Por medio dunha carta dirixida á Dª Carmen Pomar Tojo, o Presidente do COLEF Galicia e tamén docente de ESO, D. Henrique Xoán Rodríguez Pantín, ven de trasladarlle a importancia que debe ter a Educación Física no escenario post COVID-19 dentro do sistema educativo como ferramenta de alfabetización motriz, co fin de previr o desastre para a saúde pública que supoñerán os baixos niveis de actividade física dos/as menores e as xa inevitables consecuencias do sedentarismo.
Asemade trasladóuselle que o noso grupo de expertas/os xa están a traballar para ofrecer ao persoal docente de Educación Física protocolos e pautas, non só en canto á hixiene e organización no centro educativo de cara ao próximo curso escolar, que entendemos que vostedes están a elaborar, senón directrices específicas relacionadas coa materia, os espazos e equipamentos propios e as actividades e organización metodolóxica máis adecuada para protexer a súa saúde e a do seu alumnado.
Por último, ofreceuse a nosa colaboración incondicional e poñemos á súa disposición os nosos recursos e expertos/as, para colaborar con esta Consellería, co fin de establecer protocolos, adaptados ao contexto e aos problemas que se deben solucionar na nosa contorna, para impartir a materia de Educación Física de maneira segura, en calquera dos escenarios previstos o próximo curso, evitando o risco de contaxio, sen que se produzan máis prexuízos para a saúde do alumnado derivados da inactividade física e o sedentarismo.
Accede á carta