Seleccionar página

 

 

PROPOSTAS REALIZADAS POLO COLEF GALICIA AOS PARTIDOS POLÍTICOS

Poñémonos en total disposición dos partidos políticos para afondar nestas propostas básicas así como noutras que teñen tamén a súa importancia e de seguro serán do seu interese.

1. ORDENACIÓN DAS OCUPACIÓNS DO DEPORTE

  • En Galicia aínda seguimos a agardar que se inicie esta indispensable ordenación, mentres son nove as comunidades do estado que xa o fixeron e a maioría das restantes están a traballar na elaboración das súas respectivas normas. Esta falla de regulación no sector supón un prexuízo grave para a sociedade galega en xeral e para os usuarios de servizos deportivos en particular

2. EDUCACIÓN FÍSICA DE CALIDADE NO SISTEMA EDUCATIVO

  • Implantación dun mínimo de 3 clases semanais de Educación Física dende a educación infantil ata o bacharelato
  • Mellora e adaptación das instalacións e dos equipamentos deportivos existentes nos centros educativos
  • Esixencia de posesión de titulación universitaria en ciencias da actividade física e do deporte como requisito indispensable para a docencia da Educación Física no ensino secundario

3. INCLUSIÓN DA EDUCACIÓN FÍSICA E DEPORTIVA NO SISTEMA DE SAÚDE

  • Creación de unidades de exercicio físico dentro do sistema público de saúde dirixidas por educadores/as físico deportivos/as
  • Fomento da axeitada práctica regular de deporte saudable dende as diferentes administracións públicas galegas

Ver documento completo.

 

PROPOSTAS RECOLLIDAS NOS PROGRAMAS POLÍTICOS

Quen se compromete á regulación profesional do deporte, a aumentar as horas de Educación Física escolar ou a que a saúde pública contemple a práctica físico-deportiva? Bota unha ollada ao resume do COLEF Galicia!

A poucas datas para a celebración das Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020, do 12 de xullo, traémosvos as propostas en materia de Educación Física e Deporte das cinco candidaturas principais que tiveron representación parlamentaria ao longo da pasada lexislatura (ordenados segundo escanos).

 

1. ORDENACIÓN PROFESIONAL DA EDUCACIÓN FÍSICA E O DEPORTE

PP DE GALICIA

  • Solicitaremos do Goberno do Estado unha regulación do exercicio das profesións da actividade física e do deporte que garanta unha práctica segura, homoxénea e universal en todo o territorio.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Non propón.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Modificar a Lei Galega do Deporte incluíndo os anteriores aspectos programáticos así como a regulación de competencias en materia de titulacións mínimas para a xestión e impartición de actividades físico deportivas, impulsando a figura do persoal Graduado na Actividade Física e Deportiva como a necesaria para prescribir exercicio físico a todos os niveis. Desenvolvemento do Decreto que determine o título habilitante para cada prestación de servizos deportivos.

MAREA GALEGUISTA

  • Facer un Regulamento que estableza o marco legal dos títulos e as competencias dos mesmos debido á cantidade de titulacións que hai ao redor do deporte, deixando claro que faculta cada un deles.
  • Crear un Rexistro Público de Profesionais de ciencias da Actividade Física e o Deporte, que permita regular o exercicio profesional no sector en base aos “standares” Europeos.

 

2. SOBRE A EDUCACIÓN FÍSICA DE CALIDADE NO SISTEMA EDUCATIVO

PP DE GALICIA

  • Aposta pola xeneralización da práctica de actividade física e deportiva, traballaremos polo seu incremento no horario lectivo escolar, xunto a outras medidas como a apertura de centros e instalacións deportivas.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Non propón.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Terceira hora de educación física na educación primaria e secundaria, así como incluír a materia de Educación física no Bacharelato e Ciclos formativos.

MAREA GALEGUISTA

  • Reforzaremos unha maior presenza horaria da educación física.

