Entrevista a ROCÍO BULNES FRAGA
Colexiada número 11.079
Rematou os seus estudos en 2004 na Universidade de Vigo, e continou a súa formación en xestión deportiva e dirección de proxectos. Realiza o seu traballo na Fundación USC Deportiva e asemade imparte docencia no Máster Universitario en Biodiversidade Terrestre.
Bo día Rocío, moitas grazas por ofrecerte a colaborar coas conversas do COLEF Galicia.
-Polo que te coñecemos, semella que o “fenómeno motriz” está ligado a ti desde cativa, pero que o foi o que che convenceu para estudar Ciencias da Actividade Física e o Deporte?
Bo día. Antes de nada, moitas grazas a vós por interesarvos polo meu perfil profesional.
A verdade é que sempre, dende cativa, fixen algún tipo de actividade física, aínda que nunca de tipo federado. A competición nunca me interesou. O deporte que máis practiquei na miña infancia foi a patinaxe artística sobre rodas, pero tamén estivo sempre presente o sendeirismo. Tiven a sorte de criarme nunha familia amante da natureza e na que saiamos moitas fins de semana, especialmente ao Galiñeiro (Gondomar) e A Groba (Baiona), pero cheguei a viaxar cos meus pais aos Alpes franceses e austríacos ou aos Dolomitas italianos. Tamén teño familia nos Picos de Europa e pasei alí moitos veráns.
En canto á decisión de estudar Ciencias da Actividade Física e o Deporte, foi un pouco por eliminación. Gustábanme tamén moito as matemáticas, pero víame máis como profesora de educación física. Como cambiaría logo o conto!
– Unha vez rematada a carreira, terías experiencias profesionais antes de chegar á túa ocupación actual. Cales son as diferenzas entre o mercado laboral de entón e o actual?
Tiven a fortuna de comezar a traballar ao rematar a carreira, aínda que con traballos temporais precarios. Desgraciadamente, cousa moi habitual no noso sector. Comecei como monitora de natación, aeróbic e patinaxe. Penso que as empresas queren persoas licenciadas ou graduadas nas súas plantillas, pero a remuneración non é acorde á formación. Pouco a pouco fun dándome conta de que a docencia non era a miña vocación principal e decidín formarme na xestión. Neste eido quizais haxa menos postos de traballo, pero si máis estables e mellor remunerados.
Probablemente a diferencia fundamental sexa a competencia. Cando eu comecei sempre atopei traballo facilmente e posiblemente hoxe en día xa non sexa así.
– Tes formación especializada en xestión e traballas nunha entidade encargada de actividades e servizos deportivos da Universidade de Santiago de Compostela. Concretamente que tarefas realizas?
Moi variadas! Son técnica deportiva e fago dende tarefas puramente administrativas como a xestión de licenzas, inscricións en competicións, etc., a proxectos e memorias para a solicitude e xustificación de subvencións. Coordino os servizos deportivos que prestamos a outras entidades, como anpas ou concellos e tamén o campamento urbano de verán que leva xa once anos instaurado. Encárgome tamén dos cursos formativos que organizamos na Fundación e a redacción de proxectos puntuais que presentamos a outras entidades. E o que vaia xurdindo!
– Eres autora do blog de sendeirismo “Gata con botas”, onde se pode desfrutar da fotografía e máis de 70 sendeiros trackeados, en España, Portugal e Francia. Que nos podes comentar sobre esta faceta?
O sendeirismo e a montaña son a miña grande paixón e principal afición. Levo toda a vida saíndo ao monte. Ao principio coa miña familia e despois con amigos e parella. Tamén son consciente de que as actividades no medio natural conlevan certos riscos, polo que pouco a pouco fun facendo diversos cursos de formación: GPS, montañismo invernal, meteoroloxía… Tamén son técnica de sendeiros, a titulación necesaria en Galicia para deseñar e proxectar sendeiros homologados.
En canto ao blog, teño gravado na mente o momento no que me veu a idea á cabeza por primeira vez. Foi facendo unha ruta en Madeira en xaneiro de 2018. Tanto algúns acontecementos, como que unha gata saída da nada nos acompañase durante varios quilómetros, como as sensacións que me provocou aquela paisaxe sobrecolledora, fixeron que me entrasen ganas de contalo. Non só á miña familia e amizades, senón tamén a todas aquelas persoas que quixesen lelo.
A partir de aí comezou a aventura. Eu non tiña nin idea de blogs! Tocoume ler moito, poñerme en contacto cun programador… Xa levo algo máis de ano e medio co blog en marcha e estou moi contenta, pero aínda teño moito que aprender sobre as redes sociais, posicionamento en Internet, mellorar a redacción… É un mundo incrible que estou descubrindo e que me encanta. Cando podo, vou tamén a charlas formativas.
Fago unha publicación semanal onde conto a miña experiencia nas rutas que fago, ademáis de colgar un mapa, o perfil e o track para GPS da ruta.
– Que cuestións son básicas para realizar con calidade e seguridade un roteiro de sendeirismo de xeito individual e en grupo?
Puf! Pódese escribir un libro enteiro para responder a esta pregunta! Intentarei resumir.
Saír só ou soa ao monte non é o máis recomendable xa que se che ocorre algo non terás a ninguén ao lado para axudarche, pero hai que ser realistas: faise e seguirase facendo. Eu mesma o teño feito. Iso si, hai que escoller rutas dun nivel bastante inferior ao que se teña, avisar sempre a alguén da ruta que prevés facer, a hora á que pensas rematar e incluso, si é posible, utilizar algún sistema de posicionamento no que outra persoa vexa sempre onde te atopas. Por suposto, hai que levar sempre o móbil cargado. Pero quero mencionar tamén os aspectos positivos: saíndo só ou soa posiblemente vexas fauna que de outra forma sería casi imposible e irás moito máis pendente dos sons. Camiñarás ao teu ritmo e pararás cando te pete. Penso que é bo saber disfrutar do silencio e a soidade.
