Seleccionar página

A/A Excelentísimo. Sr. D. Román Rodríguez González

CONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

Estimado Señor,

En datas recentes a Consellería que vostede dirixe fixo pública a proposta de carga horaria das materias de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, que deberán comezar a impartirse a partir do próximo curso 2022-23, como consecuencia da implantación dos novos currículos nesas etapas educativas.

Aínda que valoramos positivamente o aumento da carga horaria na materia de Educación Física no Bacharelato, pasando de dúas a tres sesións semanais, non podemos compartir a proposta de carga horaria da materia de Educación Física na Educación Primaria e na Educación Secundaria Obrigatoria, onde unicamente disporá de dúas sesións semanais.

Como vostede coñece, un dos obxectivos principais da Educación Física é afianzar os hábitos saudables na poboación, e este obxectivo é dificilmente conseguible con só dúas sesións á semana. A UNESCO, a OMS e o Consello de Europa, entre outros organismos internacionais,  levan desde hai anos demandando ás autoridades educativas un aumento da carga horaria da Educación Física nas etapas educativas obrigatorias para que esta materia poida acadar os seus obxectivos de forma satisfactoria. En concreto, a UNESCO, no documento “Educación Física de Calidad (EFC). Guía para los responsables políticos”, elaborado en colaboración con varios organismos internacionais, determinou que a carga horaria mínima necesaria é de 120 minutos á semana de práctica real, o que implica que son necesarias 3 clases á semana de Educación Física.

Neste sentido, un estudo realizado polo COLEF Galicia sobre as ensinanzas mínimas do currículo xa aprobado polo Ministerio de Educación, concluíu que son necesarias máis de 130 sesións en cada curso da ESO e no 1º curso do Bacharelato para poder desenvolvelo con garantías e que poida haber realmente unha Educación Física de Calidade, polo que serían necesarias como mínimo 3 clases á semana de Educación Física (105 sesións no curso).

Ademais da consecución dos obxectivos propios da materia, a Educación Física contribúe a mellorar a saúde da poboación, en especial a contrarrestar as doenzas derivadas do sedentarismo, que favorece o sobrepeso e a obesidade. En relación con esta problemática, a Consellería de Sanidade presentou hai uns días o “Plan de obesidade zero en Galicia 2022-2025”, que ten por obxectivo fomentar hábitos saudables, e que inclúe entre as súas actuacións a creación dunha rede de escolas promotoras de saúde. Vemos este plan como unha actuación de colaboración entre diferentes consellerías, polo que non entendemos que a Consellería de Cultura, Educación e  Universidade non colabore dunha forma clara e decidida, asignando á materia de Educación Física unha carga horaria axustada ás súas necesidades, de tal xeito que posibilite crear esa rede de escolas promotoras de saúde.

Pero esta decisión da Consellería que vostede dirixe é aínda máis incomprensible cando nalgúns cursos (1º e 2º ESO) quedan dúas sesións sen ser asignadas a ningunha materia, senón que quedan a libre disposición do centro, sen ningún obxectivo específico.

Atendendo a todo o exposto anteriormente, solicitámoslle que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade modifique a súa proposta de carga horaria da materia de Educación Física na Educación Primaria e na Educación Secundaria Obrigatoria, ao mesmo tempo que solicitamos unha reunión urxente para expoñerlle as nosas demandas.

Acompañamos esta carta de varios documentos nos que se basean e xustifican as nosas demandas.

DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA

  1. Estudo sobre a carga horaria necesaria para impartir o currículo da materia de Educación Física no Bacharelato (Real Decreto 243/2022). Autor: Grupo de Traballo de Docencia da Educación Física do COLEF Galicia.
  2. Estudo sobre a carga horaria necesaria para impartir o currículo da materia de Educación Física na Educación Secundaria Obrigatoria (Real Decreto 217/2022). Autor: Grupo de Traballo da Docencia de Educación Física do COLEF Galicia.
  3. Observacións e comentarios á consulta pública sobre a Orde pola que se establece a Ordenación e o Currículo da Educación Secundaria Obrigatoria no ámbito da xestión do Ministerio de Educación e Formación Profesional. Autor: Consejo COLEF
  4. Documento: Educación Física de Calidade (EFC). Guía para os responsables políticos. Autor: UNESCO
  5. Carta Internacional da Educación Física, a Actividade Física e o Deporte. Autor: UNESCO
  6. Carta Europea do Deporte. Autor: Consello de Europa