Seleccionar página

Profesor de Fisioloxía do Exercicio, Prácticum e Habilidade de Loita na Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física de Bastiagueiro, asemade de ser tamén docente en varios mestrados nacionais, adestrador de deportistas de alto nivel de deportes de loita e combate, e membro do Grupo de Investigación en Xerontología e Xeriatría da UDC. Porén, Eduardo ten moitas outras cousas que compartirnos.  

Bo día Eduardo, un pracer que poidas participar nas conversas do COLEF Galicia. En primeiro lugar alédanos ver tanta e variada actividade profesional, que de seguro requirirá un alto compromiso diario. Cal é a túa “receta” para estar “en forma”?

Bo día! Pois supoño que fago o que aprendín como deportista que é ser constante, organizar ben as prioridades en cada momento, ter claro os meus obxectivos é os obxectivos das persoas das que formo equipo, e xa como “guinda” tentar ser fiel o meu lema, e que aprendín como deportista de combate, que é: “be the hardest worker in the room”. Tamén teño que dicir que é moi fácil aplicar estes ingredientes si traballas no que te apaixona.

De todas as túas facetas profesionais: docente, investigador, adestrador, xestor deportivo…cal é a que che tenta un pouco máis que as outras? Hai algún motivo en particular?

Creo que todas teñen elementos en común que me atraen, e cada unha ten elementos que as fan únicas. En mi opinión, o elemento en común que todas as facetas requiren son ser un “catalizador da mellora persoal e profesional”. En todas tes a posibilidade de axudar ás persoas a conseguir os seus obxectivos dentro da área de exercicio e deporte, área pola que sinto verdadeira paixón. Como docente, contribues á formación de futuros profesionais do sector, profesionais moi demandados actualmente na sociedade e que teñen e terán un papel fundamental na saúde física e mental dos nosos concidadáns. Por outra banda, como investigador buscas xerar coñecemento para axudar a diferentes colectivos a través da optimización da prescrición de exercicio individualizada e mellorar simultaneamente a formación dos nosos profesionais. E xa como adestrador e xestor deportivo teño a oportunidade de pulir o potencial que cada un dos deportistas que depositan a súa confianza en min. En resumo, creo que nas catro facetas podo influenciar positivamente a moita xente, creo que iso é o mellor traballo que existe, non crees?

Para min non hai grandes diferencias entre docente e adestrador, ou polo menos o que eu entendo que é un adestrador e un docente. Os dous buscan educar, ensinar e conseguir que os/as alumnos/as adquiran competencias, o que cambian son as competencias que deben adquirir. Como investigador trato de responder a dúbidas que poidan axudar á mellora da aplicación de estas competencias. Teño que recoñecer que a xestión nunca me chamou especialmente, pero sempre recordo as palabras de Xurxo Dopico, un dos meus mentores deportivos e profesionais, xunto a Eliseo Iglesias. Xurxo sempre me dicía que si quería facer as cousas á miña maneira debía aprender a xestionar. Por iso non podo prescindir de ningunha a día de hoxe, e aínda que como todos teño os meus altos e baixos cando teño que desempeñar algunha das funcións que me tocan en cada faceta, tamén podo dicir que en todas se desfruta moito.

– Na túa opinión, como están a mudar os modelos de práctica deportiva, tanto a alto nivel como de cara a poboación en xeral? En que se está a notar na intervención dos profesionais?

Eu creo sinceramente que o nivel dos profesionais relacionados co exercicio e o deporte incrementouse moito nos últimos anos. Ademais creo que o educador físico deportivo estase convertendo nunha figura moi destacada e valorada en todos os seus campos de actuación: saúde, docencia, rendemento e xestión. Cada vez máis os educadores físico-deportivos forman parte de equipos multidisciplinares nos que aportan non só os coñecementos técnicos do ámbito no que traballan, senón a idiosincrasia como educadores e “xogadores de equipo”. Moitos dos educadores físico-deportivos tiveron un pasado ou un presente como practicantes de deporte no que aprenderon certos valores como o traballo en equipo, a cultura do esforzo…que son moi valorados á hora de traballar. Os deportistas e a poboación en xeral son cada vez máis exixentes, saben o que queren e xa non lles vale os profesionais que non teñen unha formación sólida. Hai que pensar que os profesionais que traballan en exercicio e deporte non paran de formarse nunca, as horas de formación e experiencia práctica dun profesional “senior” no noso sector é moi alto.

