Seleccionar página

 

“Os beneficiarios destes servizos [actividade física e adestramento] son os usuarios, por iso sempre deben e debemos esixir educadores físicos colexiados”.

Encantados de que desexes participar neste espazo de conversas colexiais, así podemos coñecerte mellor e poder tomar moitas e interesantes referencias que nos queiras compartir. Cóntanos un pouco sobre…

De onde che ven a paixón polas actividades físicas e o deporte?

Pois a verdade é que dende pequena fun unha nena moi activa, con moita inquietude polo deporte e a actividade física. Era a típica á que lle gustaba todo, dende atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe artístico, natación, baloncesto, voleibol… dende cativa ata a adolescencia pasei por todo tipo de actividades deportivas. O certo é que gustábame todo. Penso que practiquei todos os deportes que ofertaban as escolas deportivas de As Pontes, que foi onde me criei. Un pobo moi vinculado ao deporte do que sairon e  no que continúa a haber grandes deportistas profesionais. Quizáis o meu gusto polo deporte tivo que ver co acceso a toda esa oferta deportiva na que puiden descubrir moi diversas modalidades deportivas e que contribuiu a crear unha ampla bagaxe de habilidades que posteriormente me permitiu elexir e desfrutar de todo tipo de actividades.

Da túa etapa universitaria, que recordas con máis agarimo?

Bueno, teño que dicir que toda a etapa universitaria foi unha época moi feliz, de moitas experiencias e  vivencias estupendas, pero recordo con especial agarimo as primeiras veces que nos quedábamos na sala de usos múltiples para practicar as habilidades ximnásticas, onde desfrutábamos coma cativos, ou as xornadas maratonianas da nosa liguilla de balonmán e por suposto, algunha clase de historia que de verdade fixo historia. Os primeiros anos, onde se cursan a maioría de asignaturas de deportes foron inesquecibles, pero ademáis de porque a min me encantaran as clases de deportes, porque tiven uns compañeiros fantásticos dos que gardo moi bos recordos e cos que conservo amizade. Ah! e non podo deixar de mencionar a maravillosa ubicación do I.N.E.F. da Universidade da Coruña, que foi no que estudei. A pesar de estar apartados dos campus universitarios tiñamos o mellor espazo de adestramento posible, a Praia de Bastiagueiro, alí si que botamos horas e horas, tanto adestrando como desfrutando das tardes de sol ou das comidas a carón do mar.

A túa traxectoria vai ligada ao salvamento acuático e a natación. Cales foron as túas experiencias a nivel deportivo e profesional?

Si, así é. O primeiro deporte que practiquei no medio acuático foi a natación e durante a carreira tiven a oportunidade de ter contacto con deportes como a vela e o surf, que acrecentaron o meu gusto polos deportes no mar. Pero foi a raíz de facer o curso de salvamento acuático e primeiros auxilios cando xurdiu a primeira incursión no mundo laboral como socorrista acuática nas praias de A Coruña e Santa Cristina e que se prolongou durante seis tempadas. Xa na primeira descubrín o salvamento deportivo, un deporte minoritario e bastante descoñecido, pero que me encantou e me permitu desenrolar cualidades de gran valía, tanto a nivel físico como técnico e posuír o adestramento suficiente para poder levar a cabo rescates en situación real. Aí naceu a afección por este deporte, tanto na modalidade de augas pechadas, en piscina, como en augas abertas nos espazos naturais, no noso caso sempre na praia. Comecei a competir e acadei moi bos resultados para una novata.

Fun campeona galega tres anos consecutivos do 2001 ao 2003 e campiona de España coa selección galega no 2001 e 2002.

Fai xa una década disto, pero actualmente, ademáis de converterme en corredora popular, sigo moi en contacto coas actividades no medio acuático saíndo a nadar no mar, ou coa táboa sempre que poido.

Tamén estiveches participando en promoción de hábitos saudables. En que consistía o teu traballo?

Si. Esta oportunidade xurdiu a raíz dun plan que puxo en marcha a Consellería de Sanidade para promocionar estilos de vida  saudables e educación para a saúde.

O plan PASEA, pioneiro na promoción de exercicio saudable en Galicia. Un equipo composto por  educadores físicos  xunto con médicos e outros especialistas en materia de saúde, que achegábamos á sociedade a posibilidade de coñecer e mellorar os seus estilos de vida avaliando o seu estado de condición física a través da realización de distintas probas físicas para medir as capacidades de forza, resistencia, velocidade, flexibilidade, coordinación e equilibrio, e os seus hábitos alimentarios e de vida. A partir de aí facíase un asesoramento en canto a recomendacións de exercicio e alimentación. Normalmente eu encargábame, xunto con outro compañeiro, da proba de medición da  resistencia, na que valorábamos a capacidade aeróbica utilizando a proba do escalón de Harvard, coa que obtiñamos a capacidade de recuperación ao esforzo a través da frecuencia cardíaca.

