.
JORGE FORTES NOGUEIRA. Nº colexiado: 12.156
Moi bo día Jorge, antes de nada agradecerche este tempo de conversa no que dar a coñecer a túa persoa como colexiado e a túa traxectoria profesional, con especial fincapé na túa labor de integración a través do deporte.
Moitas das persoas que lean a conversa non te coñecerán persoalmente nin a que te adicas actualmente, polo que antes de nada gustaríanos saber o que nos queiras contar e destacar.
Primeiramente, moi agradecido ó COLEF pola atención e recoñecemento. Ademais de Licenciado CCAFD son Mestre en Educación Física e técnico de Fútbol con licencia UEFA Pro; adicado á docencia (Primaria, Ciclos e Universidade), ao fútbol e ao deporte formativo e inclusivo.
A actividade que realizas de integración a través do deporte tivo bastante repercusión, pero onde naceu a iniciativa?
Coido que ten unha orixe innata, como a docencia, na vontade de aportar e axudar ós demáis. Comecei colaborando como voluntario con ACEESCA, Castro Navás, Fundación Menela, San Francisco, etc., como guía e socorrista acuático en diferentes competicións de FADEMGA e Special Olympics por toda Galicia.
Esa vocación tivo o seu cumio axudando a Álex, un neno con TEA e un 47% de discapacidade, a xogar ao fútbol federado nun contexto adaptado as súas posibilidades. Este logro permitiume coñecer a Iván e organizarlle o seu primeiro partido…, con 18 anos, e coa axuda e implicación de xogadores, familias, clubes, técnicos, árbitros, medios de comunicación, federacións e deportistas profesionais (Iago Aspas, Rubén Blanco…) seguimos a traballar co obxectivo de que sexan moit@s máis.
Como se crea unha licenza PDA (persoa discapacitada autorizada) deportiva?
Como un “pasaporte deportivo” que permite adaptar o estándar federativo ás capacidades reais de nen@s que, sen axuda, poden perder a posibilidade de desfrutar e integrarse a través do deporte. A licencia PDA de Álex na RFGF foi un caso pioneiro, derrubando barreiras inadmisibles na nosa sociedade, que debe servir de espello para outr@s cativos.
Afortunadamente as administracións públicas estatais, rexionais e locais estanse a implicar cada día máis na inclusión de persoas con diversidade funcional, tanto no eido deportivo como no educativo. Con máis recursos humanos e materiais para á súa integración.
E a resposta social é abraiante, recoñecendo os méritos de deportistas galegos que son auténticos ídolos e referentes para xeracións presentes e futuras. Paga a pena investir nesa aposta por unha sociedade máis inclusiva e igualitaria.
Dando por coñecido que adestrar coa esixencia do rendemento deportivo non é doado, cal é a relación que mantedes cos vosos deportistas e as queixas máis habituais coas que te atopas?
É fundamental adaptarse ao contexto de cada clube e etapa. Foi moi distinto o Coruxo FC do RC Celta xuvenil, da A.D.M. ou as Seleccións de Vigo. Eu procuro ser honesto, xusto e comprensivo con todos. A xestión do grupo e individual ten unha importancia capital, nuns tempos nos que os medios materiais e a profesionalización dos técnicos ofrecen un nivel formativo extraordinario ás novas xeracións de deportistas.
Como “queixas”, coido que quizais, tendo as mellores condicións, a “cultura do esforzo” dos deportistas de hoxe en día é menor que outrora e que fai falla valorar máis aos profesionais, como fan noutros países que seguen procurando técnicos na nosa terra. Hai que poñer en valor aos nos@s e o seu traballo na mesma medida que se fai noutras profesións.
Máis ca nunca estase a facer evidente a importancia da actividade físico deportiva para a saúde e a convivencia, ben contrastado tamén científicamente, pero que pensas que falta para que se valore realmente?
Penso que, do pouco positivo que se pode extraer destes tempos tan duros é que o conxunto da sociedade puido decatarse da enorme importancia da actividade físico deportiva para a saúde física e mental. No confinamento os rapaces adaptáronse moi ben á docencia virtual e dese xeito non estrañaron as linguas e as ciencias. Pero todos, nenos e adultos, botamos en falla moitísimo á actividade física como unha necesidade vital esencial.
A EDUCACIÓN FÍSICA representa unha materia imprescindible e prioritaria na formación para á vida dende Infantil a Bacharelato. Debe ter a consideración que merece no currículo.
Cóntanos un pouco, como manexas emocionalmente os teus adestramentos e integración a través do deporte?
Entendo que vai no carácter de cada un. Eu procuro ser próximo e didáctico cos cativos mantendo unha perspectiva máis lúdica que competitiva. Plantexando aprendizaxes de xeito que vaian analizando e descubrindo o sentido de cada xogo, tarefa ou estratexia para comprender e decidir mellor por si mesmos. Coido que resulta formativo e motivante.
Cun obxectivo fundamental: tentar que tódolos nenos se sintan valorados, importantes e desfruten esforzándose por acadar o seu máximo potencial para axudar ó equipo.
Nesa liña a integración de nen@s especiais no deporte é unha magnífica oportunidade para satisfacer as súas necesidades lúdicas, sociais e emocionais. Pero tamén o é para tódolos seus compañeiros. Álex e Iván educan a súa contorna. Sacan o mellor de todos nós: xogadores, técnicos e familias.
En que pode perxudicar o intrusismo o profesional os proxectos deportivos nos que estás involucrado? En que te apoias para tentar melloralo?
Sen dúbida a nosa profesión ten no intrusismo unha problemática e loita permanente. Na miña etapa como xestor deportivo sempre esixín a contratación de técnicos titulados e unha remuneración superior á de costume. Dese xeito formei un equipo de bos profesionais cun salario máis digno e con contrato, nun sector (fútbol) no que non era habitual.
A xustificación ben dada polo nivel de formación, responsabilidade e dedicación dos centos de profesionais deportivos implicados que ofrecen un servizo educativo e saudable de gran valor para a sociedade. Pero a miúdo non vai moito máis alá de cubrir gastos.
De xeito semellante, estarás perto doutros educadores físico-deportivos que están a realizar proxectos que teñas de referencia pero que non sexan coñecidos. De que maneira vos axuda este contacto?
É tremendamente valioso e o motivo fundamental desta conversa. A atención do COLEF sirve para difundir os pasos que imos dando, os obstáculos que se van salvando e abrir camiño para outr@s nen@s en diferentes deportes e actividades.
Nese sentido hai que VALORAR e AGRADECER a moitísimos voluntarios, profesionais, fundacións, centros, federacións e asociacións que fan unha labor encomiable por mellorar a vida de auténticos CAMPEÓNS e CAMPIOAS que seguen loitando a diario por salvar barreiras inxustas e intolerables.