Da túa etapa de deportista seguro que tes mil anécdotas. Recordas algunha que te fixese cambiar o xeito de enfocar o teu aprendizaxe/ensinanza? 

Pois a verdade que teño mil anécdotas si, cando viaxas moito e estás con xente moi diversa é imposible que non che pasen cousas, jeje. Pero como experiencia que me marcou no meu enfoque no proceso de ensinanza/aprendizaxe, e que gardo especial cariño, foi a miña estancia dun mes adestrando en Xapón. Fun seleccionado pola Federación Galega de Judo xunto con catro compañeiros, e pasamos un mes adestrando cos mellores judokas do mundo na Universidade de Tenri (alí o deporte de elite se práctica no eido das universidades). Alí aprendín moitas cousas, moito judo, pero sobre todo unha maneira de traballar. Eran adestramentos moi duros, moi intensos e con moita presión, pero respirábase unha cultura orientada ó esforzo, e un sistema de traballo acorde a un dos principios do judo “Jita Kyoei”, que significa axuda e prosperidade mutua. O judo é un deporte moi complexo no que tes que adquirir as competencias “bebendo de moitas fontes”, precisas dos adversarios para mellorar, e eses adversarios colaboran a que ti sexas mellor dando o máximo. Todo isto non é posible sen un alto grado de responsabilidade e compromiso, eses valores máis grandes doses de esforzo e traballo en equipo, son os que tento transmitir cando ensino e tamén cando me toca aprender, sendo un proceso simultáneo ás veces.

Coméntanos un pouco como é o teu traballo, o equipo, as metodoloxías, a innovación…

Son moitos os papeis que teño que interpretar ó longo dun día, e cada semana, pero aínda que cada faceta ocupa un volumen de tempo determinado dependendo do día e da época, tódolos días leo ciencia (artigos ou capítulos de libro) e estudo un pouco para poder aplicar o que aprendo ás diferentes facetas que “interpreto”. Considero fundamental a formación continua ó longo da vida. Tamén dou clases na universidade e coordino alumnos e doutorandos. Diseño, colaboro, escribo e reviso estudios científicos. Teño reunión cos deportistas de alto nivel que levo a distancia, dou adestramento do grupo de competición no Judo Club UDC, e xestiono xunto co meu equipo a sección deportiva do clube. En cada faceta inverto bastante tempo en reunións online e presenciais, marcamos obxectivos e coordinamos as tarefas empregando ferramentas de calendario, de xestión de tarefas e de mensaxería, e teño que dicir que sempre me marco unha serie de obxectivos por día e por semana ós que nunca chego, jeje, aínda que intento analizar sempre á orde de prioridade coa seguridade de que tarde o cedo serei capaz de pechar todo. Por iso, con tal volume de traballo aprendín a desfrutar cada momento do meu traballo, empatizar con cada persoa coa que formo equipo e centrarme máis nas solucións que nos problemas.

– Tes colaborado co SERGAS en materias relacionadas coa prescrición de exercicio para a saúde. Como está implantado esta cuestión desde as administración e cales serían as necesidades e pasos nesta dirección?

