diversión e saúde”; vale, pois esta tamén a podes  facer, que a xente vexa que practicar artes marciais históricas europeas é o mesmo que xogar ao tenis.

-Os actores e actrices tamén recorren ao club.

-Si, temos participado en series como “Al final del Camino” e desde o cine hai demanda porque sempre hai accións motrices de tipo combate, aínda que non sexan con espadas. Demos varios cursos colaborando coa Escola Superior de Arte Dramática de Vigo e, claro, estamos en Galicia e tampouco se están a facer películas todos os días, pero si que hai demanda. Nós somos coreógrafos, actores non. Eu participei en “Al final del Camino”, pero foi un caso excepcional, o meu interese é ser profesor, non actor, deixo aos profesionais en cada ramo. E nese sentido gustariame tamén destacar que sempre quixemos arrodearnos de xente que soubese moito e temos varios socios de honra do club, como o doutor Fernando Lillo, que escribiu un montón de libros sobre Roma, ou José Valtierra, que era o arqueólogo do Salinae de Vigo. Tamén un arquitecto especializado en arquitectura medieval e un médico que está recompilando os instrumentos romanos dos circurxáns e dentro duns meses dará un curso para explicar como se extraían as frechas dun muslo. Queremos ter no club a xente que nos oriente, que nos ensine máis alá do aspecto deportivo, a parte cultural é para nós moi importante e para iso necesitamos profesionais, porque a nosa parte é a parte motriz.

-Esta fin de semana tedes un congreso internacional e algún outro proxecto a curto prazo…

-Si, o Vigoshuma 2018. É un congreso de artes marciais orientáis e occidentais, porque queremos levarnos ben con todo o mundo, e traemos ao presidente da Federación Inglesa de HEMA, Bob Brooks. E tamén estamos a punto de publicar un libro que se chama “Artes Marciales Históricas Europeas. Principios de entrenamiento y desarrollo motor”, no que imos contar a nosa idea do club e de como hai que adestrar.

-Pasando xa a un terreo máis relacionado coa profesión en xeral, que opinas da súa situación actual e, en particular, da demanda para contar cunha Lei do Deporte?

-Hai moitos anos que a Lei do Deporte tería que estar desenvolvida e quedou nun “stand-by”. Estaba ben como se deseñou, cun período transitorio a partir do que todas as persoas que se facían monitores dunha federación tiñan que ter un título de FP. Parecíame unha lei perfecta neste sentido, o problema foi que non se chegou a aplicar. E se non se aplica non se pode solucionar nada, porque conseguir que as federacións solten o control sobre os seus monitores é complicado… pero algunha vez haberá que facelo porque algunhas federación poden ser moi serias e a preparación do monitor ser axeitada, pero noutras non sabemos se se está a ensinar unha modalidade deportiva cun curso dun fin de semana. Nós traballamos con persoas, e cando se traballa con persoas, todo isto debería estar moitísimo máis coidado.