 

3. EDUCACIÓN FÍSICA E DEPORTIVA PARA A MELLORA DA CALIDADE DE VIDA

PP DE GALICIA

  • Avanzaremos nos modelos de prescrición e planificación do exercicio físico cos profesionais cualificados da sanidade e da actividade física e do deporte.
  • Seguiremos estendendo os programas de redución do sedentarismo e fomentando o acceso á práctica físico-deportiva. Continuaremos aquí́ coa especial atención á poboación infantil, implicando ás entidades e organizacións do entorno, principalmente ás agrupacións deportivas escolares, clubs, escolas deportivas municipais e centros educativos.
  • Potenciaremos o programa DAFIS (seleccionado pola Oficina Europea da Organización Mundial da Saúde como mellor exemplo de boas prácticas en España para a promoción da actividade física no ámbito escolar), ampliando os centros e o alumnado participante.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Debemos contemplar a actividade física e deportiva ao longo do ciclo vital.
  • Apoio notorio ás actividades dirixidas á práctica deportiva e actividade física das persoas maiores.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Impulsar a inclusión do persoal Graduado en Ciencias da Actividade Física e do deporte no sistema sanitario con funcións de prevención, rehabilitación e readaptación. Creación de unidades de exercicio físico dentro do sistema público de saúde, dirixidas por persoal titulado en educación físico deportiva.
  • Abaratar o custo económico da práctica deportiva, tamén da federada, introducindo progresivamente toda a practica deportiva no ámbito de cobertura da sanidade pública.

MAREA GALEGUISTA

  • Fomentaremos a coordinación dos servizos de saúde galegos cos centros de promoción da actividade física saudable, con especial atención ás persoas con déficits de autonomía persoal.

 

4. FORMACIÓN E INVESTIGACIÓN NO DEPORTE

PP DE GALICIA

  • Non propón.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Acadar unha alianza entre o deporte e a universidade mellorará non só a formación do persoal técnico (INEF) senón que garante a incorporación do I+D+i á práctica deportiva e sitúa ao deporte como obxecto da investigación e da vangarda académica.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Non propón.

MAREA GALEGUISTA

  • A nosa acción de goberno inclúe a creación dun plan de Formación para os xestores das entidades deportivas do deporte base en colaboración cos actores implicados. Un plan de Formación que inclúe a implantación dun plan de formación de técnicos prescriptores de Actividade Física para a Saúde.
  • Impulsaremos a investigación dentro do sistema universitario galego no eido das ciencias da Actividade Física e o Deporte en colaboración coas Administracións e Empresas do sector. Para isto, crearemos partenados para o desenvolvemento tecnolóxico ao servizo da promoción de exercicio físico e deporte.

 

5. DEPORTE EN IDADE ESCOLAR E DE BASE

PP DE GALICIA

  • O deporte de base continuará como eixe da política deportiva mediante as axudas aos clubs, o apoio ao deporte en idade escolar e ao seguro deportivo gratuíto dos nenos e nenas de 6 a 16 anos.
  • Reforzaremos o programa XOGADE (xogos galegos deportivos en idade escolar), apostando por xogos e deportes tradicionais, polas modalidades inclusivas, e as participacións mixtas ou os deportes náuticos.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Redifinición dos programas de promoción do deporte escolar.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Potenciar o deporte en idade escolar dentro dos centros de ensino impulsando recreos activos.
  • Impulsar a colaboración cos concellos para implantar un modelo que vertebre as actuacións conxuntas en materia deportiva
    para garantir a existencia de escolas deportivas municipais e a participación dos centros de ensino no deporte en idade escolar.

MAREA GALEGUISTA

  • Levaremos a promoción do deporte de base e saudable a través da creación dunha Rede Mancomunada para o impulso do deporte en idade escolar no rural.

 

