Seleccionar página

Diante do anuncio da Xunta de Galicia de elaborar o “Plan de obesidade zero en Galicia 2022-2025”, o COLEF Galicia valora positivamente esta actuación e espera que non se quede nun simple proxecto, senón que consideramos que é totalmente necesario que se leve á práctica, polo que xa trasladamos a nosa colaboración á Consellería de Sanidade para a súa posta en marcha.

Sen embargo, vemos certa incoherencia nas actuacións da Xunta de Galicia, cando ao mesmo tempo que se impulsa este plan, que ten por obxectivo fomentar hábitos saudables, se mantén a materia de Educación Física cunha carga horaria insuficiente na Educación Primaria e na Educación Secundaria Obrigatoria, onde unicamente se teñen asignadas dúas clases semanais.

Son moitos os organismos internacionais (OMS, UNESCO e Unión Europea, entre outros) que levan anos demandando un mínimo de 3 clases semanais de Educación Física co obxectivo, precisamente, de fomentar hábitos de vida saudables. Agardamos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade teña en conta estas recomendacións e modifique a carga horaria da materia de Educación Física para que poida de verdade colaborar na adquisición de hábitos saudables e se poida impartir coa calidade que necesita para contribuír ao desenvolvemento integral da infancia e mocidade galegas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/68630/xunta-elabora-plan-obesidade-zero-galicia-2022-2025-para-fomentar-habitos-saudables