Investigadores do COLEF Galicia e a Universidade de Vigo desenvolven unha tecnoloxía para mellorar as probas de oposicións a policía e bombeiro.
Membros do Colexio Oficial de Educadores/as Físico Deportivos/as de Galicia (Alfonso Castro, Roberto Silva, Andrea Bas, Hugo Marcelo Suárez, Javier Carballo, Pablo Alonso e Diego Vilas), xunto con investigadores dos Grupos de Investigación REMOSS e SPORTS PERFORMANCE LAB da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte da Universidade de Vigo participaron no deseño e implementación da UCB 2.0 ou Unidade de Control de Balanceo para avaliar a proba de flexión de brazos en barra horizontal (tamén coñecidas como “dominadas”), un test físico que habitualmente forma parte dos procesos selectivos de prazas de policía e bombeiros tanto en Galicia como no resto de España.
O instrumento pretende resolver un problema recoñecido na valoración do movemento dos aspirantes durante a execución das dominadas e achegar obxectividade á decisión do tribunal, tratando así de evitar erros nos resultados e queixas ou reclamacións por parte dos aspirantes. Trátase dun modelo de sensor de ultrasónico, que avalía a distancia para determinar o balanceo da persoa executante e achegar unha medida fiable e obxectiva.
O proxecto de innovación, promovido e financiado polo COLEF Galicia, comezou a coordinarse en 2022 polo Grupo Profesional de Valoración de Probas Físicas (VALUOFIS), que traballa no estudo, preparación, valoración e servizos de peritaxe en procesos profesionais de acceso e certificados de probas físicas, sexan policías, bombeiros, prácticos de porto, axentes forestais ou persoal de seguridade. A través dun convenio entre a Universidade e a Corporación Colexial posibilitouse a colaboración en actividades formativas e científicas, sendo esta iniciativa un exemplo da mencionada sinerxia, que en breve estarase a compartir co resto de COLEFs autonómicos e grupos de investigación do propio ámbito profesional.
O dispositivo xa se pode utilizar tanto para o adestramento como para procesos selectivos, e enviaranse polo menos catro unidades xa preparadas a diferentes
localizacións do país. Preténdese continuar ata decembro de 2024 xerando a suficiente información para facer reaxustes nos estándares de calibración do instrumento e os seus protocolos de aplicación, antes de que rematen as actividades programadas.
Membros dos grupos REMOSS, SPORTS PERFORMANCE LAB e VALUOFIS con varios elementos da Unidade de Control de Balanceo UCB 2.0. durante unhas probas realizadas na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte de Pontevedra. De esquerda a dereita: Andrea Bas, Roberto Silva, Javier Carballo e Pablo Alonso.
Diferentes momentos das probas de calibración realizadas en Santiago e Vigo