6. SOBRE O DEPORTE DE COMPETICIÓN

PP DE GALICIA

  • Ampliaremos a protección e os recursos dos axentes deportivos destinados á preparación orientada ao alto nivel e rendemento deportivo.
  • Os deportistas de alto nivel e os clubs de alta competición continuarán vertebrando o máximo nivel competitivo do deporte galego.
  • Especial atención aos deportistas e clubs e en estreita colaboración coas federacións deportivas.
  • Desenvolvemento das distintas especialidades e modalidades deportivas, protexéndose e adaptándose ás particularidades de cada unha delas.
  • Implantación da Oficina de Atención ao Deportista, como unidade ao servizo integral dos deportistas galegos durante e despois das súas carreiras deportivas.
  • Continuaremos defendendo os valores da competición, traballando desde a prevención e desde a contundencia que permite o sistema.
  • Defenderemos a integridade do noso deporte, protexendo e fomentando a súa limpeza e transparencia.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Precísase do compromiso e o traballo cotiá dos responsables autonómicos do deporte neste camiño de alta competición e, tamén, ao final das súas traxectorias colaborando na súa inclusión na vida social e laboral unha vez terminadas as súas carreiras deportivas.
  • Precisamos mellorar a planificación e instalacións para o deporte de alta competición.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Asegurar a participación das seleccións deportivas galegas en competicións internacionais e a representación das federacións deportivas galegas nos organismos deportivos internacionais de forma directa.
  • Potenciar os centros de alto rendemento deportivo, que proporcione ao noso país de servizos de tecnificación deportiva avanzada e axustada á realidade galega, evitando en grande medida a emigración de deportistas.
  • Fomentar a creación e o fortalecemento de clubs deportivos galegos profesionais de referencia en modalidades deportivas que contan cunha gran base practicante, que sirvan de estímulo e espello a nen@s que se inician na práctica deportiva.
  • Realizar unha planificación de eventos deportivos na Galiza, coordinando as distintas administracións deportivas, así́ como promover a participación de deportistas galegas/os en eventos internacionais, especialmente no ámbito lusófono e iberoamericano.
  • Potenciar e apoiar as prácticas deportivas con implantación social de carácter amador. Desgravacións fiscais polos custos asumidos por deportistas amadores/as e os seus familiares de primeiro grao polos desprazamentos en competicións federadas, coa debida xustificación.
  • Apoiar a inserción laboral das e dos deportistas de elite unha vez que se retiran da practica deportiva de alta competición.

MAREA GALEGUISTA

  • Aposta decidida pola participación das seleccións galegas a niveis de competicións oficiais internacionais, estendéndoas a maior número de deportes e categorías posibles.
  • Adecuaremos a través de este Consello Galego de Axudas ao Deporte a concesión das axudas e a súa xustificación por parte das entidades deportivas consonte ás tempadas deportivas.
  • Crearemos axudas específicas ás entidades deportivas para a organización de eventos deportivos.
  • Levaremos ao Parlamento este proxecto para a elaboración e publicación dun baremo conxunto para o reparto de fondos entre as distintas entidades, con criterios obxectivos.
  • Impulsaremos unha liña específica de axudas para os clubs e os e as deportistas galegas que acaden logros a nivel o estado e internacional e incluiremos a aplicación de criterios transparentes e obxectivos nos patrocinios dos clubs de elite, vencellando-os á promoción exterior da imaxe de Galicia e da marca Galicia, o uso da lingua galega e a promoción de valores como a igualdade e as boas prácticas deportivas.
  • Demandaremos das diversas administracións públicas a aplicación da mesma rigorosidade na esixencia do cumprimento das obrigas fiscais e pago de débedas contraídas ás sociedades anónimas deportivas que as demais empresas ou institucións.
  • Impulsaremos un Plan de creación de Centros de Especialización na Tecnificación Deportiva (CETD) no País, garantindo a maior representación de modalidades deportivas en Galicia.

 

7. DIVERSIDADE E COLECTIVOS EN RISCO DE EXCLUSIÓN NO DEPORTE

PP DE GALICIA

  • O deporte feminino continuará primándose nas accións desenvolvidas dende a base ao alto nivel, pasando tamén pola especial atención e defensa do deporte en feminino.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • O deporte adaptado e inclusivo é unha aposta pola saúde o benestar e a integración social das persoas con diversidade funcional e a Administración debe investir no seu desenvolvemento, dende as primeiras idades ate as persoas maiores.
  • Respaldo ás persoas con diversidade funcional e ás entidades que levan anos promovendo a actividade física como un elemento máis desenvolvemento persoal.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Impulsar a igualdade na actividade deportiva, rexeitando a visión androcéntrica que dificulta a participación das mulleres e facendo un especial esforzo na súa incorporación á práctica e á competición deportiva. Apoio público para a visibilización das deportistas profesionais. Impulso ás modalidades de participación mixta.
  • Implantar programas deportivos, tanto lúdicos como competitivos, para persoas con discapacidade, fomentando a integración en todos os eventos deportivos que se desenvolvan no noso territorio.

