Seleccionar página

David é o director do Centro de Adestramento Personalizado 360 Trainer, situado no barrio dos Mallos (A Coruña).

David, como enfrontas esta situación na túa actividade profesional?

Son momentos difíciles para o noso sector. Cando comezou toda esta situación, no mes de marzo, que é o momento onde hai maior contaxio, parouse todo, e agora en setembro, que é o momento de comezo de curso e o momento de maior afluencia de xente, preséntase tamén complicado. De todos os xeitos, nós tratamos de darlle a volta á situación. Por unha banda, aínda que a xente cre que o adestramento ou o exercicio é algo moi estacionario, nós consideramos que o coidado da saúde debería ser constante, un aspecto que debemos coidar durante todo o ano, e os nosos clientes en xeral responden e comprenden este criterio como a base para atoparse ben de forma permanente e sen altibaixos.

De feito, grazas á plataforma online conseguimos que durante o confinamento os nosos clientes seguisen adestrando desde as súas casas o que lles permitiu manterse activos, desta forma non sufriron o parón propio do confinamento ou dos meses de verán. Non hai dúbida que esta situación de incerteza ante o comezo de curso aféctanos os profesionais da saúde, aínda así tratamos de ser optimistas, e de ofrecer solucións adecuadas para cada situación coas condicións de calidade e de seguridade.

Que medidas de seguridade estás a adoptar para que as/os usuarias/os poidan realizar os seus adestramentos con total seguridade?

Desde o desconfinamiento extremamos as condicións de seguridade. Temos puntos de desinfección na entrada, aumentamos o espazo interpersoal, previndo que as persoas non se crucen; os adestradores levamos as máscaras postas permanentemente, e cada cliente leva a súa máscara. Tamén reducimos os grupos, tema que evidentemente nos afecta economicamente, pero así logramos maior seguridade e que a xente senta cómoda. Estamos a tentar que a xente non se deixe vencer polo medo; algo que vimos é que quen se mantén activos, están máis sans física e mentalmente, o que lles permite afrontar moito mellor a situación que estamos a pasar.

Por exemplo, temos un grupo de persoas maiores, de máis de 70 anos, pechamos o local para que adestren tres días á semana con total seguridade. Foron as primeiras persoas, despois do desconfinamiento, en comezar o adestramento e senten cómodas e seguras. O obxectivo é que non deixen de ter actividade, xa que a nivel físico como psicolóxico é moi necesario.

Que tipo de adestramento é o máis demandado neste momento?

O máis demandado está a ser o adestramento personalizado e o adestramento en grupos familiares, é dicir, parellas ou familias que queren adestrar xuntos, por razóns de seguridade. E tamén algo que estamos tendo en conta, son as actividades extraescolares das nenas e nenos, que neste momento está moi no aire, lanzamos unha actividade que se chama Training Kids que está destinada a nenos e nenas a partir de 6 anos, nas que en grupos pequenos de máximo 6 e en horario de actividades extraescolares, de 16 a 18 h imos facer actividade física específica para combater o sedentarismo e que poidan divertirse mentres adestran. A idea é cubrir esa falta de actividades extraescolares que van ter moitos colexios e tamén que as familias poidan conciliar, porque de feito cónstame que hai moitas persoas que están a ter moitos problemas, xa que estaban afeitos ás actividades extraescolares cubran esa parte do seu horario laboral, e agora atópanse con esta dificultade. Tamén ofrecemos a posibilidade de que pais e nais poidan adestrar, ben ao mesmo tempo ou no momento que teñan dispoñible, tentamos crear as mellores condicións para a conciliación e facer deporte. E engado que os centros de adestramento estamos a poñer todas as medidas para que se faga deporte coa maior seguridade posible.

Que actividade física recomendas para este momento?

Estamos a observar que moitas persoas están a ter problemas a nivel cardiorrespitarorio, cústalles respirar, o sistema cardiovascular e respiratorio están afectados pola tensión, o sedentarismo e o uso continuado da máscara.

Por iso nós estamos a incidir moito, ademais de ter os nosos programas de adestramento de cardio e de forza, estamos a prestar especial atención ao tema postural e respiratorio.

Dámonos conta desa dificultade respiratoria?

Si, moita xente dáse conta, pero non asocia que se deba á situación que vivimos. Simplemente di, “oe, que respiro mal” “atópome máis canso”, “dóeme máis a cabeza”. Saben que está a fallar algo pero non detectan a que se debe. Danse conta cando fan unha boa sesión para traballar toda a musculatura, para mellorar a respiración, notan que saen moito mellor, din “desapareceu a dor de cabeza”, “teño unha respiración máis tranquila”, “durmo mellor”, que é un dos problemas que estamos a ver.

David que custo ten facer adestramento persoal no teu centro?

Temos prezos que van desde 45€ ao mes ata 200€ ao mes, en función do tipo de servizo e do número de persoas.

O que estamos a facer é adaptarnos para facilitar ás persoas o que lle convén mellor, temos adestramento en parellas, en pequenos grupos ou adestramento en grupos un pouco máis grandes. Poden conciliar co seu traballo, xa que temos flexibilidade para grupos de mañá ou de tarde.

Hai persoas que me comentan, que os recursos económicos que tiñan destinados ao lecer, agora estano investindo nun adestrador persoal, xa que senten a necesidade de coidarse e danse conta de que non é algo, dalgún modo elitista, senón que está ao alcance de todas e todos e que a medio prazo sae rendible porque asegura a consecución de obxectivos en condicións de máxima seguridade.

A xente está a responder moi ben, xa que sente a necesidade de coidarse, ademais, tamén incorporamos o adestramento online que veu para quedar, e que o utilizan persoas que polo seu traballo ou comodidade necesitan este formato e algúns o intercalan adestrando no centro e online. Desta forma facilitamos opcións presenciais, online e mixtas para que todo o mundo poida manterse en forma elixindo as actividades que mellor se adapten aos seus obxectivos, como adestramento de forza, Pilates, ioga, hipopresivos ou programas específicos para perder peso ou recuperarse de lesións.

Temos que animarnos e facer fronte cunha actitude adaptativa e positiva a esta situación.

Os centros temos todas as medidas para facer exercicio dun modo seguro, e animamos a todos e todas a ter a mellor actitude ante esta situación que nos toca vivir. Tamén recomendamos sempre buscar a profesionais apoiados polos colexios profesionais, o que garante a calidade do servizo. No caso dos profesionais do adestramento e da saúde contamos co Certificado de “Servizos Profesionais Seguros” outorgado polo COLEF-Galicia. Consideramos que para o coidado da saúde a través do adestramento, non “todo vale” e que só os profesionais con titulación e experiencia podemos ofrecer servizos de calidade apoiados polas institucións.

Fonte: entrenosdigital.com. Marisa Fernández. 07/09/2020