Seleccionar páxina

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025 — Dende o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (COLEF Galicia), queremos trasladar publicamente a nosa preocupación polo feito de que o programa “Pulso Activo”, emitido pola Televisión de Galicia (TVG), sexa conducido por unha persoa non cualificada para intervir profesionalmente en actividades de adestramento personalizado e non por unha Educador/a Físico Deportivo/a.

Segundo a información da que dispoñemos, a persoa finalmente elixida para desempeñar as funcións de adestramento non posúe a titulación universitaria en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e, consecuentemente, tampouco está colexiada. Este requisito é imprescindible para garantir a seguridade das intervencións, a adecuación profesional e o cumprimento das competencias regulamentadas no ámbito do exercicio físico orientado á saúde.

Cómpre lembrar que, a través da difusión realizada polo COLEF Galicia, presentáronse candidaturas de profesionais colexiados/as, con formación específica e plenamente capacitados/as para asumir con solvencia e responsabilidade este tipo de funcións nun medio de comunicación público.

Adicionalmente, queremos manifestar a nosa inquietude pola orientación que se ten observado nalgúns dos programas xa emitidos. Detectamos unha exposición sexualizada da persoa que conduce o espazo, así como unha comunicación centrada en estereotipos físicos e estéticos que se afastan dos principios fundamentais da promoción da saúde, da responsabilidade profesional e da mensaxe baseada na evidencia científica.

Este enfoque, ao noso xuízo, contribúe negativamente á educación en hábitos saudables, especialmente nun contexto de difusión pública.

Por todo isto, consideramos oportuno facer constar estas observacións, tanto respecto da idoneidade profesional da persoa que debe conducir o espazo como da orientación dos contidos emitidos. Facémolo co ánimo construtivo de favorecer a calidade, a seguridade e o rigor profesional nun programa que, pola súa natureza, debería estar claramente aliñado coapromoción da saúde e co exercicio físico cualificado.

COLEF Galicia reafirma o seu compromiso coa defensa da profesión e coa protección da cidadanía, especialmente no que atinxe á práctica segura e responsable do exercicio físico.

ACCEDE A NOTA DE PRENSA