MAREA GALEGUISTA

  • Fomentaremos o deporte feminino, que debe ter exactamente a mesma entidade que o masculino en todas as disciplinas e niveis.
  • Impulsaremos lexislativa e orzamentariamente a creación do Programa “inclúe deporte” para nenas e nenos en risco de exclusión social e/ou fillas e fillos de familias con escasos recursos económicos, ache gando a estes sectores os valores positivos do deporte, incluíndo aos mesmos nas súas vidas cotiás.
  • Medidas que incentiven a continuidade da práctica deportiva durante a adolescencia, xa que existen condicionantes da socialización que actualmente inciden negativamente sobre a práctica deportiva nesas idades e que inciden moi especialmente coma unha cuestión de xénero.
  • Coordinaremos unha acción conxunta coas asociacións e federacións deportivas para promover a práctica deportiva feminina.
  • O noso compromiso para o deporte de elite pasa por establecer acordos cos medios de comunicación xerais e especializados para a difusión e divulgación das competicións femininas e dos deportes chamados minoritarios e tamén de persoas con discapacidades.
  • Crearemos o primeiro Centro de Tecnificación Deportiva (CTD) hiperespecializado na Discapacidade e avanzaremos na dotación de infraestructuras axeitadas para o deporte paralímpico .

 

8. DEPORTE TRADICIONAL

PP DE GALICIA

  • Apoio especial ao patrimonio deportivo autóctono a través do impulso da constitución dunha Federación de Deportes Populares e Tradicionais, do recoñecemento da billarda como modalidade deportiva e da promoción destes deportes entre a poboación, especialmente no ámbito escolar.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Promover a divulgación e práctica de xogos e deportes tradicionais que gardan memoria da nosa cultura e forman parte do noso patrimonio colectivo.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Recuperar e fomentar os deportes e xogos tradicionais de Galiza, potenciando as federacións, clubs e competicións nacionais, para alén da súa proxección internacional, asegurando asemade unha difusión adecuada a través dos medios públicos de comunicación social.

MAREA GALEGUISTA

  • Achegaremos desde os poderes públicos galegos o fomento dos deportes tradicionais galegos nas escolas e asociacións coa dotación de material deportivo e técnico para a súa práctica nos centros educativos, asociacións culturais, deportivas e sociais para a execución dun programa de acción global de coñecemento e práctica regulada e regular dos nosos deportes nacionais.
  • Impulsaremos para isto unha estrutura federativa para os mesmos e posta en marcha de Ligas Nacionais.

 

9. MARCO REGULADOR DO DEPORTE

PP DE GALICIA

  • Non propón.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Non propón.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Modificar a Lei Galega do Deporte incluíndo os anteriores aspectos programáticos.

MAREA GALEGUISTA

  • Pularemos pola transferencia das competencias en materia deportiva.
  • Desenvolveremos mediante decretos ou regulamentos a Lei do Deporte de Galicia que están sen desenvolver e son un problema á hora de establecer moitas das normas arredor do deporte.
  • As leis galegas do deporte serán actualizadas, garantindo a igualdade de trato, suprimindo as cláusulas contractuais discriminatorias coa muller, fomentando a presenza de mulleres nas federacións galegas das distintas disciplinas e dándolle un trato máis xusto dentro dos informativos das canles públicas de radio e televisión.

 

10. EQUIPAMENTOS E INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

PP DE GALICIA

  • Incluiranse como proxectos subvencionables nas axudas a concellos para infraestruturas municipais os de creación de zonas ou instalacións, e a implantación de medidas que incrementen a seguridade e accesibilidade das mesmas, co obxectivo de fomentar a práctica de actividade física e deportiva entre os distintos segmentos da poboación, e especialmente a das mulleres.
  • Completaranse, asemade infraestruturas dedicadas á actividade física como o novo complexo deportivo e lúdico no que se instalará o parque acuático da comarca de Ourense.
  • Traballaremos tamén para dotar a Galicia de novas infraestruturas deportivas especializadas no alto rendemento como módulos de atletismo, un canal de “slalom” para piragüismo, un centro de surf ou unha instalación permanente para as novas modalidades olímpicas de skate e Bmx.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Non propón.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Implantar un plan coordinado de instalacións e infraestruturas deportivas públicas que elimine duplicidades e que teña en conta a demanda real da actividade deportiva.
  • Elaboración do Rexistro e do Plan de Instalacións Deportivas de Galiza, dacordo co previsto na Lei do deporte de Galiza

MAREA GALEGUISTA

  • Poñeremos en marcha un acordo de colaboración coas entidades deportivas e os concellos para permitir o acceso gratuíto ás instalacións deportivas e aos cursos que alí́ se imparten ás persoas desempregadas.
  • Alongaremos a través da firma dos convenios necesarios coas distintas administracións competentes e os centros escolares, o horario de uso das instalacións dispoñíbeis nos centros escolares.
  • Creación de Plans de aforro enerxético nos centros deportivos mediante a implantación dun programa de medidas de redución dos gastos en iluminación e en caldeira.
  • Dotaremos un fondo extraordinario para colaborar cos concellos na co-financiación das obras menores de conservación e mantemento daqueles centros deportivos de titularidade municipal, con prioridade naquelas obras que xestionen o cambio de modelo enerxético.

