Dende o COLEF Galicia queremos compartir unha boa nova para a nosa profesión.
O Concello de Vigo vén de notificarnos a resolución ás alegacións que presentamos fronte á aprobación inicial da súa RPT, e celebramos que estimaran as nosas demandas.
Que conseguimos?
- Que o posto de Xefe/a do Servizo de Deportes – Director/a Deportivo/a deixe de ser de libre designación e pase a cubrirse por concurso, garantindo así maior transparencia, mérito e capacidade.
- Que se recoñeza que estes postos deben ser desempeñados por profesionais con titulación en Ciencias do Deporte, reforzando a necesidade de contar con persoal cualificado no ámbito da actividade física e deportiva.
O Concello recoñece expresamente que estes postos deben estar ocupados por persoas con formación especializada no ámbito deportivo, o que supón un avance significativo na defensa profesional dos/as Educadores/as Físico Deportivos/as.
Dende o COLEF Galicia seguimos apostando e loitando pola defensa da profesión e das persoas colexiadas polo tanto este é outro logro alcanzado dende a nosa corporación polo traballo realizado e apostando pola constancia e polo rigor técnico xurídico que fixo posible este resultado.
Trasladamos tamén a nosa noraboa ao Concello de Vigo pola rectificación e pola sensibilidade amosada cara á profesionalización do servizo público deportivo.
Dende o COLEF Galicia seguiremos traballando con firmeza para garantir que os postos vinculados á actividade física e ao deporte sexan ocupados por profesionais cualificados, en beneficio da cidadanía e da calidade dos servizos públicos.