Seleccionar página

Saúdos a aquelas e aqueles que nos seguides neste formato, hoxe temos unha conversa especial! Para nós é un pracer poder contar co grupo da Universidade da Coruña “ESAFEX: Educación, Saúde e Actividade Física: Estudos de xénero”, nas conversas colexiais, a primeira que se vai facer de xeito colectivo a un grupo de investigación.  

En primeiro lugar queremos felicitar a todo o grupo polas diferentes iniciativas, en particular pola organización da Xornada Internacional “Sexismo no contexto físico-deportivo e experiencia para o cambio”, que terá lugar en formato on-line, os vindeiros 8-9 de outubro deste 2021. Desde xa moito ánimo e moita sorte co evento!

De esquerda a dereita: Natalia Fraga (64.501), Claudia López (EFD 65.645), Marina Castro (EFD 58.382), e Cristina López (EFD 8.375)

Faládenos un pouco do grupo, integrantes, inquedanzas, obxectivos, actividades.

ESAFEX é un grupo de investigación da Facultade de CC do Deporte da Universidade da Coruña (UDC) que, como o seu propio nome indica, ten unha ampla diversidade de temas de investigación. Concretamente, as mulleres que estamos implicadas na organización desta Xornada, somos dúas alumnas de doutoramento que, xunto coa doutora e profesora Cristina López Villar, temos un grupo de traballo centrado nos estudos de xénero (GEXAFD) no que tamén están involucradas outras graduadas en Ciencias da Educación Física e o Deporte. Cada unha de nós ten un perfil profesional e uns intereses distintos, pero todas compartimos a preocupación pola problemática do xénero. Este feito, levounos a comezar a reunirnos periódicamente para crear unha rede común onde enriquecernos dende diferentes prismas. Así, se ben é certo que cada unha ten a súa liña profesional ou investigadora, tamén realizamos accións conxuntas como proxectos de investigacións ou a organización de xornadas como esta.

E por suposto presentar ás persoas colexiadas que o formades, a súa dedicación, como están a contribuír…

Aínda de que no grupo estamos máis persoas, na organización desta Xornada está principalmente a doutora Cristina López Villar, colexiada nº 8375. Ela é Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC e profesora na Facultade de CC do Deporte. A súa carreira investigadora está principalmente ligada ao estudo das mulleres deportistas na historia.

E por outra banda, contamos con dúas alumnas de terceiro ciclo, Claudia López López e Marina Castro García, colexiadas nº 65645 e 58382, respectivamente. Claudia realizou un Mestrado en Comunicación Deportiva e, actualmente, compaxina o seu traballo nunha axencia de comunicación coa súa labor investigadora, a cal está centrada na promoción da actividade física en redes sociais dende a perspectiva de xénero. Pola súa parte, Marina, fixo o Mestrado de Profesorado e a súa liña de investigación céntrase no estudo do contexto físico-deportivo como axente educativo para a igualdade; ademais, é contratada predoutoral na Facultade.

Finalmente, están Natalia Fraga Pena e Lucía Noya Casas, ex-alumnas da Facultade. Natalia, colexiada nº 64501, recentemente rematou o Mestrado de Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, e actualmente é adestradora persoal. Lucía, colexiada nº 63457, está a cursar o Mestrado en Discapacidade e Dependencia e tamén traballa como adestradora.

Entre todas, estamos a desenvolver as labores de organización destas Xornadas tales como contactar con poñentes, facer orzamentos, difundir o evento, etc. Ademais, Cristina será unha das responsables de abrir o evento, e tanto Claudia como Marina participarán en mesas redondas.

Organizar un evento sempre é un reto, pero de seguro que neste tempo que nos está tocando aínda máis. Como foi todo o proceso e que resposta agardades?

O proceso foi realmente complicado e longo. Comezamos coa idea da Xornada en 2020, nun dos peores intres da pandemia, aspecto que nos levou a ter moitas dúbidas sobre organizalo dun xeito presencial ou en liña. Porén, e por desgracia, a incerteza da situación, fixo que nos decantaramos por realizar un evento seguro para todas as persoas, e elixir o formato en liña. Ademais, este mesmo motivo, obrigounos a pospoñer a data, obtendo moi boa resposta por parte das persoas poñentes, ás que agradecemos enormemente a súa participación e implicación.

Agardamos que todo o esforzo realizado teña unha resposta positiva e contemos cun importante número de asistentes, tendo en conta que está aberto a calquera persoa interesada na temática e que é de balde.

Sexismo na educación, no deporte, nas redes…, son temáticas presentes na nosa contorna. Como están a influír o tempo no que vivimos nestas cuestións e que é o que nos imos atopar nas xornadas?

Non cabe dúbida que o deporte e a educación sempre foron uns dos axentes sociais máis importantes na transmisión e reprodución, ou transgresión, dos valores dominantes como, por exemplo, o sexismo. Ademais, as redes sociais están cada vez máis presentes e teñen máis impacto na sociedade, polo que tamén son un arma de dobre fío a ter en conta nas cuestións de xénero.

Por todo isto, nesta Xornada imos reflexionar e repensar estas problemáticas, intentando aportar ideas coa finalidade de empregar estas ferramentas en prol do cambio, a rotura de estereotipos sexistas, e a loita pola igualdade de xénero dende o contexto físico-deportivo.

Se quixeramos coñecer máis, onde podemos atopar máis información sobre vós, as xornadas, as temáticas de actualidade?

Para coñecer máis a fondo o noso traballo e inquedanzas, así como para informarse sobre as xornadas, convidámosvos a visitar a nosa páxina web https://www.udc.es/gl/mulleredeporte/ ou escribirnos ao correo electrónico gexafd@gmail.com.