Tras rematar os seus estudos no INEF Galicia na Universidade da Coruña, fundou RRSalud, co obxectivo de respostar ás necesidades de benestar persoal e vida saudable entre a cidadanía. Ademais, colabora regularmente con diferentes cadeas de televisión, radio e prensa xeral e especializada, nacional e internacional.
Moi bo día Rubén, un pracer que poidas participar nas conversas do COLEF Galicia. En primeiro lugar quixeramos felicitarche por ser novo colaborador da nosa sección Colexiad@s en Rede, que recentemente vimos de inaugurar, con aqueles EFD máis comprometidos e reinvindicativos nas RRSS coa profesión.
O pracer é mutuo. Sempre é un orgullo poder colaborar con quen loita polos nosos dereitos, representando e dando voz a todo o colectivo na loita contra o intrusismo e irregularidades que padecemos no mundo laboral. Ademais de axudarnos atendendo e solucionando a nosas dúbidas cunha gran profesionalidade.
– Da túa etapa de formación, que era o que máis atención lle poñías? Xurdiron inquedanzas para o futuro?
Bueno, a verdade e que durante a etapa de estudante o que máis interese puxen sempre foi nas asignaturas que na miña cabeza eran máis importantes.
Xa se sabe que cando somos xóvenes pensamos dunha maneira e a medida que pasan os anos imos madurando e aprendendo dos nosos erros. Recordo cando nunha revisión de exame tiven un gran consello de Rafael Martín Acero, o que aproveito para mandarlle un afectuoso saudo. R.M.A: “Rubén todo é importante, no só o que che gusta. Hai que poñerlle ganas a todo”. Sen dúbida un gran consello que dende entón aplico continuamente.
A min sempre me gustou moito o adestramento. Sen embargo, antes de entrar en CAFD fixen dous anos de dereito nos cales me decatei realmente do que me pedía o corpo. Un par de meses antes do verán foi cando decidín deixar todo, preparar as probas de acceso o INEF para poder recibir a mellor formación para ser un gran adestrador. Unha vez dentro, cada día xorden inquedanzas sobre que rumbo a tomar, cara onde orientarte profesionalmente.
Pero, sempre digo que o tempo acaba mostrándoche o camiño a seguir. Por iso, aconsello a todo o mundo calma… Ir estudando e pouco a pouco as saber cara onde dirixirte.
– A túa traxectoria profesional vai da man do deporte saúde. Como está a mudar nos últimos anos e cales son as últimas novidades?
A verdade é que sempre me gustou moito traballar no campo da readaptación física. Axudar a unha persoa a recuperar rendemento e calidade de vida tras unha lesión ou incluso unha operación é moi bonito.
Algo que veño observando dende fai algúns anos é que cada vez máis persoas acuden ao meu centro buscando respostas e solucións os seus problemas que levan arrastrando desde fai tempo. É por esta mesma razón que creo que xa é unha realidade que a xente vai vendo que o traballo de forza pautado por un profesional da actividade física é clave para unha rápida recuperación.
Como novidade nos tempos que corren, podo dicir que, aumentaron moito as persoas que con isto da pandemia decidiron facer adestramento a distancia, é dicir, online. Desde o meu punto de vista é unha boa alternativa. Sobre todo, porque sen ela moita xente non faría nada de actividade física. Na miña opinión, sempre que se planifiquen sesións ven adaptadas a persoa, tendo unha boa cámara, e tamén moi importante, unha boa conexión a internet sairán todas xenial.
– Chámante asiduamente os medios de comunicación. Cales son os motivos principais das túas colaboracións con eles e as mensaxes que máis transmites á súa audiencia.
Aínda recordo a primeira vez que saín na TV. Todo foi dunha maneira moi de súpeto…Case sen tempo para pensar! Recordo que estaba cunha clase de adestramento persoal a iso das 20:00 hrs cando soou o teléfono. Chamaronme para saír en V Televisión ás 21:00 hrs no directo dos informativos da noite, falando sobre os beneficios de camiñar 10.000 pasos diarios e aproveitar e contar algunhas cousas de interese para o público. Ao parecer a miña entrevista gustou moito, e foi cando me chamaron para facer uns videoconsellos para La Voz de Galicia para estar máis saudables. Aí comezou todo.
Co tempo fóronme chamando de máis sitios (TVG, ABC Bienestar, Cadena COPE, Radio Galega, Venevisión Plus, 20 minutos, Quincemil, Runners World España, TELVA, Radio Voz, etc.), para facerme entrevistas, videoconsellos ou artigos.
