Entrevista a Diego Rojo Garrido Educador Físico Deportivo especialista en docencia e asesor do Consejo COLEF como novo membro do grupo de expertos nacionais en educación física.
Colexiado Nº 10.779
Bo día Diego, antes de nada agradecerche a colaboración no espazo de conversas que levamos a cabo desde o COLEF Galicia para dar a coñecer a vosa experiencia, opinión e visión da nosa profesión e do necesaria e importante que é para a poboación en cada unha das súas saídas profesionais.
–Tendo en conta que o teu percorrido no mundo profesional e persoal está ligado a actividade física, cal foi o motivo que che levou a estudar Ciencias da Actividade Física e do Deporte?
Por aquel entón, no 1987, eu era moi afeccionado ao deporte, e practicaba ciclismo en estrada no Clube Ciclista Coruñés. Valoraba opcións diversas, algunas tan diferentes como filoloxía ou xornalismo. Pero a licenciatura en educación física estaba dentro delas e era a miña opción preferente. Como finalmente se inauguraba o INEF Galicia, decidín preparar as probas de acceso durante o verán, paseinas, e ata hoxe.
-Na internet podemos comprobar que eres un loitador nato, no teu currículo deportivo eres o único español en completar a SPARTATHLON no ano 2018, a carreira por asfalto máis dura do mundo na que hai que percorrer 246 km nun tempo inferior a 36 horas. Como foi esta experiencia? Que aspectos axudou a mudar?
O Spartathlon, non sei se a máis, pero é una carreira moi dura polos tempos de corte, selectiva polos requisitos para ser admitido, e está considerada como o mundial de ultrafondo oficioso. Costoume dous anos clasificarme entre acadar as mínimas en 100km ou 24h e pasar o sorteo. O de ser o único español, mais que un valor engadido, para min foi una auténtica mágoa, porque dos catro que iamos eu era o que tiña uns resultados en competición máis frouxos, e houbera sido fermoso ter rematado todos. A razón de chegar a meta en tempo foi, primeiro, a que eu contaba coa asistencia da miña irmán Maite e, segundo, a que eles, por ser do sur, non estaban afeitos a correr en condicións extremas, xa que estivemos máis de doce horas de día e medio baixo “Zorba”, un ciclón de categoría 1, con chuvias torrenciais e ventos de máis de 100km/h. A experiencia foi brutal, no límite físico e psíquico, e tardei meses en recuperarme por completo, pero mudou o meu concepto sobre a resiliencia. Este 2020 voltei a clasificarme xunto con Maite, que tamén é ultrafondista, pero se finalmente se celebra non participaremos polas restriccións e a incertidume derivadas da pandemia.
–Co confinamento estase a percibir unha voráxine de influencers no exercicio físico e o adestramento on-line, e multitude de neopracticantes, coas súas ventaxas e os seus riscos. De xeito paralelo, como está a encaixar a educación física esta crise, desde o punto de vista do profesorado e o alumnado?
A educación física coido está experimentando una renovación constante de contidos desde hai uns anos, incluidas novas materias optativas relacionadas, fundamentalmente da man da voluntariedade do profesorado, que non é alleo ás novas tendencias. No tocante a este curso 2019/20, desgrazadamente, a pandemia supuxo unha ruptura brusca do curso, co profesorado sen tempo, recursos e en moitos casos capacidade de establecer un sistema medianamente eficaz de ensino online. O lema fundamental foi “sálvese quen poda”, cunha administración desbordada e incapaz de facer fronte ao reto, e cun profesorado en boa parte cansado de que a autonomía dos centros sexa empregada como excusa para ser deixado xunto co alunado á súa sorte. Por outra banda, resulta complicado establecer un ensino online para una materia tan experimental e vivencial como a nosa, así que en moitos casos o traballo centrouse en intentar paliar na medida do posible o incremento do sedentarismo que supuxo o confinamento entre a poboación estudantil.
Respecto dos “influencers”, non son máis que o resultado desta sociedade que estamos a crear entre todos/as, baseada máis no visual, no publicitario e no estético, e que realmente non prima o coñecemento o esforzo para adquirilo. Compre proseguir coa labor do COLEF e do Consejo respecto á regulación profesional, e que nun futuro o máis cercano posible vexamos promulgarse, do xeito que xa se fixo nalgunhas comunidades, unha lei de profesións deportivas a nivel estatal que poña orden este reino de taifas no que se está a converter a oferta físico-deportiva, que prime ante todo a protección do usuario fronte a profesionais non cualificados, e que poña en evidencia o fraude que supoñen formacións sen ningún tipo de control nin regulación.