 

11. OUTRAS

PP DE GALICIA

  • Non propón.

PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA

  • Sementar a afición por aquelas especialidades deportivas menos coñecidas ou alonxadas do profesionalismo da alta competición é tamén unha maneira de afondar no papel do deporte como lecer, participación e diversidade.

GALICIA EN COMÚN

  • Non propón.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Superar a intermediación provincial, acometendo o traspaso de todas as competencias deportivas (o que implica o traspaso de funcións e servizos) das deputacións provinciais á administración galega.
  • Acometer o traspaso á Galiza da xestión dos fondos públicos e as subvencións en materia de fomento deportivo e infraestrutura deportiva destinados ao noso País, transferindo directamente os fondos do Consello Superior de Deportes, co fin de garantir unha maior eficacia e equidade na súa distribución.
  • Reclamar que as federacións galegas de cada modalidade deportiva sexan as últimas instancias organizativas de cada un dos deportes en Galiza, así como asegurar o seu funcionamento democrático e a racionalización das súas funcións na formación deportiva e no apoio aos novos deportistas.
  • Apoiar especialmente modalidades deportivas que, sendo de recente incorporación, están a arraigar no noso país e mesmo a propiciar presenza internacional do deporte galego, como é o caso do Fútbol Gaélico.
  • Potenciar a actividade turística ligada ao deporte, particularmente, os practicados ao ar libre (náuticos, de montaña, no rural…), evitando sempre o impacto sobre áreas naturais, especies sensíbeis ou elementos patrimoniais.
  • Facilitar o patrocinio e mecenado da actividade deportiva por parte de empresas galegas, impulsando plans que as aglutinen de forma que a súa colaboración poida chegar a un maior número de deportistas.
  • Implantar un seguro obrigatorio de accidentes en deportes de risco para persoas maiores de 18 anos, garantindo a asistencia sanitaria universal a todas as persoas deportistas menores de 18 anos.
  • Dignificación e transformación das actividades de tempo libre, concibíndoas como máis unha forma de educación con enormes potencialidades de formación e mellora social.

MAREA GALEGUISTA

  • Esixirémoslle ao Consello Superior de Deportes a transferencia das competencias en materia de distribución de axudas e subvencións de fomento da actividade e da infraestrutura deportiva.
  • Garantiremos unha mellor distribución territorial e disciplinar desas axudas.
  • Fomentaremos o asociacionismo deportivo nas entidades que traballan na promoción de exercicio fora do ámbito federativo-competitivo.
  • Incrementar a colaboración na xestión pública entre as Administracións e o terceiro sector sen ánimo de lucro; clubs, asociacións ou federacións; elaboraremos, en colaboración coas federacións, un regulamento marco de funcionamento co obxectivo de coordinar e homoxeneizar procedementos e modos de actuación.
  • Reformular as función da Fundación Deporte Galego.
  • Crear o Consello Galego de Axudas ao deporte. Este organismo na súa política de axuda deberá ter en conta a promoción nas entidades federadas de base de valores como a igualdade, o benestar, a saúde e a non violencia, valorando as acción destes nestes eidos na concesión de subvencións.
  • Adecuaremos a concesión das axudas e a súa xustificación por parte das entidades deportivas consonte ás tempadas deportivas.
  • Crearemos axudas específicas ás entidades deportivas para a organización de eventos deportivos.
  • Elaboración e publicación dun baremo conxunto para o reparto de fondos entre as distintas entidades, con criterios obxectivos.
  • Impulsaremos unha liña específica de axudas para os clubs e os e as deportistas galegas que acaden logros a nivel o estado e internacional e incluiremos a aplicación de criterios transparentes e obxectivos nos patrocinios dos clubs de elite, vencellando-os á promoción exterior da imaxe de Galicia e da marca Galicia, o uso da lingua galega e a promoción de valores como a igualdade e as boas prácticas deportivas.

 

12. ACCEDE AOS PROGRAMAS ELECTORAIS DOS PARTIDOS