Esa etapa deu paso a novas inquedanzas profesionais. Por que foron mudando os teus obxectivos?

Bueno, a partir de aí, do contacto que puiden ter coa realidade da sociedade na experiencia do programa PASEA, así como en distintos traballos nas instalacións deportivas fun máis consciente do problema xeral do sedentarismo, da inactividade, dos hábitos pouco saudables…e da necesidade de concienciar e educar en actividade física e exercicio. Os meus obxectivos foron mudando hacia o ámbito da promoción e da aplicación da actividade física e o exercicio como medio para acadar melloras na saúde e, en consecuencia, na calidade de vida das persoas. A miña vida laboral comezou a enfocarse cara a saúde. Especialiceime na prescripción de exercicio en persoas con patoloxías, xa que a experiencia foime mostrando que á hora de adestrar todo o mundo ten e temos patoloxías que debemos ter en conta. Tomou moita máis importancia o obxectivo de mellorar e adecuar as metodoloxías de traballo, o tipo de contidos e os programas de adestramento, non só no caso dos adestramentos individuais, senon tamén na aplicación dos mesmos ás actividades grupais.

Nun intre determinado decidiches emprender camiño pola túa conta. Como xerminou ese proxecto e en que punto está?

Pois a verdade que foi pouco a pouco, a raíz de ir vendo as carencias no panorama da oferta de servizos de actividade física, do intrusismo no noso sector, da  sensación de que non se recoñecese o traballo dos educadores físicos… pero sobre todo das ganas de desenrolar a miña forma de entender os servizos de adestramento, de promocionar o traballo dos educadores físicos e de concienciar á cidadanía da importancia da profesionalidade e da calidade nos plans de actividade física e exercicio.

É así como nace Hello, nice to move you, un proxecto persoal que pretende educar  en actividade física e exercicio, achegar á cidadanía servizos profesionais e de calidade, poñer en valor o noso traballo, concienciar da importancia e da esencialidade da actividade física e o exercicio, sempre baixo a dirección e supervisión dos profesionais competentes.

Acabamos de cumprir cinco anos e continuamos coa mesma ilusión do primeiro día. A pesar de que este pasado ano a situación sanitaria provocada pola pandemia púxonos a proba e houbo momentos complicados, toda esta situación serviunos para continuar avanzando e traballando para mellorar. Implementamos o formato on-line en tódolos nosos servizos e reestructuramos a organización das clases e adestramentos presenciais para adaptarnos ás medidas e ás restriccións vixentes. Continuamos traballando para que non se resentise a condición física dos nosos usuarios coas implicacións que iso podería ter para a súa saúde.

Defendes un traballo interdisciplinar e de máxima calidade. Cómentanos con que profesionais colaboras e que beneficios ten iso para o teu proxecto?

Penso que a nosa profesión compleméntase co traballo en outros moitos ámbitos como pode ser a fisioterapia, a nutrición, a psicoloxía… por iso estar en contacto e colaborar con estos profesionais é moi recomendable á hora de planificar e levar a cabo os  adestramentos e adaptar os programas de exercicio. O noso proxecto bebe destas colaboracións, en ocasións integrando os servizos no propio centro, como no caso da fisoterapia ou da organización de talleres e charlas de diversas temáticas, pero tamén mantendo contacto directo con outros profesionais externos de diversos sectores que poden aportar novas perspectivas e melloras ao proxecto.

Para a xente que non o faga, por que é importante traballar con EFD colexiados/as?

Por se aínda hai xente que non sabe o que é un educador físico, primeiro gustaríame recordar que os educadores físicos son os profesionais da actividade física coas competencias necesarias para planificar, dirixir, supervisar e aplicar os plans de exercicio en toda a poboación. Sucede que, hoxe en día, calquera pode ofertar servizos de adestramento baixo unha apariencia profesional, coa conseguinte intromisión na profesión, pero sobre todo, co risco que iso implica para a saúde. A colexiación controla o intrusismo e garante a prestación dos servizos de actividade física e adestramento cuns estándares de calidade, priorizando unha práctica segura e responsable. Os beneficiarios destes servizos son os usuarios, por iso sempre deben e debemos esixir educadores físicos colexiados.

Ademais desta conversa, onde che podemos atopar?

O noso centro está na Coruña, na rúa Pascual Veiga, 22. Tamén nos podedes atopar nas redes socias, Facebook, Instagram e Twiter e na nosa recén estreada páxina web! hellonicetomoveyou.com

Moitas grazas!