Seleccionar página

Entrevista a CRISTINA LÓPEZ VILLAR

Colexiada número 8375

Lugar de traballo FACULTADE DE CIENCIAS DO DEPORTE E A EDUCACIÓN FÍSICA DA CORUÑA

“Hoxe en día o mundo do deporte segue a manter unhas desigualdades a nivel laboral, entre elas as salariales que serían impensables noutros ámbitos”

“É moi frustrante ver nas actividades extraescolares dos colexios como non conseguimos facer propostas de deporte en igualdade”

A profesora destaca entre as pioneiras a María Antonina Sanjurjo Aranaz, fundamental para o impulso do hóckey en Galicia, e tamén o papel que hoxe xogan mulleres como Verónica Boquete

A investigación realizada pola profesora Cristina López Villar sobre as pioneiras na práctica deportiva en Galicia foi un traballo tan difícil como necesario para facer visibles os atrancos que, tamén no mundo do deporte, tiveron e teñen que vencer as mulleres. Agora estase a presentar en forma de libro en diferentes cidades e vilas galegas grazas á súa publicación por parte da área de Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña. López Villar segue a investigar sobre deporte e muller e prepara na actualidade outro traballo sobre as deportistas na dictadura.

-O libro que estás a presentar na actualidade en diferentes cidades galegas, Pioneiras do Deporte en Galicia, é froito dun traballo de varios anos que responde ao teu perfil investigador en materia de estudos de xénero e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Segundo a túa experiencia, que características comúns poderiamos atopar nesas mulleres que abriron camiño no mundo do deporte, tradicionalmente reservado aos homes?

Comecei en 2011 e rematei en 2015 pero estiven á espera de que alguén o quisexe publicar. Foi no 2017 cando a área de Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación enterouse de que existía este traballo de investigación e falou comigo.

No libro presento grande diversidade de mulleres e prácticas, non hai un patrón concreto. De feito, tento non quedarme unicamente no discurso do deporte moderno e falar de prácticas realizadas por mulleres de distintas clases sociais.

-Non debeu ser fácil atopar documentación para este traballo tendo en conta que as mulleres foron historicamente esquecidas no mundo do deporte. Que foi o que resultou máis difícil?           

Efectivamente non foi doado, percorrín moitos arquivos, hemerotecas e bibliotecas por toda Galicia. O máis difícil era localizar onde podería existir algo.

Tamén entrei en contacto con familias de deportistas e conseguín entrevistar a dúas xogadoras do Vigo H. C., un club que naceu en 1932. Tiven que facer moitas chamadas e nalgúns casos non din localizado a algunhas das familias.

-Se tiveras que elixir unha desas pioneiras, cal sería e por que?

María Antonina Sanjurjo Aranaz, era unha muller como dí a súa irmá María Jesús “adiantada ao seu tempo”. Con grandes inquedanzas intelectuais foi unha figura fundamental para o impulso do hóckey en Galicia. De feito, cando se crea a federación ofrécenlle ser presidenta pero prefire ser tesoureira. A súa biografía resumida está en línea no álbum das mulleres galegas.

-Como está a responder o público nas presentacións do libro? É maioritariamente feminino ou non necesariamente?

A miña sensación é que suscitou bastante interese xa que estanme chamando de moitos medios de comunicación. O día da presentación en Coruña acudiron 60 persoas, e non podería dicirche se había máis homes ou mulleres porque estaba moi igualado. Tamén estiven en Arteixo e nun colexio na Coruña.  Agora estou recibindo chamadas de institutos e presentarase tamén en Santiago e Ferrol.

-Aínda que se ten avanzado moito nos últimos anos e parece que agora hai unha especial sensibilidade co tema segue a haber moitas discriminacións hacia as mulleres deportistas con respecto aos homes. Cales son, na túa opinión, as máis importantes?

Aínda que poderíamos falar de diferentes aspectos creo que destacaría as salariais, hoxe en día o mundo do deporte segue a manter unhas desigualdades a nivel laboral que serían impensables noutros ámbitos. Fálase de mulleres profesionais do deporte pero a maioría non o son, traballan e adícanse como profesionais pero non teñen contratos en regra. Tamén seguen a existir certas cláusulas respecto aos embarazo que serían impensables fóra do mundo do deporte.

No ámbito da educación o problema son os estereotipos e como a sociedade contribúe ás veces conscientemente pero outras inconscientemente a perpetualos e construír unha visión de certos deportes tamén estereotipados por sexo. Para min é moi frustrante ver nas actividades extraescolares dos colexios como non conseguimos facer propostas de deporte en igualdade.

-É diferente o deporte feminino do masculino?

Facémolo nós diferente ao pretender que exista un deporte feminino e outro masculino e non “deporte”. Todos os deportes son diferentes entre sí e un partido non ten nada que ver con outro aínda que sexa da mesma categoría e sexo. Hoxe en día existe moita diversidade de manifestacións deportivas, o malo é que sempre usamos como modelo o deporte de elite e masculino. Na actualidade estanse producindo outras manifestacións que apostan por outro modelo de deporte, deportes como o roller derby, onde unha persoa interxénero ou transxénero pode participar sen problemas ou a liga gallaecia de fútbol gaélico onde a participación é mixta, por poñer só dous exemplos.

-Que opinas de que nalgunhas competicións se estean a dar premios inferiores ás mulleres co argumento de que compiten en menor número?

Pois que argumentos ridículos para xustificar a desigualdade sempre os houbo, paréceme xustificar o inxustificable, de alguén que non ten interese en traballar pola igualdade no deporte e que non lle da valor ao traballo das deportistas. O peor de todo é se por riba reciben para ese evento subvencións públicas. Imaxino que ningún home que se apunte a unha carreira pensa se os cartos que paga na inscrición van no premio dos homes, das mulleres ou en pagar as augas…

No fondo tamén é reforzar o deporte masculino, damos máis e mellores premios e iso anima, loxicamente, a máis homes. Unha medida totalmente machista.

-Hai algunha deportista actual que consideres un referente na loita pola visibilidade do deporte feminino?

Creo que hai moitas no día a día anónimas pero unha das máis mediáticas é a galega Verónica Boquete; fixo moito pola visibilidade das rapazas nun deporte considerado tradicionalmente masculino. Sempre que fala o fai cunha visión crítica dos roles de xénero e fixera unha iniciativa para recoller sinaturas para que no viodeoxogo FIFA saísen os equipos femininos de fútbol. Outras iniciativas interesantes son as revista Lideras ou a asociación de mulleres deportistas, pero hai moitas máis.

-Estás a traballar nalgún outro tema relacionado coa investigación que desembocou en Pioneiras do Deporte en Galicia?

Si, estamos cun proxecto I+D+I dirixido pola Universidade Ramón Llull de Barcelona, sobre as deportistas da ditadura e organizamos todos os anos unhas xornadas na Facultade sobre “Xénero, Actividade Física e Deporte”. Para estas xornadas sempre tentamos localizar profesionais que estean a traballar algunha iniciativa en torno á igualdade así que agradecemos que tamén se poñan en contacto con nós, pois de seguro que hai colexiad@s que fan cousas interesantes e non os coñecemos.