Seleccionar páxina

O COLEF Galicia presente na presentación do “Plan 2 Millóns”

O pasado 7 de outubro, a Cidade da Cultura acolleu a presentación oficial do Plan 2 Millóns, un evento estratéxico para o futuro do deporte e da actividade física na nosa comunidade ao que asistiron o presidente do COLEF Galicia, D. Henrique Xoán Rodríguez Pantín, e o presidente do CONSEJO COLEF e vogal da nosa xunta de goberno, D. Vicente Gambau i Pinasa.

Dende o COLEF Galicia celebramos este tipo de iniciativas que buscan mobilizar e mellorar a calidade de vida da poboación galega. Ao mesmo tempo, queremos lembrar e reafirmar unha cuestión fundamental: a saúde e a seguridade da cidadanía requiren contar con Educadoras e Educadores Físico-Deportivos (EFD).

Para que calquera plan de fomento da actividade física sexa realmente eficaz, seguro e sostible no tempo, é indispensable a intervención de profesionais colexiados/as, con titulación universitaria e a cualificación técnica necesaria para valorar, planificar, executar e controlar o exercicio físico ou práctica deportiva.

Tamén, para que o plan sexa viable, executable e sostible no tempo —e non quede nunha mera declaración de intencións— é indispensable que conte cunha orzamentación e financiamento económico á altura dos obxectivos propostos.

Seguimos traballando e colaborando coas institucións para garantir unha Galicia máis activa, saudable e profesionalizada.