Os concellos interesados en participar na nova convocatoria do Programa de Actividade Física e Saúde para persoas maiores de 60 anos deberán cumprir unha serie de requisitos e serán valorados segundo criterios obxectivos que garantan a calidade do servizo ofertado.
Requisito imprescindible: Titulación universitaria en Ciencias da Actividade Física e do Deporte
Será obrigatorio contar cunha persoa licenciada ou graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte como profesional responsable da execución do programa. Este persoal poderá ser:
- Persoal propio do concello.
- Persoal de empresas de servizos que colaboren co concello.
A importancia de contar con persoal colexiado no COLEF Galicia
A colexiación no COLEF Galicia non só acredita a cualificación profesional e legalidade do exercicio, senón que tamén garante:
- A capacitación técnica e pedagóxica específica en actividade física e saúde.
- O compromiso co Código Deontolóxico da profesión.
- A vixilancia do exercicio profesional, fronte a malas prácticas ou intrusismo.
- A seguridade das persoas participantes, especialmente no caso de poboacións maiores ou con necesidades específicas.
- Un valor engadido para os concellos, que amosan o seu compromiso coa calidade e coa profesionalización dos servizos que ofrecen á cidadanía.
Ademais, os concellos que conten cun Plan Local de Saúde aprobado pola Consellería de Sanidade terán preferencia sobre o resto na selección.
Criterios de selección e puntuación
A valoración das solicitudes farase en base aos seguintes criterios:
1. Persoal profesional implicado (ata 50 puntos)
A puntuación será automática segundo a formación e situación colexial do persoal posto a disposición do programa:
- 50 puntos: Máster en Actividade Física e Saúde (ou similar) + colexiación en COLEF.
- 30 puntos: Formación como promotor/a da actividade física e saúde (FDG-EGAP) + colexiación.
- 20 puntos: Colexiación en COLEF.
2. Programas de actividade física e saúde para maiores de 60 anos (ata 30 puntos)
Valorarase a calidade, variedade e adecuación do programa ofertado, que deberá:
- Ser impartido por persoal técnico cualificado.
- Ter control de asistencia e supervisión das sesións.
- Realizarse en instalacións públicas e/ou privadas.
- Incluir prezos accesibles e actividades adaptadas a diferentes niveis e necesidades.
A puntuación (ata 30 puntos) será asignada mediante xuízo de valor.
3. Experiencia previa en programas de prescrición de exercicio desde centros de saúde (ata 15 puntos)
Valorarase con 5 puntos por programa realizado que implique a derivación de pacientes desde os centros de saúde a servizos deportivos municipais. (Valoración automática)
4. Experiencia en programas de valoración da condición física saudable (ata 5 puntos)
Concellos con centros educativos participantes en proxectos como DAFIS ou similares recibirán 5 puntos. (Valoración automática)
Este programa supón unha oportunidade para os concellos de reforzar o seu compromiso coa saúde pública a través da actividade física, especialmente entre a poboación maior. A profesionalización do servizo e a colaboración cos centros de saúde son claves para o éxito desta iniciativa.
Contar con persoal colexiado supón apostar pola excelencia profesional, a legalidade e a saúde pública con garantías. Un paso firme cara a un modelo de envellecemento activo, responsable e sostible.
Prazo: desde 25/04/2025 ata 09/05/2025