Nova resolución favorable á defensa da profesión tras o recurso presentado dende o COLEF Galicia.
O Concello de Poio estimou o recurso de reposición presentado polo COLEF Galicia e acordou anular a convocatoria e as bases do proceso selectivo para a praza de Técnico/a de Cultura e Deportes.
Aínda que a denominación do posto era “Técnico/a de Cultura e Deportes”, as funcións asignadas na convocatoria correspondían maioritariamente ao ámbito da actividade física e do deporte. En consecuencia, considérase procedente adecuar os requisitos de acceso, esixindo a titulación específica en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, en coherencia coas funcións que se van desempeñar.
Esta resolución supón un novo avance na defensa do exercicio profesional, contribuíndo a garantir que os postos públicos vinculados á dirección, planificación, coordinación e xestión deportiva sexan desempeñados por profesionais coa cualificación académica adecuada.
Desde o COLEF Galicia continuaremos traballando para promover convocatorias que respecten o marco normativo vixente e favorezan a calidade dos servizos deportivos prestados á cidadanía.