A miña colaboración co SERGAS xurdiu principalmente dende o eido da Cátedra SXD Galicia Activa, que se articula a través dun convenio entre a Universidade da Coruña e a Fundación Deporte Galego, e que coordinan os profesores Eliseo Iglesias Soler e Manuel Giráldez García. Principalmente colaboro nas funcións de asesoramento na implementación, seguimento e avaliación nas medidas do Plan Galicia Saudable en materia de avaliación e prescrición de exercicio para o fomento da actividade física e a loita contra o sedentarismo. Ademais, tamén formo parte do grupo de docentes que dan formación na Escola Galega da Administración Pública ós nosos profesionais do exercicio e deporte. Na miña opinión, a Xunta de Galicia está moi comprometida coa introdución dun modelo de saúde que inclúe os resultados da avaliación da condición física como indicadores da saúde e a prescrición de exercicio como motor na prevención de enfermidades e no tratamento destas. Existen fortes evidencias de que o exercicio físico cando é practicado de forma regular axuda na prevención e tratamento de enfermidades non transmisíbeis, e é un factor coadxuvante a outros tratamentos, tendo beneficios beneficios para saúde física e cognitiva. Non existe un fármaco nin unha combinación deles que sexan capaces de mimetizar tódolos efectos beneficiosos que aporta a práctica de exercicio regular. Creo que que os educadores físicos deportivos que se especializan no emprego do exercicio para a mellora da saúde de diferentes colectivos, teñen e terán un papel moi importante na sociedade. Todos sabemos que ó mellor exercicio que existe para mellorar a saúde é aquel que se fai de forma regular, sen embargo, actualmente a falta de adherencia na practica regular é un dos factores que máis nos preocupa. A mellora na adherencia relaciónase por un lado co axuste dos parámetros do exercicio ás características individuais (e do entorno) e obxectivos dos practicantes, e tamén co establecemento dun hábito de practica que se consegue a través dun proceso educativo. Por todo isto, na miña opinión os profesionais que se decantan a traballar na mellora da saúde empregando a ferramenta “exercicio”, deben ter ou obter formación nas respostas e adaptacións que a practica regular produce en persoas con diferentes condicións e características, e tamén formación en como educar para que de maneira progresiva a persoas se adhiran á practica regular.

Con respecto ás persoas maiores, que son actualmente un dos obxectos das túas investigacións, vense avanzando en moitos aspectos, pero seguro queda aínda camiño por andar. Que opinión tes sobre o exercicio físico que realizan, como e con quen o realizan, e como se podería mellorar? 

A Organización Mundial da Saúde ven de publicar no 2020 á guía de recomendacións en materia de actividade física e comportamentos sedentarios. Nesta guía faise especial énfase na necesidade de mellorar a funcionalidade das persoas maiores, é dicir oriéntanos a que non nos centremos tanto na enfermidade senón na solución. E ben sabido que a mellora da funcionalidade en persoas maiores é a base para aumentar a práctica de exercicio de forma regular, e viceversa. Hai que aclarar que existe unha relación dose-resposta entre a práctica de exercicio físico e a mellora da saúde, polo que as recomendacións da OMS son unha declaración de mínimos desexables, pero a nosa función é fomentar a práctica regular de exercicio multicompoñente ó longo do maior número de anos posibles. O colectivo de persoas maiores ten características moi heteroxéneas, por diversas razóns, poderíamos dicir que envellecemos de modo moi diferente, polo tanto as características dos programas de exercicio que realizan deben reflexar estas diferencias. A miña crítica construtiva sobre os programas de exercicio para persoas maiores é que soen ser moi conservadores e demasiado estandarizados. Os programas deben construírse en función da condición física das persoas, das súas necesidades de funcionalidade e atendendo ás posibles contraindicacións relativas ó exercicio que presenten. Ademais, o colectivo de persoas maiores e un colectivo que soe caracterizarse por ter máis dalgunha condición ou enfermidade e consumir un ou máis medicamentos que poden interferir nas respostas ou adaptacións ó exercicio. As ciencias do exercicio están avanzando moito na mellora do coñecemento nestes aspectos, polo que considero que a base de mellora na prescrición de exercicio neste colectivo é un traballo multidisciplinar no que cada profesional aporte ciencia e experiencia no seu campo e coñeza o suficiente do campo dos outros para poder deseñar programas eficientes.