Seleccionar página

CARLA DA SILVA CASTRO #EFD 58.329

Hoxe quedamos emprazados cunha colexiada moi activa en varios eidos profesionais e que nos achegou desde a súa perspectiva interesantes reflexións. Rematou os seus estudos no ano 2016 na Universidade da Coruña, no 2017 realizou o Mestrado Universitario en Discapacidade e Dependencia pola UDC, e na actualidade pertence a diferentes asociacións do ámbito social, deportivo e científico da nosa Comunidade Autónoma.

Moi bo día Carla, un pracer que poidas participar nas conversas do COLEF Galicia.

Da túa etapa de formación, que foi o que che espertou máis curiosidade?

Moi boas! Antes de nada, agradecervos o convite e o traballo de divulgación sobre a nosa profesión.

Pois a verdade, o que me resultou máis curioso foi a variedade de saídas profesionais que temos. Como a maioría da xente da miña promoción, entrei na facultade crendo que o meu futuro profesional estaría ligado á docencia, máis en concreto en educación secundaria, e o primeiro día xa me din conta de que estaba moi equivocada. Sen dúbida, descubrir novas opcións laborais, como a xestión deportiva ou a investigación, foi o máis atractivo para min.

– A túa traxectoria vai ligada ao deporte inclusivo, por exemplo coas persoas con discapacidade en deportes colectivos coma o rugby. Que nos podes contar ao respecto?

Si, isto é un exemplo da gran diversidade de opcións que temos ao finalizar o grao. Ao entrar en CCAFD nunca me imaxinei que remataría traballando neste ámbito. Foi todo un cúmulo de casualidades porque, a verdade, a formación que temos sobre deporte e colectivos minorizados (que non minoritarios) é bastante escasa durante a carreira. E cando cheguei ao mestrado, ata houbo un profesor que me preguntou que facía alí se eu era de ximnasia… Ao final tes que ir ligando coñecementos adquiridos en diferentes ámbitos. Pero penso que é unha área laboral clave, desde a actividade física e o deporte estámonos esquecendo dunha boa parte da poboación que ten exactamente o mesmo dereito a participar da vida deportiva, e é a nosa responsabilidade derrubar as barreiras (físicas, emocionais e sociais) para que teñamos oportunidades en igualdade de condicións.

Actualmente estás a investigar nun grupo de investigación da UDC. En que consiste este traballo e que relevancia poden ter os seus resultados?

O meu primeiro contacto real co deporte inclusivo foi como coordinadora de deportes no Servizo de Ocio de Aspronaga. No grao falamos de deporte adaptado, pero nada sobre deporte inclusivo. Eu non sabía nin que existía! Cando comecei a traballar alí xa tiña decidido que quería realizar o doutoramento, pero non tiña clara a temática. Pero ao coñecer de preto o traballo de Aspronaga e as relacións que se creaban coa contorna en prol da inclusión no deporte, dinme conta de que era un campo con moi pouca literatura científica e moito que aportar á sociedade. Despois coñecín ao International Mixed Ability Sports (IMAS) e o modelo Mixed Ability, que se basea na inclusión de deportistas con discapacidade en equipos e clubes convencionais, adquirindo diversos roles dentro da entidade. Este modelo afástase da idea do “capacitismo” tan ligada ao deporte de competición e defende o deporte social no que priman o sentimento de pertenza ao equipo e ao clube, o compañeirismo e a riqueza da diversidade. Na investigación estamos vendo cales son as necesidades da contorna para a promoción do Mixed Ability rugby, é dicir, que accións temos que levar a cabo para que o Mixed Ability rugby medre e sexa unha opción real de inclusión no deporte e na comunidade. O estudo desenvólvese en España, Arxentina, Chile e Ecuador porque as realidades son moi distintas, e en España o ritmo de desenvolvemento deste modelo está sendo moito menor que noutros lugares. Queremos saber tamén por que ocorre isto e como solucionalo.

Na situación que estamos a atravesar, como están a mudar os hábitos relacionados coa actividade física e o deporte? Podemos aproveitalo?

Pois non teño clara a resposta a esta pregunta. Por un lado, penso que foi innegable o aumento do recoñecemento da actividade física e o deporte durante o confinamento, como un medio de evasión e tamén de manterse activa/o. Pero por outra parte, creo que tamén aumentou o consumo de adestramentos virtuais impartidos por persoas non cualificadas, sen ter en conta ningún tipo de individualización nin adaptación. Como sector, unha das grandes ameazas é o desenvolvemento de canles e apps de adestramento sen supervisión, algo difícil de combater na sociedade na que vivimos. Pero, pola contra, penso que unha gran fortaleza do noso ámbito é o deporte social, a idea de facer deporte por sentirnos ben, por coñecer xente, por disfrute. Isto está pasando sobre todo con deportes individuais, pero penso que lle temos que dar unha volta para levalo tamén aos colectivos. É difícil atopar opcións deportivas non (só) competitivas en deportes colectivos que non sexan maioritarios. E isto é algo que se traballa desde o modelo Mixed Ability: que unha persoa adulta poida comezar/volver practicar un deporte, independentemente da súa idade, da súa capacidade ou do seu nivel, polo simple feito de compartir momentos e pasar un bo rato en equipo.

Cales son os cambios e problemas máis relevantes que ten a nosa profesión. Desde a túa múltiple perspectiva, que sería necesario para axudar a resolvelos?

Aínda que xa me adiantei algo na pregunta anterior, vou tratar de sintetizar: regulación da profesión, apoio ao sector social e, por suposto, investigación. Sobre a regulación, penso que xa está todo dito. Necesitamos que, dunha vez por todas, se recoñeza a nosa profesión e aí o traballo do COLEF está sendo impecábel e incansábel. Pero tamén necesitamos promoción da parte social da nosa profesión: creo que nos últimos anos está dándose unha recondución cara ao sector sanitario que, a pesares de ser esencial e importante, non debería ser a única vía. A nosa profesión ten unha carga social tan evidente coma necesaria, e non nos podemos esquecer dela. Por iso temos que traballar desde a multidisciplinariedade, porque o deporte é un axente clave na socialización das persoas. Precisamos máis apoio na investigación social se queremos que o mundo sexa un lugar máis xusto para todas as persoas.

Podes acceder a máis información na seguinte dirección, totalmente aconsellado! https://www.instagram.com/dsc_inclusivesport