[Vía Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)]
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
Hoxe, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) mantivo unha reunión con representantes do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (COLEF Galicia), co obxectivo de explorar novas vías de colaboración para promover a saúde e o benestar no ámbito laboral.
Durante o encontro, tratáronse diversas iniciativas centradas na importancia de integrar a actividade física nos espazos de traballo para mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras. O sedentarismo no traballo é un dos factores que afecta á saúde laboral, polo que fomentar a actividade física regular se presenta como unha das mellores estratexias para previr riscos laborais e mellorar o benestar integral. Estas acción alinéanse coa Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, especialmente no seu eixo 6, centrado na promoción da saúde no traballo e o benestar laboral.
Ambas institucións coincidiron na necesidade de fomentar hábitos saudables que incidan de maneira positiva nas condicións laborais de todas as persoas traballadoras, coa finalidade de mellorar a súa saúde física e mental. Neste sentido, a colaboración entre o ISSGA e o COLEF Galicia permitirá desenvolver proxectos que integren a actividade física de maneira efectiva no día a día das empresas galegas, co obxectivo de ofrecer mellores condicións de traballo e un ambiente máis saudable.
O ISSGA segue comprometido coa promoción da saúde laboral, e esta colaboración co COLEF Galicia supón un paso máis na súa estratexia de mellorar a seguridade e o benestar nas empresas de Galicia.