-Desde un punto de vista profesional estás relacionado coa docencia a día de hoxe, que opinas con respecto a materia de Educación Física no vindeiro curso? Ten sentido adicar as aulas de educación física a outras funcións?
Non, por suposto que non, e coido esta é unha polémica que xa está superada e non se debe nin cuestionar, porque a aula de EF ten una entidade e una funcionalidade insustituibles. A labor da materia de EF amosou ser máis importante que nunca, sobre todo desde o punto de vista da saúde. É fundamental que podamos seguir impartíndoa, coas garantías sanitarias necesarias, e que nos vaiamos preparando para os distintos escearios que se podan dar respecto da evolución da pandemia.
-Pola túa traxectoria como docente e ex-asesor da Consellería de Educación, acabas de entrar a formar parte dos grupos de traballo de Educación Física do COLEF Galicia xunto con Óscar Romero, Xabier Villarrenaga e Henrique X. Pantín; e tamén do grupo de expertos en educación do Consejo COLEF, no que participan 12 compañeir@s de toda España. Cales serán as liñas de acción máis urxentes nas que se quere avanzar en cada grupo?
O Consejo COLEF ven de publicar un protocolo de volta ás áulas de EF, que poda servir de base de traballo ás distintas entidades, colexios autonómicos, administracións educativas, os propios centros, etc. Está a disposición do público en xeral. Eu colaborei mínimamente, porque me chamaron para formar parte do grupo a última hora, así que as miñas aportacións foron case nulas.
O seguinte paso, e dado que este protocolo se formula en base a liñas xerais, xa que a realidade de cada comunidade en materia de currículums, instalacións, cadros de persoal, etc, é moi diversa, será intentar concretar as diferentes actuacións para que sexa una ferramenta o mais útil posible para os centros.
Por outra banda coido sería preciso establecer unha canle de comunicación coa administración autonómica xa que a especificidade da nosa materia é completamente diferente ao resto, polo que respecta á movilidade e tránsito do alunado dentro das instalacións, manipulación de material, espazos variados de traballo, etc. O COLEF Galicia deu o primeiro paso hai bastantes semanas, ofrecéndose desinteresadamente a colaborar coa Consellería de Educación. O protocolo mencionado enriba foi enviado a tódalas administración educativas, incluida a galega. Que saibamos, ata o momento non houbo ninguna comunicación ou resposta por parte da Consellería. O que si sabemos é que encargou un protocolo de volta ás aulas a una empresa privada, que non sabemos se vai a ter en conta as particularidades da nosa materia, ou vai a afondar ainda máis nesta profusión de documentos xerais sen concreción ao que nos teñen afeitos as administracións, e que á hora do traballo diario non supoñen ninguna utilidade.
O que nós queremos que nos definan nun protocolo oficial, por exemplo, son cuestión como cantos metros cadrados precisamos, como mínimo, para acoller ata 30 adolescentes en movemento sen mascarilla (porque para determinadas actividades deportivas non se debe utilizar), ou que tipo de materiais podemos usar ou non, que facemos cos tránsitos, cos vestiarios, que actividades podemos impartir a nivel curricular e cales non, que protocolos de limpeza levamos a cabo, quen e como, se tiveron en conta canto tempo vai restar eso ao tempo efectivo de clase, etc.
Tamén entendo que habería que plantexar que se por criterios de aprendizaxe se permiten desdobres, nunha situación de pandemia, e en base a un criterio sanitario, dependendo das posibilidade de cada centro, esto é factible ou non. Nós podemos establecer tódolos protocolos a nivel de colexio profesional que desexemos e que nos parezan oportunos, pero ten que haber un refrendo por parte da administración baseado en criterios estrictamente sanitarios, e tendo en conta a opinión dos profesionais que van a estar traballando nese contexto, que somos nós. Logo cada centro se adaptará en base ás súas particularidades, pero non se pode pretender que asuman a responsabilidade de xeito unilateral e sen unas directrices concretas e útiles. Doutro xeito estaremos nunha situación de inseguridade sanitaria, laboral e pode que incluso de responsabilidade xurídica, porque lembremos que o profesorado somos responsables do que acontece dentro do recinto escolar.
Posibilidades para desenvolver a materia en distintos escearios sanitarios, hai, pero ata o momento todo son incertidumes, e o tempo corre na nosa contra. En marzo non esperabamos nada do que pasou. Agora xa sabemos a qué nos enfrontamos. O protocolo do Consejo define algunas das cuestións enriba expostas, pero quen dicta as normas é a administración, e debe ser clara e concreta ao respecto.
Para rematar, dou as grazas ao COLEF Galicia por darme a posibilidade de expresar a miña opinión nesta conversa, e aproveito para enviar un saúdo e moitos ánimos a toda a comunidade educativa.