O TSX de Galicia dálle a razón ao COLEF Galicia e anula a convocatoria da praza de coordinador de deportes do Concello de Lalín.
Galicia, [17/03/25] – O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou a favor do COLEF Galicia en apelación, anulando as bases, convocatoria e adxudicación da praza de coordinador de deportes do Concello de Lalín, que esta entidade recorrera e que en primeira instancia non fora estimada.
A resolución xudicial destaca a esixencia da titulación universitaria en Ciencias da Actividade Física e do Deporte como requisito indispensable para acceder a dita praza. Este fallo supón un importante paso máis na defensa da profesión , co obxectivo de que os postos de dirección técnica na administración deportiva sexan ocupados por profesionais coa cualificación axeitada
O COLEF Galicia quere tamén denunciar o incumprimento da Lei do Deporte de Galicia por parte dalgúns concellos, que continúan a ignorar a normativa vixente ao non esixir a formación específica para cargos técnicos e de xestión deportiva. Ademais, a inacción da Secretaría Xeral para o Deporte (SXD) resulta preocupante, xa que debería velar polo cumprimento do artigo 3, punto h) da Lei do Deporte de Galicia, onde se establece a necesidade de garantir a cualificación dos profesionais do sector. A falta de control e supervisión por parte das autoridades competentes pon en risco a calidade e seguridade dos servizos deportivos que se ofrecen á cidadanía.
Desde o COLEF Galicia, valórase esta decisión como un avance na protección dos dereitos da cidadanía e dos profesionais da educación física e deportiva, reafirmando a importancia da corporación e dos seus fins e funcións dentro da sociedade.