Seleccionar página

Bo día Alba, moitas grazas por atender ao colexio nesta sección de conversas. Para os que non saiban cal é a túa traxectoria profesional e académica, cóntanos un pouquiño polo miúdo o que che mantén ocupada e como foi a túa traxectoria ata hoxe. 

Bo día, moitas grazas ó COLEF Galicia por contar comigo para esta conversa. Pois a miña traxectoria profesional comeza vinculada ó deporte que practiquei dende adolescente, o tríatlon. Unha vez finalizada a carreira comecei a traballar como adestradora dende a iniciación deportiva ata deportistas que buscan o máximo rendemento, ao mesmo tempo que continuaba cos meus estudos. Posteriormente, gocei dun contrato predoutoral na UVigo, que me permitiu rematar a miña tese doutoral e iniciarme como docente na universidade. 

Despois de distintos traballos no mundo do deporte, na actualidade a miña principal ocupación desenvólvoa no ámbito da saúde, nunha clínica multidisciplinar na que traballo como adestradora persoal e coordinadora da área de adestramento, ó tempo que o compatibilizo con algunhas horas de docencia na universidade e mantendo o vínculo co tríatlon a través da preparación dalgún deportista.

– Ao longo do teu percorrido profesional acumulas experiencias con moitas persoas. Cales son os momentos que che traen os mellores recordos? Que significatividade especial teñen?

En xeral, ter a sorte de desenvolver sempre a miña carreira profesional en ámbitos cos que desfruto creo que é unha gran satisfacción. Se tivese que falar de momentos concretos, un dos máis importantes sería cando un rapaz con parálise cerebral co que levo traballando varios anos puido rematar o seu primeiro tríatlon ou ter a sorte de que unha deportista que adestraba lograse un diploma paralímpico (a pesar de que polas restricións da Covid-19 non puiden estar presente). Pero, máis que con momentos, quédome coa experiencia de aportar beneficios ás persoas a través do exercicio. Iso é algo que traballando con distintos deportistas sinto, pero especialmente véxoo no meu actual traballo con xente que probablemente nunca tivese pensado acudir a unha adestradora persoal. Aí é onde realmente ves como o exercicio físico pode cambiar a vida das persoas e o gratificante que é poder axudalas a mellorar día a día. 

– Que cuestións, baixo o teu punto de vista, son as que condicionan máis unha carreira profesional, unha vez rematados os estudos universitarios. Que é o primeiro que se plantexa unha persoa egresada e como tenta afrontalo?

Creo que, unha vez rematada a carreira (e non so ó rematala), unha das principais dúbidas é “a que nos queremos adicar”. Temos unha profesión moi bonita e con moitas posibilidades, pero é complicado encamiñarse. Penso que é moi importante buscar algo que realmente sexa vocacional, sen medo a equivocarse no camiño ou a probar cousas distintas. 

A vida laboral son moitos anos e pensar en traballar nalgo que non che guste pode ser moi duro. E o peor é que o van sufrir as persoas que decidan poñerse nas túas mans e tamén a nosa profesión. Con isto, unha vez imos atopando o noso camiño, é fundamental a formación continua para desenvolver con garantías o noso traballo e saber que nos imos atopar con moitas trabas, como pode ser a falta de recoñecemento á nosa profesión e as dificultades económicas que iso supón. Moitas veces incluso se pensa que temos que desenvolver o noso traballo gratuitamente. 

– Tes experiencia tamén no ámbito investigador. Que atractivo ten esta faceta profesional desde un punto de vista profesional? Cales son as oportunidades para poder adicarse con maior adicación?

Eu son unha persoa moi curiosa, polo que para min o maior atractivo da investigación é coñecer o porque das cousas e como se poden mellorar, para iso creo que no noso ámbito é fundamental estar en contacto directo coa profesión para lograr que o traballo feito poida axudar nas problemáticas reais. Persoalmente, a miña experiencia no mundo da ciencia axúdame moito a afrontar retos profesionais e saber a onde recorrer para mellorar, mais a investigación require moitas horas de esforzo que en moitos casos non se ve recompensado. 

Como dicía ó principio, eu tiven a sorte de poder gozar dun contrato predoutoral para realizar a miña tese e nese momento puiden dedicarlle tempo, pero, a nivel xeral (non so para a nosa titulación), penso que no noso país falta moito por avanzar en canto a oportunidades para pensar nisto como unha saída profesional estable e na que se poida desenvolver o traballo con calidade. 

– Coñeces ben as diferentes problemáticas da nosa profesión. Cal é a túa percepción sobre os cambios que se foron producindo e como estamos no momento actual?  

Pois creo que a maior problemática que temos actualmente segue sendo a falta de regulación profesional e o descoñecemento por parte da poboación da nosa profesión, o que leva a non valorar o noso traballo e a moitas trabas na parte económica. Nesa parte tamén nos atopamos, por exemplo, cun IVE desmesurado. Eu traballo con fisioterapeutas e tratamos de que o coste da sesión sexa o mesmo, pero é moi complexo poder abordalo sen que repercuta nos salarios. 

Por outra banda creo que na pandemia se magnificou a problemática da falta de regulación profesional, tendo que deixar de prestar os nosos servizos en varias ocasións, aínda que o fagamos de xeito individualizado, cando por exemplo o comercio estaba aberto ou o deporte federado si podía realizarse; e somos moito máis que deporte federado. 

Imos evolucionando e cada vez estamos presentes na vida de máis persoas, pero fáltanos moito para ter a valoración que creo que merecemos e para poder traballar cunhas condicións dignas e sen intrusísimo. 

– Como se imaxina profesionalmente Alba no futuro, cambiará moito o ámbito da educación física e o deporte nos vindeiros anos? Onde poden producirse os cambios máis intensos? 

Estou segura de que cada vez a nosa profesión vai medrar e estar mellor valorada, iso permitiranos gozar de oportunidades para  desenvolvela dun xeito digno e para que calquera persoa poida contar cun/ha educador/a físico/a se o precisa. No meu caso particular atópome moi a gusto co meu traballo actual, aínda que o avance xeral da profesión tamén me permitiría mellorar as miñas condicións.