Quero engadir tamén unha reflexión. Cando vou soa sempre hai alguén que me pregunta: “E non tes medo?”. Desgraciadamente, a maior parte da xente non está pensando en si teño medo de escordar un nocello por aí. Seguramente aos homes lles fagan esta pregunta moitas menos veces e, no caso de facérllela, seguramente si sexa pensando nos seus nocellos. Que outra cousa lles pode pasar os homes?
En canto ás saídas en grupo, poden ser de dúas maneiras: en grupo organizado ou con “colegas”. Nos grupos organizados hai que ter claro que a persoa ou persoas que guían serán as que tomen as decisións: por onde pasar, o ritmo, onde se para a comer, se hai que variar a actividade prevista… Se non che gustan as decisións tomadas, non volvas con ese grupo, pero cando pertences a un grupo débese obedecer ás persoas que guían.
Se participas nunha actividade en grupo é fundamental asegurarse de que os/as guías están titulados/as. O sendeirismo está de moda e xorden grupos por todas partes, por iso, desgraciadamente, cada vez é máis frecuente ler nos xornais noticias sobre grupos extraviados e accidentes.
Nos outros tipos de grupos, non organizados formalmente, hai que saber adaptarse aos demais. En xeral, débese camiñar ao ritmo da persoa máis lenta e non deixar nunca a ninguén só. Tamén hai que ter claro quen prepara a ruta, se todos ou algún membro do grupo, sexa o de maior experiencia ou non.
A maior parte das persoas non o saben, pero incluso saíndo en grupo con amigos, hai unha persoa que será a responsable legal sobre as demais aínda que non haxa ningunha relación contractual nin estea titulada. É a figura do guía benévolo. Recomendo ler sobre este tema!
Polo demais, saiamos sós ou en grupo, a planificación é fundamental para intentar garantir a calidade e seguridade da saída. Hai que escoller a ruta tendo en consideración ás persoas que van realizala e a previsión meteorolóxica. Tamén é importante calcular o tempo que nos levará (imprevistos incluídos) e é recomendable levar algún plan B.
A equipación tamén é moi importante; tanto a vestimenta e o calzado tendo en conta o tipo de actividade e as condicións meteorolóxicas previstas, coma o resto de material: protección solar, botiquín, mapa, compás, GPS, bastóns…
Finalmente, durante a actividade, debemos actuar con prudencia: saír cedo, asegurarse de que todas as persoas do grupo se atopan ben e disfrutan, estar sempre situado no mapa e tomar as decisións axeitadas ás cuestións que vaian xurdindo. É difícil darse a volta antes de alcanzar o cume da montaña, pero se tes unha tormenta enriba da túa cabeza, será a decisión máis axeitada.
Para finalizar, penso que é bo recordar que unha mala decisión individual pode afectar a todo o grupo. Se escordas un nocello porque che apetece baixar dunha rocha saltando en vez de axudarte coas mans, por exemplo, é posible que fagas que as persoas que te acompañan teñan que darse a volta contigo.
-Cal sería a túa reacción ao escoitar que para realizar as actividades no medio natural no fai falla contar con profesionais cualificados?
Boto as mans á cabeza! Igual que todos queremos que nun hospital nos atendan médicos titulados porque a nosa saúde non a consideramos un xogo ou a nosa casa nola deseñe un arquitecto porque non queremos que se nos caia enriba, non entendo por que a xente sae ao medio natural con calquera. Guiar a un grupo cando todo vai ben pode parecer doado (aínda que non o é), pero cando xurden os problemas, moitas veces inevitables no medio natural, é cando a formación sae a relucir: primeiros auxilios, saber adentrarse e orientarse en zonas descoñecidas, manter a calma, ter claras as decisións que hai que tomar ou exercer correctamente o liderazgo son cuestións fundamentais. A cualificación é a garantía da calidade dunha actividade.
Incríblemente, o sendeirismo non é unha actividade recollida actualmente na lei do Deporte de Galicia aínda que exista unha Federación Galega de Montañismo que inclúe esta disciplina, senón que ven recollida nun Decreto de Turismo Activo. É algo co que estou en total desacordo.
-Coma ti, un tercio do COLEF Galicia son mulleres. Como valoras a situación da muller no eido profesional actualmente?
Vaia, tendo en en conta que na miña promoción eramos un 25%, parece que imos mellorando algo…
Penso que, coma noutros ámbitos, nos postos básicos estamos máis ou menos repartidos (tendo en conta o desequilibrio que xa parte das facultades), pero é moi pouco habitual ver mulleres en postos de cabeceira, presidindo federacións deportivas ou ocupando o lugar de directivas en empresas. Na maior parte dos congresos aos que teño acudido a maioría dos poñentes eran homes. Supoño que faltan referentes e crernos que nós podemos facelo exactamente igual de ben que eles.
Coma en moitos outras contornas, cando un ámbito está moi masculinizado, é bastante difícil para as mulleres acceder a el. Os homes, en xeral, tenden a relacionarse e entenderse mellor con outros homes, polo que mentres que as decisións dependan deles, as persoas que tenderán a subir nos organigramas serán homes. Por suposto, isto é so a tendencia e hai excepcións. Que ninguén se sinta atacado!