Seleccionar página

DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2021

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A), susceptible de ser financiado parcialmente polo Fondo Social Europeo (FSE), e o Programa II de microempresas (TR500B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Programa I persoas traballadoras autónomas: axudas ás persoas traballadoras autónomas, incluídas as persoas autónomas societarias. Este programa está financiado con 30.000.000,00 €, susceptibles de ser financiados polo FSE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, dentro dos cales 5.000.000,00 € están reservados a aqueles sectores cuxa actividade estivese especialmente paralizada.

Programa II microempresas: axudas as microempresas, persoas traballadoras autónomas con persoal a cargo. Este programa está financiado con 30.000.000,00 € con cargo aos fondos finalistas e propios da Comunidade Autónoma, dentro dos cales 5.000.000,00 € están reservados a aqueles sectores cuxa actividade estivese especialmente paralizada.

Programa I. Persoas traballadoras autónomas (código de procedemento TR500A)

  1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia e que teñan o domicilio fiscal en Galicia, incluídos os autónomos societarios que teñan unha alta anterior ao 30.3.2020 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 % nos termos establecidos no artigo 19.3.
  2. As persoas autónomas societarias, que estean de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar con data anterior ao 30.3.2020 e indiquen no anexo I unha empresa da cal sexan societarios cunha porcentaxe de participación mínima do 25 %, e que cumpra os requisitos de baixada de facturación.

Importe das axudas

  • 1.200 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación entre o 45 % e o 60 %.
  • 2.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60 % e de menos do 70 %.
  • 3.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou ben ata o esgotamento do crédito.

Programa II. Microempresas (código de procedemento TR500B)

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas e das persoas traballadoras autónomas, sempre que teñan persoal contratado por conta allea ao seu cargo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 %.

Excepcionalmente, poderán ser beneficiarias as empresas que teñan ata 25 persoas traballadoras e o volume de facturación non sexa superior a dous millón de euros no último ano en que se presentasen contas e acrediten un descenso de facturación superior ao 60 %. No caso das pemes pertencentes ao canal de distribución Horeca, o volume de facturación elevarase ata os cinco millóns de euros.

Persoas ou entidades beneficiarias

  1. As persoas ou entidades beneficiarias serán as persoas traballadoras autónomas, as microempresas e, excepcionalmente, as pemes conforme o indicado no artigo anterior, sempre que teñan persoal contratado por conta allea ao seu cargo e que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 %.
  2. Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese un descenso de facturación igual ou superior ao 70 %.

Importes das axuda

  • 4.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de entre o 45 % e o 60%
  • 5.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60 % e de menos do 70 %
  • 6.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou ben ata o esgotamento do crédito.