O MINISTERIO DE CULTURA E DEPORTE PUBLICA A ENQUISA DE HÁBITOS DEPORTIVOS EN ESPAÑA 2020
[Vía Consejo COLEF]
Cinco anos despois da última Enquisa de Hábitos Deportivos da poboación española, o Ministerio de Cultura e Deporte publica as últimas estatísticas que, a pesar de que parecen mostrar un considerable incremento da práctica deportiva (aumenta 8,6 puntos a porcentaxe de persoas que declaran practicar deporte polo menos unha vez á semana), son cifras que deben observarse con escepticismo, debido a que o período estudado aínda estaba inmerso en restricións e peches de instalacións e servizos que estaban a provocar cambios nos hábitos da cidadanía, e descoñécese cuán perdurables poderán chegar a ser. Cada lustro o Ministerio de Cultura e Deporte publica a Enquisa de Hábitos Deportivos en España.
Nesta ocasión, cun ano de atraso debido á pandemia, volvemos ter datos actualizados da práctica deportiva en España, e ademais incorporouse un apartado sobre o impacto da Covid-19 durante o período de confinamento de abril a maio de 2020. O dato máis relevante: pouco máis da metade da poboación practica deporte polo menos unha vez á semana, un 54,8% (cunha media de 312,4 minutos por semana), e só o 27,1% da poboación declara unha práctica diaria. Estas cifras están aínda moi lonxe de mostrar unha sociedade o suficientemente activa segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.
A brecha entre homes e mulleres segue sendo preocupante, de 7,3 puntos na práctica diaria, e de 9,4 entre aquelas persoas que sinalan unha práctica de polo menos unha vez á semana. Por outra banda, é destacable que, aínda que a Enquisa non integra a variable dos ingresos, si sinala que a maior nivel de estudos, maior interese por practicar deporte. Isto tradúcese en que as persoas con ‘educación superior’ que practican deporte todos os días son un 32,9% e polo menos unha vez á semana un 68,4%, mentres que tan só o 20,8% das persoas con ‘primeira etapa de educación secundaria e inferior’ practícao todos os días, e polo menos unha vez á semana o 39,2%.
Cabe mencionar que nesta ocasión consideraron se a práctica foi dirixida ou libre, aínda que teñen en conta a todas as persoas que practicaron deporte no último ano (59,6%). De todas elas, o 34,1% sinalou facelo de forma dirixida, mentres que o 85,5% fíxoo de forma libre. Neste caso existe unha gran diferenza entre homes e mulleres, pois dos primeiros o 24,7% practicou deporte de forma dirixida, e as segundas fixérono no 44,9% dos casos.
Da mesma maneira, parece ser que o nivel de estudos tamén inflúe na elección de práctica supervisada: 38,6% no caso de persoas con ‘educación superior’ e 28,6% en persoas con ‘primeira etapa de educación secundaria e inferior’. Con todo, todos os datos desta Enquisa haberá que observalos con escepticismo, pois a recollida realizouse entre os meses de setembro do 2020 a xaneiro de 2021, e isto significa que gran parte do ano polo que se preguntou ás persoas enquisadas partía dunha situación moi diferente, tanto para a práctica físico-deportiva da poboación como para o sector: cambios nos hábitos debido aos confinamentos e as restricións, peches de instalacións e servizos, etc.
Un dos reflexos máis claros das limitacións desta Enquisa pódese ver nos resultados sobre o lugar onde adoitan practicar deporte: en 2015 o 19,4% dicía facelo en casa, mentres que nesta ocasión a cifra alcanzou o 36,3%. Recomendamos a todas as persoas educadoras físico deportivas que examinen con detemento todos os resultados da Enquisa de Hábitos Deportivos, porque, aInda que sexa complicado observar a tendencia real do último lustro ou década, si é interesante como marcador transversal da situación que xerou a pandemia, para así poder elaborar as próximas estratexias e afrontar decisións que sigan promovendo a práctica deportiva segura, saudable e de calidade na poboación española.
Entre a cantidade de gráficas que ten este estudo quixeramos destacar un par delas: na primeira (G. 8) reflíctese a consecuencia clara de ter que permanecer confinados (aumenta a práctica de AFD no fogar), e na segunda (G. 20) a modificación de hábitos cara a unha práctica ao aire libre que provocou o confinamento.