Seleccionar página

O ente provincial coruñés, que financia o mantemento de máis de 70 técnicos deportivos por parte doutros tantos concellos da provincia, carece incomprensiblemente deste persoal indispensable na súa propia estrutura organizativa.

Unha vez conformado o novo goberno provincial en setembro do pasado ano, e con antelación suficiente, o COLEF Galicia (Colexio Oficial dos Educadores/as Físico Deportivos/as da comunidade) mantivo unha reunión na Área de Deportes da Deputación co obxectivo principal de trasladar as achegas e propostas de mellora a nivel profesional para a dita área e especialmente con respecto ao programa anual de subvencións a concellos para persoal técnico deportivo.

Non foi ata o 31 de xaneiro deste ano que a Deputación publicou no seu Boletín Oficial as Bases reguladoras do Programa de subvencións a concellos para o mantemento ou contratación de persoal técnico nos servizos municipais de deporte en 2020, cuxa resolución de concesión definitiva realizou o pasado 19 de maio e da que se fan eco estes días os principais medios de comunicación galegos. Asemade, o 7 de febreiro publicábase tamén no BOP a Aprobación definitiva da relación de postos de traballo 2020 da Deputación da Coruña.

Por desgraza, en ambos os dous documentos comprobamos con tristura que, por parte dunha institución que destacou historicamente pola súa pioneira contribución ao desenvolvemento profesional dos servizos deportivos municipais, se desatenden totalmente as achegas que con ánimo construtivo e modernizador se realizan dende este Colexio Oficial, e que principalmente foron:

  1. Necesidade de contratación dun Educador/a Físico Deportivo/a especialista en Dirección e Xestión Deportiva por parte da propia Deputación.

 A RPT aprobada este ano segue a carecer dun posto específico de dirección na Área de Deportes que poida dotala do indispensable criterio técnico para a súa axeitada organización e xestión (programas, subvencións, eventos…),  tal e como sucede nos demais departamentos da Deputación e dende hai décadas na gran maioría das administracións.

  1. Eliminación do Grao en Educación Primaria como requisito de titulación do persoal subvencionado.

 O Grao en Educación Primaria con mención en Educación Física ten por finalidade específica a formación de mestres que exerzan nesa etapa concreta do sistema educativo e, en consecuencia, non outorga competencias que capaciten para as funcións do persoal obxecto da convocatoria.

  1. Xustificación da correspondencia entre a titulación requirida e a clasificación profesional do persoal subvencionado.

 O seguimento e revisión das convocatorias de prazas e dos cadros de persoal dos concellos subvencionados evidencia que son varios os que están a recibir a cantidade económica máxima, correspondente aos titulados universitarios en CAFD, e sen embargo clasifican aos traballadores en outras categorías profesionais propias de titulacións de nivel inferior (bacharelato incluso, incumprindo o artigo 72 da Lei 3/2012 do deporte de Galicia). Isto suporía, ao noso entender, unha falla na correcta fiscalización dos fondos públicos.

  1. Especificación dunhas funcións propias para o persoal técnico con titulación de formación profesional.

 As funcións definidas para o persoal obxecto da convocatoria correspóndense con competencias exclusivas dos Educadores/as Físico Deportivos/as (dinamización deportiva do territorio, deseño e desenvolvemento de políticas de apoio á práctica deportiva e de xeración de oferta deportiva, garantir o desenvolvemento de programacións de carácter estable), é dicir, aqueles profesionais que contan con titulación universitaria en ciencias da actividade física e do deporte; polo que sería preciso especificar outras para o nivel de intervención propio dos técnicos con titulación de formación profesional.

Dende o COLEF Galicia seguiremos traballando para que a Deputación reconsidere todas estas achegas, e aposte decididamente pola calidade e seguridade dos servizos deportivos que presta aos concellos e á cidadanía, servindo tamén de exemplo así para todos eles e esixindo o cumprimento da legalidade vixente.

En Santiago, a 22 de maio de 2020