Cando son entrevistas de TV ou radio sempre me gusta deixar moi claro que non hai que obsesionarse con adestramento. O importante é moverse un pouco sempre e comer de maneira saudable e variada. Moita xente pensa que isto de coidarse é un suplicio. Por iso, creo que temos a obriga de mostrar a xente que a realidade é moi distinta. E que con pouquiño podemos facer moito ben o noso corpo.
Cando se trata de artigos para revistas ou prensa fago o artigo relacionado en base o que me solicitan (exercicios clave para ter un bo físico, mellora de composición corporal, adestramento en xexún, baixada de rendemento por corentena, etc).
Dependendo do medio que se trate emprego un vocabulario máis xeral ou máis técnico. O importante é falar no idioma do público que nos está a ler.
– Fálanos un pouco do teu traballo como Educador Físico Deportivo, o equipo, as metodoloxías, os servizos, os clientes..
O traballo de educador físico deportivo para min é algo maravilloso. Encántame o trato coa xente e gústame moito ver como melloran en cada sesión.
Moitos días a sesión marca un antes e un despois nos seus dias. Xa que a miúdo a xente acude con dores, estrés, etc., e durante o adestramento van deixando fora os problemas, van despexando a mente, van eliminando dores… Ao mesmo tempo vanse poñendo en forma.
Sempre fun un gran defensor do traballo multidisciplinar. Por iso, sempre colaboro cun fisioterapeuta, un traumatólogo, un podólogo e unha nutricionista. O máis importante é que o cliente/paciente reciba o mellor servizo posible. Con respecto o tipo de cliente que pode chegar o meu centro, a expresión sería “de todo”.
Teño adestrado desde deportistas profesionais da máis alta élite deportiva, que buscan correr, saltar, sprintar máis e mellor, ata unha persoa que sinxelamente acode buscando alguén que lle axude a gañar calidade de vida.
Moitas veces non temos en conta isto último, ”calidade de vida”, e penso que non deberiamos de perder de vista ese obxectivo nunca, máis alo do rendemento. Ter calidade de vida significa gañar a nosa máis importante competición: “Chegar a vellos o máis xoves posible”.
-Habitualmente no colexio atendemos queixas sobre persoas sen cualificación que ofrece servizos deportivos, coa túa experiencia, cales son os maiores problemas que estamos a padecer os educadores físico deportivos?
Dende o meu punto de vista o que sucede é que a xente non ten suficiente información para poder distinguir claramente un profesional da actividade física dun intruso. Isto é debido a que as RRSS fan moito dano, xa que calquera pode subir videos , consellos , etc… Mal que nos pese, estamos no mundo no que unha imaxe a miúdo vende máis ca mil palabras.
Por iso, coma en internet aguanta con todo e calquera persoa é libre de publicar o que lle apeteza, poderiamos tomar accións fora da internet. Ao igual que temos un carné de colexiados, creo que unha boa medida sería que, todos os colexiados teñan un distintivo na porta dos seus centros deportivos. Unha placa indicando que é un centro membro do COLEF.
Por outra parte, o principal problema que observo é que esas persoas sen cualificación oficial traballan con tarifas irrisorias, que aínda por riba de dar mal nome á profesión afectan enormemente o mercado. Non obstante, creo que cada vez máis xente intenta informarse da formación que ten o seu futuro adestrador.
Así que, creo que imos por bo camiño. Pasiño a pasiño!
-Na túa opinión, os educadores físico deportivos estamos creando algún conflito de competencias con outras profesións, por exemplo coa fisioterapia, dietética-nutrición, medicina…?
Sinceiramente, penso todo o contrario. Creo que salvo algunhas excepcións que poidan acontecer coma en calquera ámbito, a maioría que nos dedicamos á saúde e á preparación física buscamos que os nosos clientes teñan do bo o mellor.
E iso conséguese moito máis fácil cun traballo multidisciplinar onde cada especialista aporta o seu punto de vista, logrando así que a persoa teña un tratamento de dez.
– Como empresario e profesional, como ves o futuro da profesión e do ámbito do deporte-saúde a curto e medio prazo?
Dende o meu punto de vista a saúde non é unha moda senón unha tendencia. A xente cada vez ten máis conciencia de ter unha vida máis saudable. Na miña opinión, ven un futuro moi interesante para poder desenrolar a nosa labor axudando a moitas persoas.