Seleccionar página

Entrevista a UXÍA PARCERO IGLESIAS

Colexiada número 13.212

Responsable de Reset Entrenamiento Personal

 “Axudar ás persoas a que se sintan mellor é o máis gratificante da nosa profesión”

 “O noso principal problema é a falta de regulación e o intrusismo laboral, necesitamos unha Lei do Deporte XA!!!”

 “Ser colexiada dame un apoio importante, todo son vantaxes”

“Nos ximnasios low cost prima a autonomía do usuario; nos centros de adestramento personalizado ou en grupos reducidos o adestrador/a orienta e dá pautas, ofrecendo unha praxis de calidade”

A colexiada Uxía Parcero e súas socias Alicia e Nuria son as responsables de Reset, un centro de Santiago especializado en adestramento persoal, adestramento pre e postparto, pilates e hipopresivos. O seu lema é “Entrenamos tu salud” e precisamente axudar aos usuarios e usuarias a manterse sans é o obxectivo fundamental deste centro que xa ten dúas sedes.  

-O proxecto Reset Entrenamiento Personal avanza a bo ritmo, xa que abrides un segundo centro en Santiago. Quedábase pequeno o primeiro?

Empezamos co noso  proxecto cun local no centro de Santiago, pero por volume de adestramentos tivemos que ampliar o espazo abrindo outro local na zona de Meixonfrío, no que seguimos tendo moi boa aceptación.

-Sodes dúas tituladas en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e unha adestradora persoal, pero no voso equipo de colaboradores hai fisioterapeutas, nutricionistas, estilistas… A clave do éxito está en ofrecer un servizo integral e multidisciplinar relacionado coa saúde e o benestar?

Entendemos o noso traballo como un enfoque multidiscisplinar para  dar a mellor solución aos nosos usuarios. De nada vale o adestramento illado, sen ter en conta outros factores, é por iso que colaboramos con profesionais de diferentes ámbitos como fisioterapeutas, especialistas en chan pélvico, osteópatas, podólogos, nutricionistas e estilistas, que nos axudan a conseguir os diferentes obxectivos que perseguen os usuarios cando deciden empezar un plan de adestramento con nós.

-Que perfil de cliente é maioritario nun centro como o voso?

O perfil de usuario co que traballamos busca obxectivos de saúde maioritariamente, así como un trato persoal e individualizado onde se teñan en conta as súas características persoais. Son persoas que xeralmente nunca fixeron actividade física ou se a fan é de forma esporádica, polo que o fundamental é axudarlles a adquirir bos hábitos de exercicio que poidan incluír na súa vida cotiá e que se sintan motivados para realizalos.

-Hai un tipo de exercicio axeitado para cada persoa, ou é recomendable que vaian probando onde se sinten máis cómodos?

Cando un usuario chega ao noso centro e realiza a entrevista persoal, orientamolo a un programa específico ou a outro según as súas necesidades e gusto pola actividade, pero o máis beneficioso é un programa que dea resposta aos seus déficits ou patoloxías para conseguir os seus obxectivos de saúde, ben sexa perder peso, gañar masa muscular, evitar a dor dunha patoloxía ou recuperar un bo tono e funcionalidade do chan pélvico por exemplo. Por iso derivamos a cada usuario ao tipo de actividade que máis lle axude na consecución das súas metas.

-O sector parece evolucionar en dous sentidos contrarios: por unha banda os ximnasios lowcost e por outra os centros personalizados e de grupos reducidos. Por que recomendarías a segunda opción?

O traballo que se realiza nun centro e noutro non ten nada que ver. Nos primeiros prima a autonomía do usuario, mentres que nos centros de adestramento persoal ou grupos reducidos os usuarios están ao amparo dun/ha adestrador/a que orienta, corrixe e crea pautas de movemento correctas que axudan a acadar os obxectivos de cada persoa, ofrecendo así unha praxis de calidade.

-No teu caso concreto, que foi o que te levou a orientar a túa carreira profesional hacia un centro de adestramento?

Despois de moitos anos exercendo a miña profesión no ámbito de saúde, vin a necesidade de crecer a nivel profesional para poder exercer unha metodoloxía claramente marcada, seguindo os principios do que entendo é un adestramento de calidade e orientado á saúde, dando respota ás diferentes necesidades das persoas.

Como profesionais da actividade física, temos unha ferramenta moi importante para incidir na saúde da poboación e mellorar así a súa calidade de vida; é unha maneira de axudar ás persoas a que se sintan mellor, é o máis gratificante da nosa profesión.

-O intrusismo é un dos problemas graves que atravesa a profesión. Que razóns principais darías á xente que quere empezar a practicar exercicio físico por calquera razón para explicarlle por que confiar nos profesionais titulados?

Penso que aquí non habería nada que explicar se extrapolamos esta pregunta a profesións doutros ámbitos. Cando unha persoa quere empezar a facer deporte é fundamental que se dirixa a un profesional da Actividade Física e do Deporte, xa que “ca saúde non se xoga” , debemos ser os primeiros en defender a nosa profesión.

-Pensas que a poboación se vai concienciando da importancia da práctica do deporte e a actividade física ou aínda se ve como unha actividade secundaria e máis vinculada ao ocio?

Aínda nos queda moito camiño por percorrer, pero a sociedade actual é cada vez máis sedentaria e é aí onde aparecen os problemas de saúde. Cada vez a sociedade é máis consciente de que se ten un problema de saúde debe dirixirse a un profesional da Actividade Física e do Deporte, é sobre todo neste eido onde o noso papel é fundamental.

-Que problemas principais cres que atravesa a profesión na actualidade?

O problema principal  é a falta de regulación e por ende o intrusismo laboral, necesitamos unha Lei do Deporte XA!!!

É necesaria unha lexislación que deixe claras as titulacións e competencias exisidas para un ámbito como o noso, onde calquera persoa pode facer un curso de “fin de semana” e ser adestrador en calquera sala fitness ou montar o seu propio centro. Iso no 2018 non podería pasar, somos moitos os que temos unha Licenciatura ou un Grao e temos a mesma recompensa salarial que alguén sen formación específica ou sen competencias no eido da saúde. Os usuarios deben de valorar que ¨non todo vale¨ e que cada profesional é experto no seu ámbito.

Aínda así, a formación continua é moi importante para estar ao día e afondar en contidos específicos, para ser un bo profesional temos que estar formándonos e aprendendo día a día.

-Ti es colexiada, por que recomendarías a colexiación?

Cantos máis sexamos máis forza faremos pola defensa da nosa profesión, pouco a pouco estanse a conseguir cousas pero falta moito para disfrutar dunha situación ideal.

Ser colexiada dame un apoio moi importante, son todo vantaxes: RC profesional, estar en contacto ca nosa comunidade, emprego, formación e calquer tipo de consulta que dende o COLEF sempre responden de forma inmediata.