Nado en 1969 e adicado co paixón ao fútbol como deportista e adestrador, rematou a Licenciatura en Educación Física en 1992, e comezou unha etapa como preparador físico, director de fútbol base, profesor na escola de adestradores, analista, e ata comentarista televisivo. Todo un todo terreo.
Bo día Tito, moitas grazas por ofrecerte a colaborar neste espazo colexial.
-Polo que te coñecemos, a actividade deportiva é algo que xa o levas moi dentro dende ben cativo. Que foi o máis atractivo cando comezaches e que se sigue mantendo vivo a nivel persoal e profesional?
O primeiro foi facer da miña paixón a miña forma de vida. Foi un camiño longo e interesante o que lle quedaba á educación física (en todos os seus ámbitos) en Galicia. Os alumnos que emprendemos ese camiño nas primeiras promocións (son da 2ª) fixémolo cun espírito moi “aventureiro” e con moitas expectativas. A día de hoxe, cunha visión máis serena, sigo mantendo esa idea de descubrimento continuo.
– Cales foron os momentos máis agradecidos da túa carreira profesional? Seguro que moitos e moi diversos.
Sinceramente non podería escoller un só momento. Do que se estou moi satisfeito é que puiden “gozar” de moitos dos distintos aspectos que me podía ofrecer a miña formación e tocar distintos ámbitos: competición, docencia, xestión, formación de técnicos, saúde,…e permitiume desfrutar a profesión desde moitos puntos de vista. Aínda que loxicamente, a miña implicación no fútbol competitivo e formativo leva a maior parte deses momentos. Pero máis que momentos puntuais destacaría o camiño que che leva a eles. Gústame ver a formulación dun obxectivo e ver como vai desenvolvéndose ata a súa culminación.
– Nun ámbito que coñeces ben como é o fútbol, notouse a mellor preparación coa que chegan as novas xeracións ou non tanto? En que se percibe melloría?
O fútbol, desde hai uns anos, experimentou unha explosión de innovación e desenvolvemento continuo en moitas áreas: metodolóxicas, tecnolóxicas, formativas, preventivas,.. En moitos destes apartados achegamos rigor e método, tívose moita responsabilidade neses avances.
– Pola túa traxectoria sabes que o deporte ten moitas perspectivas. Tendo en conta toda esta amplitude, que consellos se lle pode dar ás novas xeracións, sobre toda a aqueles que se queren adicar profesionalmente a este eido?
Para min o máis importante é que teña claro, que queren ser, cara a onde queren enfocar o seu futuro profesional e onde pode desenvolver mellor as súas cualidades, detectar onde un pode dar o mellor dun mesmo é a mellor maneira de enfocar as súas inquedanzas. Teñen que facer un autoexame e configurar o seu propio CV. Unha vez que saiban cara a onde se queren enfocar, formarse o máximo posible.
– Na túa opinión, como se podería conxugar mellor a práctica deportiva para a saúde e a competitiva?
Cunha maior énfase educacional nas idades en que os nenos adquiren hábitos e modelan os seus futuros costumes. É importante saber transmitir que non toda práctica deportiva ten un fin competitivo e excluínte para o que non é bo nunha modalidade. Primeiro, concienciar do positivo que resulta unha actividade física para o desenvolvemento harmónico persoal e, logo, apoiados nesa base sólida, construír a liña competitiva. Darlle á educación física o seu verdadeiro valor no currículo escolar é fundamental.
-Coma profesional comprometido de sempre estas preguntas son sinxelas de respostar. Danlle os/as educadores/as físico deportivos/as un nivel diferencial á docencia e posta en práctica portiva? Por que é importante que o deporte en xeral e o fútbol en particular se apoien en profesionais cualificados para seguir medrando?
Para que calquera ámbito formativo evolucione ten que construírse con rigor, aí é onde os profesionais cualificados teñen que estar presentes e darlle a contundencia necesaria a todo o que se achega.
Moitas grazas Tito pola túa amabilidade, e seguimos pendentes de todo o que vaias facendo.