Seleccionar página

Os malos hábitos de vida na infancia e a adolescencia son unha preocupación a nivel internacional na última década polo impacto que teñen no propio proceso de crecemento, nas relacións coa contorna, e na saúde a medio e longo prazo. No caso das persoas con diabetes tipo 1, unha enfermidade crónica de orixe autoinmune que require un manexo coidadoso, esta situación é incluso máis complexa.

Co desexo de poder axudar a mellorar a calidade de vida da ciudadanía desde diversos ámbitos de coñecemento, e grazas a unha iniciativa de colaboración interprofesional inédita en Galicia, un total de dez responsables e colaboradores/as da Asociación Anedia, o Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e o Colexio Oficial de Educadores/as Físico Deportivos/as de Galicia, comenzaron no ano 2023 un estudo sobre os hábitos saudables entre poboación infantil e xuvenil con diabetes tipo 1.

Nun tempo no que os avances científicos achegan novos escenarios antes inalcanzables, os datos recollidos neste estudo ofrecen unha instantánea dunha poboación moi consciente de todo o esforzo e coidados que require a súa enfermidade, pero cunha marxe de mellora en cuestións que afectan aos hábitos saudables, en particular á necesidade de incrementar o coñecemento, a atención profesional, e o traballo multidisciplinar.

O mércores 12 de xuño ANEDIA Galicia presentou o estudo en Pontevedra, no que se deron a coñecer os resultados e conclusións nunha mesa de debate, con profesionais que participaron na elaboración do estudo, ademais de persoal educativo e sanitario.

O Presidente do COLEF Galicia Henrique X. Rodríguez Pantín #EFD 7.370 xunto con Roberto Silva Piñeiro #EFD 11.215 participaron na presentación. Agradecer o traballo e asistencia aos representantes e autoridades presentes.

A poboación infantil e xuvenil con diabetes tipo 1 analizada mantén hábitos de vida saudables, pois maioritariamente comen froitas e verduras de xeito habitual, consumen bebidas procesadas de maneira ocasional ou para resolver hipoglicemias, contan hidratos de carbono para axudar na xestión das súas glicemias, e practican actividade física lixeira ou moderada.

Estes hábitos, nunha alta porcentaxe dos casos, foron adquiridos baixo asesoramento médico tras o diagnóstico da enfermidade e aplicados a toda á familia, e que son o apoio principal para o control da glicemia e responsabilidades con respecto á enfermidade, e coas que comparten maioritariamente o mesmo tipo de alimentación.

A atención xeral como por parte dos centros escolares e deportivos que perciben as persoas xoves con DT1 participantes denota unha ampla marxe de mellora. Recoñecen un grande apoio sobre todo por parte do servizos sanitarios e tamén das asociacións de doentes, onde realizan unha aprendizaxe fundamental entre iguais.

Logo do diagnóstico, os suxeitos participantes manifestan sufrir cambios físicos e de estado de ánimo, e o 85% recoñece algún síntoma de ansiedade. Neste senso, malia que opinan que a actividade física ten un impacto claro na xestión da súa enfermidade, o 50% non considera importante realizar actividade física a diario. A maioría dos suxeitos (70%), entenden que se coidan con referencias correctas, pero recoñecen que aprenderon (80%) por si mesmos a pautarse a actividade física ou non o teñen claro, e que non outorgan especial relevancia a acudir a un educador/a físico deportivo/a ou psicológo/a para supervisar as rutinas físicas ou psicolóxicas respectivamente.

De cara a mellorar a situación aquí reflectida, faise evidente a necesidade de contar con equipos multidisciplinares na atención da DT1 que incorporen profesionais da psicoloxía, dietética-nutrición e educación físico deportiva, así como en enfermería especializada e traballo social.